Día de loito no Cine Español

Ás nove menos cuarto da noite e baixo a banda sonora desa obra mestra chamada Taxi Driver, do gran Scorsese, teño que confesar que hoxe é un día de loito para o cine español.
Primeiro decateime do director de cine, produtor, guionista e director de fotografía Javier Aguirre, que finou ós 84 anos nun hospital madrileño, logo dunha longa enfermidade.
Dáse a coincidencia que no pasado outubro concedéranlle a Medalla de Ouro da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas, xunto á súa dona, que non é outra que Esperanza Roy.
Nacera en San Sebastián e ós 15 anos escribiu a súa primeira crítica cinematográfica.

Entre os seus máis de 80 filmes figuran Unha vez ó ano ser hippy non fai dano, Perna crecente, faldra minguante e Esposa de día, amante de noite, entre outras. Traballou cos Bravos, con Raphael e con María Jesús e o seu acordeón...
Non tardei en saber da morte, ós 86 anos, do actor de dobraxe Claudio Rodríguez que, para o gran público, é mellor dicir que era a voz de Burt Lancaster, Charlton Heston, John Wayne e Anthony Quinn. Dobrou a Willy Fogg da serie de debuxos dos oitenta e a Albus Dumbledore, da saga de Harry Potter. Zamorano de nacemento, chegou a acumular máis de dúas mil dobraxes.
E, por último, o actor Manuel Tejada, de Xaén, que morreu ós 79 anos. Máis actor teatral que de cine, pero famoso polas series de TV Verán azul e, principalmente, Canas e barro. Descansen en paz.