Unha estafa emporcallada
Cardalda, Theo - martes, 17 de diciembre de 2019
Xa comezan a meter o medo no corpo á xente do común de que ven unha crise económica. Nola venden como unha desfeita, porén, non deixa de ser outra estafa ao pobo como a que fixeron no 2008 o PP e o PSOE, (lembremos que aínda os bancos non pagaron os 60 mil millóns de euros ao pobo) sendo estes dous partidos que reformaron o artigo 135 con nocturnidade e aleivosía.
Esta estafa ten os seus obxectivos moi perversos contra os cidadáns, virán a por nós, volverán a esnaquizar e seguir apertando o parafuso dúas ou tres voltas máis ata saber onde podemos chegar sen alporizarnos. Seguirán recortando e privatizando a educación e a sanidade, por iso están a falar de que non se pode modificar a reforma laboral nin tampouco a Lei Mordaza; lei esta que lles serve para incriminar á xente do común a base de malleiras e multas, usando as forzas represivas para meternos medo se protestamos ante as inxustizas que está a cometer. Están a acadando que sexamos moito máis vulnerables e pobres, e todo isto o teñen que manter. Ou sexa, trataran de trocar para non trocar nada.
Escoitaremos eses eufemismos tan fermosos aos que nos teñen adoitados: Baixar os impostos directos aos ricos e manter ou subir os indirectos como o IVA ou calquera taxa á cidadanía, a isto lle chaman: estimular a economía. Baixada de soldos: competitividade. Máis horas de traballo: produtividade. Despedimento barato: incentivar o emprego. Logo intentaran outra vez a outra estafa tapando ocos da banca para dicirnos outra mentira:
se cae o sistema financeiro sería peor. Resumindo, privatizar o que aínda queda tratando de alongar a idade de xubilación e baixar as pensións públicas para satisfacer á banca en pensións privadas.
En fin, imos ter o que merecemos xa que intentaran que non chegue a sangue ao río eludindo o conflito social con máis medidas represivas, seguiremos sentados na cadeira de brazos á procura de ollar o sexo dos anxos, discutindo de fútbol como tolos nos bares, divertíndonos con esas TV de salsa rosa e outras truscadas da subcultura como poden ser eses mercenarios troleiros que están a manipular e mentir nos medios un día si e outro tamén. Nos queren amoureados e nos tratan como farrapos.

Cardalda, Theo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora