Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Federico Granell, de viaxe por Compostela

martes, 10 de diciembre de 2019
Federico Granell, de viaxe por Compostela Federico Granell aterrou en Santiago como artista convidado do IV Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela ilustrada. A súa presenza na cidade, coincidiu coa exposición que lle organizou a galería Metro con este título tan acaído.

Compostela Ilustrada leva varios anos sucedendo; artistas que teñen en común o debuxo e a figuración representan nos seus papeis a cidade. Como resultado aparece de vez en cando un libro, un caderno de viaxe, unha exposición.

Esta exposición, De viaje, é magnífica e orixinal entre nós, a pesar da técnica ou do motivo, porque este novel artista asturiano, representa xente ao paso; sempre sobre unha tonalidade que vai da suavidade do azul ao gris e verde, de ceo nublado e natureza hidratada, nunha atmosfera “tamizada” polo paso do tempo. Trátase de plasmar os chamados non lugares, como salas de aeroportos, sitios de agarda ou de tránsito, porque niso tamén consiste a viaxe: nas esperas, nos pasos sobre os novos territorios, en pararse a mirar desa maneira que só fan os viaxeiros ou turistas, na observación ensimesmada.

Reproduce escenas que semellan buscar un relato, imaxes familiares que igual queren contar unha historia, vidas que se presentan ao paso… transitando a carón de nós pero coas que non establecemos ningún contacto, xentes que pasan.

E tamén vai máis alá, ata a soidade dese corpo fronte á natureza que lembra ao Viaxeiro sobre un mar de néboa de Friedrich, o símbolo máximo do romanticismo. Ese home só que atravesa a natureza, o espazo construído ou o baleiro do cadro sen dicir ren, sen mostrar unha emoción, tocándonos a base de inexpresividade.

Esa maneira de remitirnos a outro tempo ou a unha atemporalidade que estando noutro lugar nos remite a algo noso, porque algo noso hai nesa sensación, nesa emoción, nese sentimento que nos roza, como se nos remitira a unha pegada da que coñecemos a orixe.

É o silencio o que percorre o cadro, sixiloso instálase nese mundo de expresións medidas, de suceso detido, de imaxe fixada, de secuencia conxelada.

Unha austeridade, case minimalista, instálase nas pezas. A figura, ou figuras, sitúanse en espazos limpos, tanto que ás veces está unicamente o home e a súa sombra. A representación, case fotográfica, contén o mesmo virus das escenas de Hooper aínda que menos pop, porque as aguadas envolven o debuxo, que resulta menos duro que o óleo, pero os seus personaxes tamén están pensativo e ausente.

Unha figuración digna dun realismo que non é real pero puido selo ou pode ser noutro lugar. Un real irreal.

Hai unha parte da súa obra feita sobre pezas de louza dunha antiga fábrica situada en Oviedo que nos resultará sorprendente. Igual que nolo resulta esa parede ocupada por pezas de diferentes tamaños e formas, de soportes ben distintos que se integran de maneira admirable.

Moi recomendable o seguimento deste artista, igual que o da galería Metro. Unha sala que, xunto co resto das galerías da cidade, está a poñer en marcha Pasearte, a 3ª Mostra de Arte nos Escaparates de Santiago Centro.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES