Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 13 de diciembre de 2019
O asunto vai de prisións

Esperei e arrefriáronseme os pés. Estiven de pé, quieto e sobre as baldosas arrefriáronseme os pés. Claro que, antes, xa se me arrefriara todo o corpo ante unhas Pingas de Orballodeclaracións do noso presidente Núñez Feijóo: que seica é imposible que España teña un bo Goberno se hai que pedilo en prisión. Pois ata poida que teña razón, pero polo menos eses están na cadea cumprindo unha condena que, para un servidor, si é política (e xa sei que vou en contra da maioría, pero...), mentres que outros -políticos- por maiores delitos (enténdase ladroízo) seguen soltos e incluso nos postos nos que realizaron as falcatruadas. É máis, a algúns ata os nomean para outros cargos de máis categoría.

Tamén se me arrefriou a alma cando souben de que o Estado indemnizará con 300.000 euros a un inocente que estivo encarcerado un ano. A indemnización débese, por suposto, a que fora denunciado e acusado en falso. Trescentos mil euros. Por un ano. Un ano preso, na cadea. En soidade. Sen familia. Ó mellor baixo coacción doutros presos. Ou ameazas. Ou maltratos. Aínda que, o peor imaxino que sería o bulebule, o ruxerruxe da súa conciencia pola situación de cargar coa culpa por algo que non realizou. Iso ten que ser horrible: pagar os pratos que esnaquizou outro. Agora o Estado lávase as mans con 300.000 euros. Sigo tendo frío nos pés. Tan só as asaduras, as entrañas están a ferver... coa rabia, coa carraxe.

Nervios

Mastigo nas galletas para matar o tempo. Ó mesmo tempo que escribo para non quedar quieto. Escoito música e contemplo o sol que asoma. Non sei se é un sopro ou un simple músculo que se me contrae ós poucos, pero o caso é que me doe o peito. É venres, festivo, a Constitución. Esa Constitución que se queda vella e que non hai quen bote man dela. Debe haber medo a retocala. Si, non vaia ser que... Bato os pés contra o chan, e non polo frío, senón polos nervios. Son nervioso. Non sei quen me dixo hai un tempo que deixase en paz ás pernas. Estabamos de parola e eu dálle que dálle. Por iso sempre intento facer algo. Para que non me consuman os nervios. Mentres penso, abrigo as mans contra as pernas ó mesmo tempo que estas... dálle que dálle. Agora mesmo seguen tremendo polos nervios e polo ritmo da canción de Les Surfs. Son as cinco menos cuarto da tarde. Tan axiña como remate de escribir, non queda outra que Pingas de Orballosaír a dar unha volta pola Valenzá. Teño medo que me caia a casa encima. A maiores de que aínda me queda un xornal por ler. Agora é o Premio Nobel de Literatura Bob Dylan o que me emociona con “All The Tired Horses”. Esta emoción, e sen que sirva de precedente, déixame quieto coma un paxariño. Por pouco tempo; axiña me asaltan os nervios, que se as pernas, que se os pés, que se as mans rañando a cabeza, que se a cabeza seguindo o ritmo da música, que se os ollos bailando dun obxecto a outro, que se o pensamento furga que furga por entre a maraña do tempo. Nervios.

Son un egoista, e qué?

Sempre quero levar a razón. E discuto por elo. A ver, xa está ben de que outros queiran subir enriba de min. Son un egoísta, e que? Se digo que cruzo o río Arnoia montado nunha vaca, tedes que crerme aínda que non sexa verdade. O caso é que foi verdade. Había chea para cruzar cara Pinouzos, pero había que facelo para ir polos toxos que o pai rozara na Lagoa de Almoite. A auga ben se vía que cubriría o carro, así é que non quedou outra que subirme á Rubia (era a máis mansa, por ser a máis vella) para cruzar o río. É certo que para outras cousas intento esaxerar para poder levar sempre a razón. Fago que entendo de fútbol esaxerando noticias ou comentarios para que ninguén me poida rebater as miñas opinións. Teño dereito a opinar o que me dea a gana! Con razón ou sen razón. Para iso boto sempre a lingua a pacer. A ver, xa estou farto de que opine todo o mundo do que lle dea a gana. Eu quero opinar dos nacionalismos e, maldita sexa!, non me deixan. Así é que esbardallo coma quen baila sen son con tal de poder levar a razón, con tal de que o egoísmo me suba polas entrañas arriba e me deixe máis orgulloso que a un campión de a tres nun zoco. Son egoísta ata comendo feixóns; primeiro como as patacas para, despois, picar co garfo a pracer e mirando de esguello para quen estea á miña beira... por se mos rouban. Os meus irmáns, de pequeno, dicíanme que mirase para arriba e eu, de pasmón, miraba e roubábanme os feixóns. Coa carraxe quería espetarlles o garfo no corazón.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES