O reino de Dona Bica
Pol, Pepe - martes, 03 de diciembre de 2019
Unha noite de inverno zoaba o vento con forza, como lobo famento ouveando polas montañas, e o cativo daquela familia trivesa non collía o sono co medo. O avó deixando de estar a carón do lume falando cos pais do neniño, o seu fillo e nora, dixo:
- Bo, ata mañá.! Vou contar o conto a Pedrín e asín xa collerá mellor o sono.
O matrimonio contestou: Boas noites, que descanses!
Mentres o vello camiñaba a modo cargado co peso dos moitos anos, lento ía cara o dormitorio onde estaba Pedrín tapándose no moito medo que sentía aquela noite . Cando chegou xunto del, agarrando a manciña do raparigo, asi falou:
- Filliño, non temas, o vento asubía porque é un grande afiador, o mellor do mundo pero non quere amedrentar aos nenos
O raparigo fitando cara os ollos cansados do home vello preguntou:
¿ Que conto vou escoitar hoxe, avó ?
O señor contestou:
- Despaciño, o meu filliño. Parece que xa non tes medo. Nestas montañas estamos ben seguros, elas coidan de nós, son a nosa mellor manta e ti, tes a sorte de estar coa túa queridiña familia e ter unha casa, peor o pasan aqueles que non gozan dun teito e viven debaixo dunha ponte.
O cativo tremendo exclamou:
-Avó, por debaixo da ponte vai auga. Eu estiven na bonita Ponte
Bibei e alí soamente estaba, abaixo dela, o río
O avó, bicando na meixela ao raparigo e, apartando os seus ollos da mirada inquisitiva do neno, intentou evitar que se decatara de que o seu semblante experimentaba e debuxaba un rictus de tristeza pero o neniño insistiu:
- Avó, avó, non me falas, qué pasaaa?
Recuperando a compustura e, intentando recobrar a palabra asín falou o señor de idade avanzada:
- Pedrín, por baixo de todas as pontes non sempre pasan ríos cheos de auga, tamén hai pontes moi distintas a Ponte Bibei que están inundadas de pobreza
O pequeno contestou como coñecedor do tema:
-Xa sei, sí, cheas de lixo que contamina as augas
Entón, o avó , sen dar máis explicación, comprendeu que era o momento de cambiar de rexistro dicindo:
- Sí. Pedrín, xa outro día falarei un conto desas pontes que no son a romana Ponte Bibei, pero hoxe vou contarche este que se titula O Reino de Dona Bica
O pequerrecheño, cheo de ledicia responde axitando e abaneando as mans:
- Ese, ese ten que ser un conto doce!!
Bo, fillo, empecemos, di o avó. Mira, fai moito tempo, creo que no de María Castaña, había en Trives un afiador que recorrera medio mundo realizando o seu traballo e pasaba tanto tempo lonxe de Ourense e destas montañas trivesas que estaba triste ollando para a súa terra, pero sempre levaba nas súas alforxas bicas e deste xeito, saboreando ese doce sentíase moi feliz.
Un día chegou a un oasis nun grande deserto arábigo. Naquel sitio había un castelo moi fermoso
e deslumbrante. Comezou a tocar o chifro o afiador e, prestos chegaron uns homes armados montados a cabalo , e un deles gritou:
- Prendede a ese invasor, que ven a alterar a orde establecida nesta paraxe.
Verdadeiramente que había un duro mando nese sitio, soamente escoitabanse os berros da soldadesca e os golpes das espadas nos exercicios de armas. Pronto o pobre afiador de Trives foi conducido a o interior dese Castelo e levado a presencia do señor daquela fortaleza e, aquel déspota falou deste xeito ao visitante:
- Qué buscas eiqui? E de onde eres ti?
O galego ourensán sen medo asín falou:
Veño traballando, son afiador!
O tirano despóticamente dixo:
- Forasteiro, non entendo a túa verba. En que lingua falas?
O afiador, sen mostrar vergoña, contesta:
- A miña lingua é a galega, a máis fermosa e abraiante. Orgullosos estamos de falala pero tamén uso o barallete, se vostede desexa
O señor respondeu:
- Cala!
Facendo un aceno chamou que trouxeran a un escravo que parecía que falaba como aquel.
Chegou o home e entón, serviu de tradutor, pois resultou que era galego nado nun pobo da Ribeira Sacra e explicou que aquel visitante falaba a lingua galega.
Pola pregunta de onde era respondeu:
- Son do Reino de Dona Bica
O tirano con voz atronadora contestou o único reino e o meu; esa Dona Bica debe ser unha dama inexistente.
O afiador empezou a rir e o señor daquel Castelo proferindo berros dicia:
Maldito, mandarei a miña tropa a ese reino para traer encadeada a Dona Bica!
O Trivés respondeu con gallardía:
- Cando de un bico a esa deliciosa dama vostede, señor, quedará tan abraiado que abandoara estas terras desérticas e pedirá ir comigo a ese reino verde e frondoso.
Berrando máis exclama:
- Que tolerias dis!
Veña , levadelo as mazmorras e que non vexa a luz en toda a súa vida
Entón o galego afiador di:
Agarde! Deixeme que antes coma algo das miñas viandas. Quere vostede probar un anaco?
Sacou da súa mochila unha bica e tendeu a man para entregarlle a proba .O déspota dixo o seu capitán:
- Proba ti, pode estar cheo de veleno e non quero morrer e, si morres ti teño máis bravos capitáns
Ante aquela mirada do señor de forcanza e cóitelo presto; o militar colleu un trozo. Cando saboreaba aquel doce o seu rostro experimentou un cambio grandioso. Entón o señor daquela fortaleza aceptou tamén degustar a bica e cando comeu aquel doce que nunca probara na súa vida, dixo :
- Cómo se chama este delicioso pastel?
O afiador respondeu:
Esa, señor é Dona Bica, a que ten o seu reino lonxe de aquí
Baixando do seu trono o déspota, para sorpresa de todos os seus soldados e servidores, dixo:
- Quero ir contigo a ese reino
O galego contesta:
- Señor, aquel reino ten a súa coroa de montañas moi grandes e vostede está neste deserto, nestas chairas e seguro que non querrá deixar esta desértica terra
O magnate prosigue falando:
- Estou farto da miña coroa de ouro, quero ver esa coroa de montañas . Douche esta de ouro se me levas a xunto daquela
O afiador di:
- Señor, eu non quero coroas de ouro, a mellor coroa do mundo e a das montañas da miña terra. Non teño incovinte en lévalo pero cunha condición
Cal? - respondeu o tirano
Ten que aprender a falar o galego, a lingua de Dona Bica - case en voz baixa di o viaxeiro.
Ti tes que ensinarme esa lingua e logo levarme a ver esa coroa de montañas e coñecer en persoa a Dona Bica- respondeu o magnate.
Quedou un tempo ali o suficiente ata que aquel señor soubo falar o galego das Terras de Trives. Unha mañá cedo marcharon nunha grande comitiva cara Galicia. O señor deixou establecido que, si non volvía é que estaba a gusto naquel reino.Moito camiñaron, días, meses e quen sabe se anos ata que un día , despois de pasar O Manzanal viron un cordel de montes e dixo o guía, o afiador: tras esas montañas estaremos xa no reino da bica. Despois de pasar Valdeorras , en concreto A Rúa e Petín volveu a dicir o afiador.
- Señor , ese montes que xa ve , esas montañas fermosas, son a coroa dese reino que conforman as Terras de Trives e onde a raíña e Dona Bica, ese doce que ten sona ben merecida en todos os recunchos do noso país .
Aquel home, cando chegaron a Trives, comeu bica a fartar e, alzando as súas mans cara o ceo, dicía:
- Quero para sempre quedar eiqui!
Para asombro de todolos presentes, querido neto, converteuse no monte máis alto desta coroa de montañas, é ese que é coñecido con nome de Manzaneda e soamente ti sabes que, saboreando as bicas os seres humanos podemos chegar a ser moi altos ainda que nunca teremos a altura de Manzaneda, pero nos quedamos coa sorte de ser súbditos de dona bica de quen é o seu maiordomo maior o noso Trives do alma. Este vento que zoa polas noites de inverno non hai que terlle medo é a alma dese cabaleiro que anda por estas montañas vivindo feliz lonxe daquel feudo seu que olvidou para sempre e, colorín colorado, rematou o conto, e mañá antes de marchar ao colexio come un bo trozo de bica que é a raiña de Trives e das nosas barriguiñas.
Deulle un bico ao neno e reflexionou:
Na infancia todos somos bica para dozura dos nosos país e da sociedade; A máis grande bica é ter unha lingua tan agarimosa coma a nosa que debemos saborear para endulzar as nosas gorxas e bocas e ter asegurada unha vida abraiante e non sexa, a lingua galega, asobaiada por linguas alleas.

Pol, Pepe