Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Zoqueiro de Monforte

lunes, 18 de febrero de 2008
Nos tempos de María Castaña vivía, nunha rúa do casco antigo de Monforte de Lemos, un zoqueiro chamado Xosé. Tiña o seu obradoiro-tenda no baixo da casa vivenda; na súa agradable compañía vivían nesa morada a súa esposa, María, e unha única filla, Uxía, moza moi fermosa e bondadosa. Tiña na súa exposición de venta moitos e fermosos exemplares de calzado moi variados; pero non cesaba de traballar. Un día dixo a súa dona que, dado que xa tiña bastantes anos, ía deixar o oficio pois seguirían a súa laboura os moitos aprendices que pasaron xunto del e tanto sabían; precisamente deses queda algún en Monforte aínda; pero antes tiña que facer os zocos máis abraiantes, a súa inmortal obra, as mellores do estante. Comezou polo mes de setembro con ese traballo e cando rematou, en pleno outono, mostrou os dous xemelgos zocos a súa muller e a súa querida filla. María dixo si eran para ela ou para Uxía, pero el respondeu que era unha sorpresa e non podía ser el quen para descubrila. Pensaron as nobres mulleres que sería para vendelos, pois colocounos no obradoiro cara o público. Todas as persoas que pasaban entraban e preguntaban se estaban en venda, que estaban dispostos a pagar a prezo de ouro ese calzado; pero Xosé respondía, co rictus dun sorriso, que non tiñan prezo, que non había cartos que puideran pagar o seu valor sentimental, Enterado o conde de Lemos enviou dous emisarios para que mercasen ese calzado; o artesano volveu repetir a estes a mesma resposta. Nai e filla estaban sorprendidas porque o pai estaba deixando pasar pola porta a máis grande das riquezas. Nin que dicir ten que o señor conde molestouse e berrou dicindo que ese era un tolo que prefería ter uns zocos e deixar de ser o novo home rico.

Sería polo mes de novembro, días despois de San Martiño, cando xa estaba a terra de labranza preparada para quedar durmindo e descansando ata febreiro, cando o zoqueiro comunicou a súa familia que serían elas as encargadas de quedar atendendo a tenda, pois el ía marchar a primeiros de decembro ata Begonte, ia xubilarse e, antes desexaba ver esa xoia de valores que chaman o Belén Electrónico de Begonte, a pomba espiritual da Terra Chá, pois elas xa estiveron vivindo esa experiencia sen igual fai un par de anos. Viron moi ben que tomara ese bo home uns días de vacacións. Durante varias xornadas estivo afanado facendo os preparativos e unha mañá de primeiros de Nadal, un par de días antes da Inmaculada, ao canto do primeiro galo de Lemos, tomou un macho que tiña e despois de despedirse da súa querida familia marchou camiño de Begonte; na súa bolsa de viaxe, nese macuto, non faltaba empanadas de papuxas, botellas de amandi e mencia, roscas de Sober e outros manxares, pero noutro morral levaba os zocos. A filla e a muller non se percataron de que levaba ese calzado e, ainda que asi fora pensaría que sería para ter de reposto. Cando xa estaba encendéndose a luz das primeiras estrelas chegou a Begonte. Quedou a pernoctar nunha venda preto do camiño, ese vial que hoxe é estrada, e a mañá cedo xa estaba formando cola para acceder a vistar o Belén, ante a sorpresa do pai Domínguez Guizán o zoqueiro pidiu ser o último. Entrando case perde o alento coa grande sorpresa; postrouse en profunda xenuflexión ante a Sagrada Familia e dixo: "Madre nosa, querida Nosa Señora María, o teu fillo, o noso Salvador, está descalzo eu quero facer esta ofrenda, que para El sexan os meus mellores zocos". A Virxe, en voz queda e baixa que non puido escoitar o zoqueiro, dixo: "Grazas, zoqueiro, pero estes zocos serán para outra persoa que necesita de tan humano calzado, pois Xesús ven a este mundo para sufrir e abondo ten cunhas alpargatas".

Despois de encomendarse a Sagrada Familia e pedir pola súa muller e filla, o bo home marchou do Belén de Begonte comentando a todo ser racional que atopou polo camiño a grandeza dese evento que é da Terra Chá a súa máis rutilante estrela. Cando xa viña polas terras de Bóveda todo o Val de Lemos quedou cuberto nunha densa néboa e estando por Ribas Altas desapareceu a brétema e brillou un sol extraordinario. En chegando a porta da súa casa atopou unha desagradable sorpresa, pois estaba a súa muller chorando acompañada dalgunhas veciñas que intentaban ser o seu pano de bágoas. Pronto contaron a Xosé que a súa muller estaba tan aflixida porque naquela néboa perdeuse Uxía e non aparecía por ningún sitio. A muller contou que, envolto no manto da néboa chegou ao obradoiro un ser moi extrano que traía as zocas aquelas, pidiu a moza que calzara eses zapatos e, nese intre cando puxo as zocas desapareceron da tenda ela e o misterioso ser. O home, intentando consolar a súa dona, dicía: "Non temas será un noivo e marchou con el Deus sabe a onde".

Unha noite moi fría tiveron un soño no que aparecía a súa filla e dicía: "Non tiñades medo eses zocos eran eses que eu esperaba para facer o curto camiño que hai ata o convento das clarisas, agora son unha máis delas pero estou plenamente adicada a facer zocos por iso o meu alcume intramuros é a monxa zapateira e, ainda que pareza mentira, recibin un encargo da mesma Virxe María que quere que faga unhas sandalias para o seu querido Fillo" Despois dese sono o zoqueiro e a súa muller non volveron a ver outro día nin escoitar outro galo cantar porque xa eles tamén desapareceron. Nunca máis as portas desa casa volveron a abrirse, os seus veciños contan esta lenda en voz baixa e din que é todo un misterio que primeiro marchou a filla e logo levou o seu pantasma aos pais. Pero, pasados anos e anos, un monfortino que sabía a historia do zoqueiro foi a Begonte no ano 2005 e viu que había novedades no belén, a presenza da néboa e a dun zoqueiro. Mirando en fite, acordouse da narración e descrición que un día fixo o seu avó daquel zoqueiro da historia e decatouse de que alí, no belén estaba ese home traballando feliz e contento. Nunca sabería ese visitante que preto daquel río Miño estaba tamén a figura dunha lavandeira que era María, a muller do zoqueiro. Eles, por ser unha familia excepcional atoparon o seu verdadeiro sitio, ser membros da familia máis espiritual, a do Belén de Begonte, e a súa amada filla, facendo aínda estará entre os muros do convento da eternidade zocas e zapatos para que non haxa xente que ande descalza por este mundo que moitos soamente atopan a esmola dun zapato de Cenicienta no Nadal.

Poden faltar moitas cousas pero, nesta Terra de Lemos sempre, por estas datas, virá ese anxo e, as súas azas son esta néboa de encanto e misterio espiritual que fai soñar e voar envolto en lendas e contos que non sabemos se foron mentira ou realidade pero axudan a crear en adviento un tempo propicio para agradar a chegada do noso Nadal, porta aberta a máis grande verdade, a de sentirnos cristianos.

Pol, Pepe
Pol, Pepe


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES