Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Pódese pasar? (5)

martes, 10 de diciembre de 2019
Ao Ramón presentábaselle unha oportunidade de serlle simbiótico, útil en definitiva; aproveitouna, feito un cándido:
-Á parte do Chofer, dos tres Gardas e desas mulleres da limpeza..., esas que cociñan na casa do Alcalde, ¿sabe?, estalle o Auxiliar, pero ese..., ¡ese maldito cousa auxilia, salvo na casa da súa chorba!
-¿Como é iso do Auxiliar? -Aquel Secretario, cando interrogaba, máis que preguntas facía imprecacións inquisitoriais, cesáreas.
-Un erro de meu tío, ¿sabe?, que cando morreu aquel Oficial, o Segundo, un home excelente, que ademais era xordo, e por ende, de poucas palabras, pero todas ben medidas e ben comedidas, ordenou convocar oposicións; desas, das libres..., ¡para que entrase o fillo da Porteira! Que non, tío, lle dixen daquela, que o Segundo ten que ser da miña confianza, ¡da miña! Pero el convenceume, ¡de momento!, que me dixo que podía caer Franco, e que viría unha democracia subseguinte, das podres; que había que ir lavando a cara...
¿Caer Franco? Quen caeu, de alí a pouco, foi meu tío, cunhas febres do diaño, que igual foi unha sífilis que lle pegou esa Porteira, a nai dese Xaquín, ¿entende? Xaquín é fillo da Porteira, así chamada porque casou co Porteiro, do Xulgado e mais do Axuntamento; ¡asemade, dous cargos á vez, unha inmoralidade! Neste Churiz, xa ve, a intercomunicación é das catro familias, que o acaparamos todo por..., ¡por dereitos de tradición! ¿Vaime seguindo, don Aurelio? O caso é que esa Porteira, de casada primeiro, e despois de viúva, e meu tío, o último Alcalde, ben sabe, fixéronse favores, ¡recíprocos! Esa maldita pagoulle cun sifilazo mortal, que o estará purgando, ela tamén, terzás e purgacións, no inferno, a base de xofre, ¡que por aló igual non coñecen o permanganato!
O Secretario algo diso tamén sabía; ou máis exactamente, moito: das concomitancias e das endogamias locais, pero seguiu espremendo no seu limón:
-¡Tomo nota! En vista diso, ao Auxiliar recibireino..., ¡mañá mesmo! Ou se cadra, pasado; ¡para que queden marcadas as distancias! ¿Así que ese tío, mellor dito, ese fillo de..., desa Porteira, desa transmisora..., que ata pode ser seu curmán, seu parente, é Auxiliar? ¿Estudou Dereito?
-¡Dereito estudeino eu, pero saín torcido! A miña perdición foi que viñese, co punto, dende Santiago, aquel verán, na época de voltea-la herba..., cando ía en terceiro. Daquela, unha tarde, deume por axudarlle á filla do caseiro a empalla-lo feo, que ameazaba o trono; pois ben, digo, pois mal, que estando niso do feo, alí, no mesmo prado, tronou..., ¡e de impresionados, puxémonos a facer unha porcallada, desas de penetración...!
-Ramón, siga, que eu, entre outras disciplinas que non son do caso, tamén estudei, ¡e precisamente Dereito! Comprendo tódolos siloxismos, á perfección, coas premisas respectivas; tódalas conclusións ab hoc et ab hac; ¡ás dereitas, que meu avó tamén o era, iso, Avogado!
-¿De dereitas, non si? -Aventurouse Ramonciño a preguntar..., ¡non fose o diaño, pois na Facultade tamén os había esquerdosos!
-¿Eu? ¡Xa o ve: ambidextro! -E mostroulle ámbalas mans, algo abertas, formando un cazo. Fodeuno ben, que con aquela "premisa", absoluta, cortante, ao Ramón éralle imposible seguir inquirindo.
A camaradería do Litis, aparente por suposto, con aquela afinidade, relativa, dos estudios respectivos, fixo o resto; e Ramón, captado, cativo e captivo, espapallouse, foise da lingua, ao completo:
-Mire, con franqueza..., o caso é que se estaba tan ben, alí, naquelas brañas, tombados na herba, nun bo xacer, con ese tufo tan..., acalorante..., que niso, neses praceres pecadentos, co brinquete acelerado, ao máximo..., aquela xeira levounos ao sono, caendo nunha especie de modorra. Daquela..., ¡daquela mesmo comezou a conta atrás, esa dos nove meses! Entre meu pai e mailo tío, seriamente advertidos, ameazados pola familia da rapaza, ¡que tiñan un curmán no monte!, convencéronme para casar. ¡Xa ve! Aquela enfermidade, aquel regadío extemporáneo, fertilizante, da miña propia semente...; ¡a verdade é que outro arranxo non tiña! Meu tío, ante aquelas circunstancias, e como regalo de voda, fíxome Oficial; así, de entrada, ao directo, pola vía decretal. ¿Que máis lle podo dicir? A vida é como é, ¡unha consecuencia!, pois iso que empeza por efe de traducido ao galego..., ¡outra compostura non lle ten!
Como era atendido, ¡que máis quería o Secretario que penetrar nos segredos dos seus ínfimos subordinados para captárlle-los puntos vulnerables!, aquel Ramón, ademais de arar, acadullou:
-Mire, outro caso, antagónico creo que se di, élle o dese perillán, o tal Xaquín, pero ese é un experto, ¡ou está esperto, que nunca se esquece de mete-la marcha atrás! Ándalle martelado coa filla do señor Paco, ese xudeu que din que foi masón e que lle perdoaron, daquela da Lei de Represión, por..., ¡por acusón dos outros! É o dono dos Grandes Almacéns, aí, nese cruce da Ponte. Uns almacéns que teñen de todo, ¡de todo menos vergoña! O susodito, o Xaquín, ademais de chulo, élle Perito, ¡Mercantil! E para máis chulería, ¡dáse de comunista! Un vaidoso, que presume de saberse, ao completo, as obras completas dun tal Marx. ¡Si, si, o que oe: comunista, pero acompaña unha herdeira, das do número un!
Aurelio mostrouse conforme pero á súa maneira; ¡outro estilo, outra categoría, outra preparación!
-¡Vaia, vaia; pois, con eses antecedentes, haberá que vixialo de cerca! En proba desta confianza encárgolle a vostede, Ramonciño, esa labor, que agora, ao vir eu, vostede queda aliviado de certas responsabilidades; por exemplo, das relacións públicas. Por de pronto, páseme as Normas do Planeamento; todo o que se refira ás Licencias de Obra, que xa vin que teñen tódolos expedientes nese armario, aí, detrás da mesa do Auxiliar. ¡Iso é unha neglixencia, grave! E concorre, así mesmo, que aquí o experto en Urbanismo son eu; ¡o único experto, a mais de esperto, que veño casualmente de face-la especialidade! Xa verá vostede, xa verá, que urbanidade imos ter, de aquí en diante, neste Churiz tan..., ¡tan churro, tan churro e tan desmadrado, á vez que desmedrado!
Por hoxe máis nada, rapaz. ¡Ah, si! Que cando alguén lle pida un favor, destes, dos municipais, vostede fale comigo, sempre comigo, sen receo, ¡que por algo son o Asesor deste Concello! De hoxe en diante, eu, que son Avogado, teño a responsabilidade de que esta Santísima Casa, ademais de Consistorial, sexa un templo, ¡un Templo da Xustiza! ¿Moncho, está claro? ¡Aténdame, que non adoito repeti-las miñas consignas! -Engadiulle, petulante e ameazante.
Ramón a todo isto tivo o presaxio, a intuición de que, co novo Secretario, ían cara ao inverno, que se lle caían as follas do seu mangoneo caciquil, tantos anos compartido, se ben en segundo plano, co seu compadre, co Salmonte, así que primeiro falou para dentro e despois para fóra:
-(¡Non sei, non sei…!) ... Entón fareino ao seu gusto, señor Secretario; vostede dispoña de min, como lle pete, que xa lle dixen cal é a miña disposición; a miña disposición e tamén, ¡tamén!, a miña situación..., familiar..., un tanto precaria..., ¡niso da liquidez! ¿Entende? ¿Que si? Daquela..., ¡daquela xa sabe o dito: vive e deixa vivir!
-¿Queee...? -Escapóuselle un cometón violento, reaccionario, que foi parar á mesa de castaño, naquela tampa rebordante de tallas, pero non se mancou, nin el nin a mesa, duros, ámbolos dous, a cal máis.
-Non, nada; é un refrán...! -Disimulou Ramonciño, e caro lle custou, de asustado, de claudicante, feito unha eiruga, sen terra mol na que achantarse!
O tirano, pola súa parte, non tiña escrúpulos, pois aquel tipo só sentía as molestias e mailos gozos físicos, segundos os casos, así que distendeu as súas falanxes, soprándolles, ao disimulo, que algo lle doían. Polo demais, críptico, coma sempre:
-¡Si, claro; comprendo a súa disposición; e tamén está iso da súa situación familiar…; ¿como dixo?, angustiosa! Toda a lealdade que se teña comigo, toda a submisión, libremente aceptada por suposto, terá a súa recompensa, ¡que nunca lle vai faltar trigo ao que semente na miña chousa! ¿Sabe iso de que a Deus rogando...?
- ... e co mazo dando, ¿non si, don Aurelio?
-Naturalmente; co mazo e co pau, que as letras..., ¡co sangue entran! ¿Como era o outro...? ¡Ah, si: Quen en boa árbore se abeira, ten sombra e cabeceira! Pero o que é niso das gavelas municipais..., niso non sexa seareiro, non se pase na cobiza, Ramoncete, pois a muller do César, a mais de honrada..., ten que parecelo! Así que, a bos entendedores..., ¡gaitas do fol! ¿Estamos? Daquela..., ¡achantado, e que sexa por cen anos!
-¡Servidor..., eu, ás ordes; sereino, todo iso, e máis que fose, que teño cinco fillos, a cal máis voraz!
-Ramón, non pérda-los bos costumes, nin que trone, que as arroutadas, ben o sabes, traen malas consecuencias, que este Movemento, o noso, por glorioso que sexa, demóstrase andando, pero con prudencia, con pés de chumbo, sempre á miña beira; ¡sempre á miña beira! -Subliñoulle. -¿Estamos, rapaz; conformas?
Despois daquela carda faltoulle tempo ao Ramón para achegarse á fonte pública, a por un grolo, feito unha esponxa, ¡tanto, que case a seca!

En canto ao Auxiliar, en efecto, non foi recibido a despachar ata o terceiro día naquel protocolo acordado co Oficial. O que nunca chegou a saber Ramonciño, achantado na súa mesa, cravado nela, foi que don Litis, contra todo prognóstico, recibiu ao Auxiliar, ao Xaquín, cunha aperta entrañable, coma si se coñecesen de toda a vida:
-¡Home, Xaquinciño! ¡Canto o sinto, que non o puiden recibir antes! Xa sabe, unha Secretaría, ben levada, desborda ao Secretario! Ademais, alédome de telo en nómina, que ía sendo hora de que houbese nestes Concellos, máis ben rurais, xente de carreira, ¡que non é igual que dicir xente con estudios! Cando isto evolucione, xa me encargarei de promocionalo. ¿Que, está satisfeito, aquí, nesta función de tanto relevo socio – político…, e cultural tamén?
Colleuno fóra de xogo, así que saíu de esguello, desconcertado:
-Pois..., verá..., mentres non amainen os ventos desta oligarquía felizmente reinante, "do Noroeste" que dixeron eses da Codorniz, mal se pode loitar á contra dos..., ¡dos elementos! ¿Don Aurelio, péscaas coa man; entende por onde vou?
O Litis, máis listo que todos eles xuntos, que lle cabía Churiz no favo máis cativo do seu cerebelo, de seguida colleu onda, pero ondulouna aínda máis, moito máis, ¡Deus sabe para que peite cravarlle!
-Si, claro; eu son da mesma opinión. É certo que vai a modo, ¡pero xa estamos no outono! Só hai que mirar para os carballos desa chousa, esa do Alcalde, aí enfronte: as follas retórcense, están curtidas, amarelean…; ¡caerán de contado! Por certo, este Gran Edil...; ¡que pena de home, que abandono, tantísimas hectáreas, no mellor de Churiz, solares en potencia; os mellores!
Vostede e mais eu, ¡que os tempos son chegados!, con altos ideais e coa nosa preparación de índole técnica, estamos chamados a reforma-la Administración Local. Local ou non, que teño boas relacións, gromos perfectos, máis arriba, na Capital; ¡e despois de Pedrafita, tamén! Así que, entre vostede e mais eu, de consún, imos xestar…; primeiro, xestar, para despois xestionar, mudar para non cambiar, grandes empresas… ¡Do ut des, que iso é un mandamento sacro! Por exemplo, de seguro que eu lle podería conseguir, ¡a nome da súa prometida, claro!, unha Estación de Servizo, desas que proporciona CAMPSA aos enchufados do Réxime, que este Churiz, ao que acabo de chegar pero xa me sinto fillo adoptivo, é moita Vila para un só gasolineiro. ¿Que, amigo; que lle parece a proposta deste conseguidor nato, insubstituíble? ¡E de paso, teña presente que, de gústibus et colóribus non disputándum!
Pero nun á parte, para os seus adentros:
-¡Se desta non trága-lo anzol, mal te vexo, cagallón!
Aquel Auxiliar, ¡meu pobre!, o que é capiscar non capiscou, ¡nadiña!, pero caeu, coma unha pataca, no saco dos agradecementos previos, previa e sibilinamente suxeridos:
-¡Pois, si; certamente que llo agradecería! O pai da moza, don Paco, xa tentou consegui-la estación, a gasolineira, pero..., ¡eses oligarcas déronlle no nariz cos porlóns da porta!
O Litigueiro baixou de ton, misteriosamente, enigmaticamente, abaixándose tamén ao específico daquelas confidencias tan importantes; e de paso deulle unha palmada de complicidade na ombreira a aquel Auxiliar tan auxiliado:
-¡Iso pasa, si, ás veces, e débese, case sempre, por non chamar na porta axeitada! Todo se andará, aínda que hoxe esas cousas están algo máis controladas. Foi unha pena que don Manuel non se molestase en facerlle ese favor…, se quixese e soubese facer un Informe, daquela que...; ¡pero, non, nada, en absoluto; deixémo-lo tema, que teño por norma non criticar aos ausentes!
O que é polas ganas, poríase de xeonllos, pero estaba a cousa dos principios que se abandeiran, así que o Xoaquín bastante fixo con estremecerse de pracer; ¡de gusto, de agradecemento e de esperanza!
-Agradeceríallo, afellas que si, moitísimo; e don Paco, tamén, que é un home de comercio; ¡quere dicirse, un home de recompensas! Terémosllo presente..., ¡no noso afán!
Maquiavelo Bis, ou sexa, Litis, para remata-lo conto deulle á súa proposta unha boa lazada, desas de viorto:
-¡De nada, rapaz, que entre nós, as contas son recíprocas, interese recíproco, e non ese dos Bancos...! Isto será, tan só, un comezo do corno, deste corno da abundancia, se esta simbiose, confidencial, nosa, esta especie de masonería branca, funciona ás dereitas! ¿Enténdelo? ¡É importante que o entendas, que dereito non é sinónimo de dereitas, aínda que se aproxime...!
Os homes eficaces, coma os xastres, non dan puntada sen fío, así que Aurelio, despois dun respiro, enfiou de novo na súa agulla para darlle un bo pespunte ao crédulo/listete, ¡ao Auxiliar auxiliado!
-¡Ah, outra cousa, querido Xaquín! Que estiven vendo estes libros, ¡na miña función de Secretario-Interventor, claro, que nestes Concellos cativeiros tense que dá-la acumulación das tarefas!, e coido que non abonda con utiliza-los principios de Contabilidade xeralmente admitidos. ¿Non sabes aquilo da muller do César? Aquí, neste Concello, pode ser de aplicación, pero con reservas, que non me gustan, xuntos, os réptiles coas pombas. Non casan, é antinatural; ¡contra natura, que se di! ¿Decátaste? -¡Aquel imperio, aquelas flexións da súa voz, ora autoritaria e apacochante, ora melosa, sibilina, suxestiva e persuasiva, pero sempre, sempre, enfeitizante!
-Os réptiles, como vostede lles chama, levámolos así de clariños porque o propio don Manuel mo esixe, -explicouse o Auxiliar, subliñando a súa inocencia, -que di que non lle chegan nin para gastos ordinarios da súa alta representación, e que non se poden trascadear de columna…, ¡nin un céntimo! Logo está iso que cobramos a maiores, aí, na venták: Licencias de Obra, xestións, ou pseudo; consellos, opinións...; ¡cousas similares! O malo é que se nos vai todo, ou case todo, niso das relacións...; ¡nas públicas, nesas do Xefe Local!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES