Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 29 de noviembre de 2019
Polas marxes do río Arnoia

Uns poucos amieiros beben do Arnoia e deixo que os meus pés me leven polas páxinas en branco dos recordos. Páxinas que paso a paso se enchen con frases cheas de xogos e Pingas de Orballocon parágrafos dunha infancia que foi. Unha infancia pobre pero feliz. Contemplo as augas do río ó seu paso por Baños de Molgas e sigo o ritmo da música de Mark Knopfler. Boto a andar pola marxe esquerda e axiña asoma un niño dunha rula entre unha pequena matogueira. Sento no marco dunha leira e a nostalxia dun tempo que foi cae sobre o meu entendemento. Pecho os ollos. Escoito o silencio (se é que o silencio se pode escoitar) e déixome arrolar polo murmurio da auga. Observo o penedo do outro lado do río e penetra na miña memoria un xeróglifo de cando o amor era poesía. Ou de cando un poema estaba cheo de cariño ou de melancolía. Non sempre o asubío dun verso trae consigo unha aflición. Ergo do marco da leira e camiño cara á unha época inmensa; aquela na que vinte minutos de ledicia eran suficientes para compensar toda unha vida de penuria. Ou de miseria. Pero sempre chega o momento no que os recordos furgan por entre as incomodidades dunha vida que era esa, a que había, e buscan esa luz que sempre quedou acendida nun recantiño da memoria. Baixo pola marxe dereita do río escoitando agora a Patti Smith e deixando que as tardes en Tallós escaravellen por entre tres vacas e un pobre poeta sen rima. Non obstante, busco o poema e póñolle o título: Polas marxes do río Arnoia.

Mellor que siga chovendo

Por fin saen raios de sol que alumean sobre a idiosincrasia dun pobo. Son coma luces que se abren na intelixencia dun deputado e na falsificación dun acto. Acaba de asomar outro falsificador máis. E van... Agora tocoulle a quenda ó deputado pepeiro José Miguel Pingas de OrballoGonzález Robles, que falsificou unha licenciatura de Dereito. De todas formas, e en honor á verdade ou se o pensamos friamente, tampouco é para botar as mans á cabeza; que máis dá que os deputados teñan ou non licenciaturas, presuman ou non de másteres e sexan ou non estudados, se a maioría deles son uns ineptos, uns incapaces. E non digo nada de cando a un diplomado en agricultura, por exemplo, o nomean técnico de aeronáutica, ou a un licenciado en física e química o poñen fronte a un ministerio de Defensa. Moitas veces é mellor que siga chovendo, que siga chovendo sempre para que os raios de sol non iluminen a intelixencia de “certas flores”. Algúns, ante tanta claridade, ven todo un mundo aberto e dun simple título de bacharelato sacan unha licenciatura física grazas á atracción ou rexeitamento dun meteorito sideral ó que se lle deu por pasar por alí, por calquera espazo do universo. Seguen os raios de sol proxectando un falso resplandor sobre un ceo político que, cada vez, se pon máis negro, moito máis negro. Menos mal que pouco a pouco entramos no inverno. Aínda que para algúns sempre brillará o sol sobre o seu “cerebro”. E sen fincar os cóbados sobre un pupitre vello asomarán con licenciaturas a treo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES