Con Don Manuel Ladra López váisenos o noso patriarca
Campo Freire, Xaquín - lunes, 09 de diciembre de 2019
Que ben acaída esta verba para esa figura túa tan honorábel coa que tantas veces me cruzaba. Ti ías camiñando cara a Carrefour neses teus paseíños vespertinos de home xa maior. Sempre con ese sorriso inmenso, esas verbas sempre positivas e esa chapela vasca que che daba precisamente ese señorío patriarcal e conservabas un aquel de home nacido chairego.
PATRIACA. Esta palabra, por composición, vén da unión doutras dúas procedentes do grego:πάτερ (pater = pai e «padre») que significa pai e paterfamilias, e άρχων (archón = «líder», «xefe», «rey», etc.). Ese fuches sempre ti, polo menos para min: Home que pola súa experiencia e sabedoría é respectado por un grupo familiar ou por unha comunidade nos que goza de grande estima e autoridade. Téñoche veneración, querido Manuel. E vástenos.
En Mandiá e Marmancón sempre gozou D. Manuel da máis eximia consideración pola súa inmensa capacidade de servizo e bonhomía. Dunha forma silandeira el chegou ao corazón de toda a freguesía nos moitos anos e nas moitas veces que nos serviu e acompañou.
D. Manuel chegou a nós para acompañar e recoller daquela os últimos alentos do tan benquerido, sabio e venerábel sacerdote, D. Xosé María Balseiro Quirós, quen foi párroco de Mandiá, Marmancón e Leixa desde 1925 a 1955 e que tantas vidas salvou naquela malfadada guerra incivil e na ditadura. El axudou a sacar a fame das familias e das casas.
D. Manuel botou man daquel querido sacerdote xa velliño e axudou a coidalo. Vendo as súas maneiras e o seu amor foi tal o cariño que collemos por el, que xa non o deixamos da man. Hai poucos anos, o 01-12-2013, fixémoslle en Mandiá unha homenaxe entre moitos para recoller o seu labor e agradecerlle precisamente a súa entrega ás nosas parroquias.
Naquel acto a doutora Dª Carme Solloso pronunciou estas palabras:Unha das misións da Igrexa é a evanxelización no mundo da enfermidade e da saúde. Evanxelizar no ámbito sanitario quere dicir ofrecer o sentido que dá o Evanxeo e a Tradición cristiá ao sensentido ou pouco sentido con que se vive hoxe a realidade da saúde, enfermidade, sufrimento, curación, deterioro, ata a propia morte. Posto que o Evanxeo é unha boa noticia, hai que anuncialo. Por iso a Igrexa ten que poñer a Cristo como luz do mundo tamén nas escuridades da enfermidade e no sufrimento.
Dende esa perspectiva, D. Manuel foi un pioneiro da Pastoral Sanitaria na nosa comarca. Durante moitos anos exerceu como capelán no hospital A. Marcide de Ferrol dedicándose á pastoral da enfermidade nese afán de tratar ao ser humano, non só como corpo, senón tamén como espírito sufrinte, porque a pastoral dos enfermos debe integrarse nunha atención global. Estivo tamén presente noutros centros asistenciais como o CAMF.... (Centro de Parapléxicos), Fraternidade de Enfermos, Radio, etc.Sei que algúns dos que estades aquí hoxe, e moitos outros que non están, poderiades dar testemuño de que D. Manuel exerceu esa tarefa con humildade, discreción, perseveranza e fidelidade evanxélica.
O mundo do traballo, o mundo obreiro de Narón e Ferrolterra encontrou nel unha acollida de portas abertas e solidariedade. Sempre dun xeito discreto, como foi sempre el, e sen pedir nada a cambio. Daquel tan doloroso conflito de Megasa de 1969, con tantos meses de duración e represalias inxustas, só algúns sabemos ben, por sermos testemuñas directas, canto se lles debe a D. Manuel Bello Trigo o párroco de San Xosé Obreiro do Alto do Castaño e a D. Manuel Ladra López de Santa Icía. Grazas por teren sempre abertas as súas casas e as súas Igrexas, aqueles centos de familias puideron saír adiante con menos sufrimentos. É de xustiza recoñecérllelo agora que xa non están entre nós, pois antes nunca nos deixaron facelo porque dicían que o servizo debe ser tal que unha man non se decate do ben que está a facer a outra, como di o Evanxeo.
Cando finou D. Andrés Fernández Muíños os de Mandiá pedíronlle novamente ao Sr. Bispo que lles mandase a D. Manuel, o de Santa Icía. E el non soubo dicir que non a pesares de todo o traballo como lle viña por demais. Foron sete anos dunha fraternidade extraordinaria entre todos.
Do moito que aquí se lle quere e do seu bo facer témolo percibilo moi ben D. Xosé Francisco Delgado Lorenzo e máis eu, xa que nos tocou sucedelo no cargo de Santa Uxía de Mandiá e S. Pedro de Marmancón.
Vaia, xa que logo, o noso agradecemento e a nosa gratitude para toda a súa familia coa que temos relación de amizade. Unha aperta para os nosos compañeiros Xosé María e Xulio. E uns bicos moi cariñosos para María José e José, os nosos organistas. Creaches escola de músicos ben virtuosos por certo.
De todos os fregueses e veciños de Mandiá e Marmancón os meirandes agradecementos. Nas nosas eucaristías dominicais estarás e estarán os teus sempre moi afectivamente presentes.
Unha aperta de Xaquín Campo Freire.

Campo Freire, Xaquín