O doutor Ramil
Blanco Torrado, Alfonso - miércoles, 04 de diciembre de 2019
O día 14 celebramos o centenario do nacemento do doutor Ramil Soneira que desenvolveu a súa fecunda vida na Chaira.
Aínda que nace no Val de A Mahía ao pé de Compostela, a familia do seu pai procedía de Samarugo e aquí retornaba a miúdo na mocidade pois sempre alimentou a súa querencia por estas raíces.
Estamos a falar dun gran científico e humanista co que Galiza está en débeda. Tiven a fortuna de ler investigacións súas pero aprendín moito máis nos encontros espontáneos con él e sobre todo nalgunhas camiñadas polos xacementos de A Pena Grande ou o Prado do Inferno.
Foi o que descubreu os primeiros abrigos do paleolítico e mesolìtico na Terra Chá. Dende moi novo percorría as serras e as chairas trazando o mapa da nosa prehistoria contaxiando as súas fillas e fillos coa arqueoloxía. Pero a transcendencia dos seus descubrementos solprendeu a todo o mundo, e grazas a él sabemos que hai un Paleolítico galego.
Eu son profano nestas materias nas que Don Xosé creou escola e mesmo axudou a coñecer o noso país, dentro e fóra
, pero a min o que máis me afectou foi o seu trato cos doentes, e todas e todos o somos
O doutor concebíanos coma parte dun tecido que arrinca fai miles de anos e que se espalla entre todas as criaturas: plantas, animais, rochas, auga, etc. Con que devoción mimaba as plantas do seu xardín! e con que agarimo me agasollou cunha lasca de sílex que gardo no meu arquivo máis íntimo coma o cordón umbilical que me une para sempre coa Nai Terra.
Este médico radiólogo coñecía máis a fondo as nosas fibras e neuronas coa súa ollada de lince investigador nas rochas e nos mantos vexetais que cos útiles da súa profesión médica.
Mergullábase no entorno das e dos seus pacientes ata os tempos máis pretéritos cunha técnica psicolóxica creadora de saúde porque facía sentirnos elementos importantes na cadea humana e natural, inxectándonos autoestima e capacidade para coñecer as nosas orixes xenéticas e o noso destino coma herdeiros desta parentela universal que queremos que se alongue no tempo.
Foi un adiantado en todos os eidos e así soñou e deseñou un museo modelo, o de Arqueoloxía e Prehistoria de Vilalba, non coma un almacén de vestixios, senón coma unha escola da vida aberta a tod@s, froito dun humanismo total que o converteu nun mestre que harmonizaba o patrimonio máis antigo coas achegas máis modernas nunha actividade que sempre partillou coa sociedade.

Blanco Torrado, Alfonso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora