Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pregón do Belén Electrónico de Begonte

martes, 10 de diciembre de 2019
“¡Deus baixa a visitarnos en Begonte!”.
(Uxío García Amor, no soneto “Belén na nosa terra”).

O amigo Jesús Domínguez Guizán encargoume o cometido de pregoar este ano o Pregón do Belén Electrónico de Begontecomezo da 48 edición do Belén Electrónico de Begonte e, en bo lío me meteu pois, con só poñerme a pensar nos egrexios pregoeiros que me precederon, xa me fai treme-las pernas, xa me desacouga. Acontéceme un pouco o que di Rosalía de Castro nestes versos:

¿Que pasa ó redor de min?
¿Que me pasa que eu non sei?
Teño medo dunha cousa
Que vive e que non se ve.


Eu agardo que a benevolencia dos oíntes saiba desculpa-lo meu atrevemento, ó aceptar este cometido de pregoar as actividades do Belén máis importante de Galicia.

Xa metido entre o eixo e a roda e coa auga ata o pescozo, o primeiro que se me ocurriu foi consulta-lo dicionario para ve-lo significado de pregoar. Atopeime con dúas acepcións. Segundo unha delas pregoar é un discurso de carácter literario pronunciado con ocasión dunha celebración. Axiña me decatei de que isto non ía comigo pois nin son orador nin son un literato e como ninguén dá o que non ten, tiven que deixar de lado esta acepción e seguir buscando. Anunciar publicamente algo de interese xeral é outra das acepcións da palabra pregoar. Xa me decatei axiña que isto era o que ía mellor coas miñas posibilidades: O Belén Electrónico de Begonte é de interese xeral ¿non si? Por algo foi declarado de Interese Turístico Galego. E este é un acto público ¿verdade?.

Corría o ano del Señor de 1972, cando o párroco, José Domínguez Guizán e o profesor, José Rodríguez Varela encenderon no Nadal unha luz moi pequerrechiña en Begonte, un pequeno pobo dun vello país; un país situado na Fisterra de Europa, nun país, como moi ben dixo Alvaro Cunqueiro, un dos seus fillos máis egrexios, “dos dez mil ríos”, “dos mil vales”, “un país fermoso e eternamente verde”, nun país chamado Galicia.

Esta luz pequeniña, co paso dos anos, foi medrando, medrando, medrando... grazas ó esforzo desinteresado de moita xente, ata se converter nun gran facho que irradia a súa luz a toda Galicia e, hoxe en día, a todo o mundo a través da internet e das redes sociais. Este facho de luz é o Belén electrónico de Begonte que hoxe inaugura a 48 edición.

Este Belén electrónico é un magnífico exemplo do diálogo fe-cultura xa que nel están reflectidos varios aspectos: o cultural que se manifesta a través de todas as actividades e de todos os concursos que se celebran ó redor do Belén Electrónico: Certame de Arte, de Poesía, de Xornalismo, de Debuxo infantil; o aspecto etnográfico pois no Belén están representados moitos oficios artesanais da nosa terra -algúns desaparecidos ou a piques de desaparecer- e están á vista varias construcións propias e características da Terra Chá; o aspecto da convivencia e encontro pois son máis de corenta mil as persoas de todas as clases sociais e idades que se achegan a Begonte cada decembro e alí conviven polo menos un tempo. Pero sobre todo, non podía ser doutro xeito, o aspecto relixioso xa que o que centra todo é a celebración do nacemento no tempo de Xesús de Nazaret. Nacemento que tivo lugar historicamente, pero Xesús vén agora ó noso encontro en cada home e en cada muller, en todo acontecemento para que o recibamos con fe e, polo amor, deamos testemuño da gozosa espera do seu reino.

O que celebramos no Nadal está magnificamente descrito por San Lucas no seu Evanxeo cando di: “Tamén subiu Xosé desde Galilea, da cidade de Nazaret, ata Xudea, á cidade de David chamada Belén, por ser el da casa e da familia de David, para empadroarse con María, a súa prometida, que estaba embarazada.
Estando alí, chegoulle a María o tempo do parto, e deu a luz o seu fillo primoxénito, envolveuno nuns capizos, e deitouno nunha manxadoira, porque dentro da pousada non había lugar para eles.
Había naquela comarca uns pastores que pasaban a noite ó descuberto vixiando o seu rabaño. Presentóuselles un anxo do Señor, e a gloria do Señor rodeounos co seu resplandor e colleunos un gran temor. Pero o anxo díxolles:
- Non teñades medo, que vos veño trae-la boa nova dunha grande alegría par todo o pobo: Hoxe, na cidade de David, naceuvos un Salvador, o Mesías, o Señor: Esta será o sinal para vós: Atoparedes un neno, envolto en capizos e deitado nunha manxadoira”.


Isto é o que celebramos: o nacemento de Xesús en Belén, nacemento que foi posible porque unha humilde rapaza de Nazaret, María, deulle a Deus un SI incondicional: “Velaquí a escrava do Señor. Cúmprase en min o que dixeches”. Por este SI, no seo de María operouse o feito máis sorprendente da historia: o encontro persoal de Deus co home, tan persoal que a Palabra eterna, o Fillo do Pai, faise humano en María. Non é unha páxina máis da mitoloxía, senón un acontecemento asombroso, pero real. O que celebramos no Nadal é que Deus se viste da natureza humana coas súas limitacións: O Verbo, a Palabra eterna de Deus fíxose carne. Ou como di San Xoán no limiar do seu Evanxeo: “A Palabra fíxose carne e plantou entre nós a súa tenda”. Este nacemento de Xesús é o feito máis importante da historia da humanidade, un feito que marca un antes e un despois.

“Naceuvos un Salvador”, dixo o anxo ós pastores que vivían ó raso pobremente e que non eran valorados socialmente. Anúncialles o Salvador e os seus sinais de identidade están alonxados de calquera signo de riqueza, de calquera signo de poder. Un home veu ó mundo no que antes non estaba ¿De onde vén? Vén da eternidade e chega nun momento concreto da historia, no tempo do emperador Augusto. Vén da inmensidade e aparece nun lugar con nome concreto: a cidade de David, Belén. Alí, naquel intre, todo acaba e todo comeza, anque os homes non se decaten porque aparentemente naquela noite de Nadal non pasou nada importante no mundo: Pregón do Belén Electrónico de Begontesimplemente unha parella xove, ela embarazada, que foron a unha cidade facer un trámite administrativo e, como nos di san Lucas: “mentres estaban alí, chegoulle o tempo do parto e deu a luz ó seu fillo primoxénito...”.

“Non había lugar para eles na pousada”, dinos san Lucas. Certamente que o primeiro Nadal non foi un idilio como nós o celebramos, como nós o representamos con máis idealismo e devoción que sentido da realidade: o lugar onde naceu Xesús non tiña nada de artístico e si, tiña moito de incómodo e frío. De feito, o berce do Neno Xesús foi a manxadoira, o presebe onde comían os animais. Cada ano celebramos o recordo desa noite e en moitas cidades do mundo, en moitas casas e quen sabe se no noso corazón tampouco hai lugar para El.

Nacer é unha experiencia humana e unha experiencia de Deus. Todo nacemento evoca desnudez, necesidade, fraxilidade, dependencia en todo dos pais. Deus naceu así. É un neno recén nacido e, coma todos os nenos recén nacidos, non fala nin fai nada. Pero este Fillo de Deus, aínda que sexa un Neno, aínda que non fala nin faga nada, só por estar presente no mundo é Boa Nova. Deus anonadouse tocando os baixos fondos humanos da incomprensión e dependencia, pero está apaixoado pola vida, que iso é todo nacemento, e polas experiencias humanas. Nada humano lle é extraño, nada humano lle é alleo.

“Atoparedes un neno, envolto en capizos e deitado nunha manxadoira”. Contan, que hai moitos anos, un investigador agnóstico foi a un mosteiro para expoñerlle a un prior moi velliño a súa preocupación, a súa desilusión e o seu fracaso: - “por máis que consulto libros, non logo encontrar a Deus”. O vello prior respondeulle cun sorriso: “-Iso pásache porque aínda non te inclinaches bastante”. Esta resposta do prior pode ser un bo camiño para todos nós no Nadal: temos que inclinarnos moito, temos que abaixarnos para ver a Deus. A Deus non se soe atopar nos libros, nin na televisión, nin na internet... senón na frialdade dun presebe. E o método non consiste en estirarse oteando o horizonte senón en inclinarse ata tocar o chan: alí descansa El. Porque Deus compadece e comparte poñéndose a nivel dos máis necesitados, dos máis pobres, dos máis desvalidos.... Quen queira atopar a Deus debe inclinarse ata que o vexa identificado cos máis necesitados, cos máis pobres. Deus veu vivir a nosa mesma vida, para enchernos do seu amor e da súa paz e para ensinarnos a amar como El nos ama. ”¡Ai, Dios, canto amor! / Nun berce de palla, / naceu El Señor”, escribiu acertadamente o poeta Díaz Jácome.

Os pastores, despois de ir correndo a Belén e atopar a María e mais a Xosé, e á criatura deitada na manxadoira, volveron glorificando o loando a Deus por canto viran e oíran, todo tal como lles fora anunciado.

Que todos neste Nadal glorifiquemos tamén a Deus polo que fixo por nós e procuremos abrir de par en par a pousada do noso corazón para que haxa sitio para El.

Que este gran facho de luz, que é o Belén electrónico, ilumine moitos, moitos, moitos anos a Galicia e a todo o mundo desde Begonte do Belén.

Remato parafraseando ó poeta mindoniense Díaz Jácome:

¡Ai, Dios, canto ben!
No Nadal todo é festa
en Begonte do Belén.



Fotos: Sara María Blanco Díaz
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES