Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A auga que máis contamina

sábado, 16 de febrero de 2008
A auga que máis contamina é a auga embotellada. Podemos botar contas. Cantos envases se consomen cada día en Galicia? E cantos millóns en España? Sumemos os que se consomen nos países máis ricos. Nos países pobres tamén se consome auga embotellada aínda que a maioría da poboación consuma outro tipo de auga que nós xamais nos atreveriamos a beber.

Millóns e millóns de envases cada día. Unha nova pel de plástico vai asulagando o planeta.

Certamente a maioría deses envases recíclase. Ou non? Pero aínda queda unha abondosa sementeira de envases de auga embotellada que navegan sobre a auga sen embotellar, que se deitan sobre as beirarrúas, que agroman entre a herba como caraveis de merda, que foxen dos vertedeiros incontrolados, que rodan polas gabias das estradas.

A auga, ese agasallo do noso planeta, inédito ata onde somos capaces de mirar, empeza a estar en perigo. E pode poñer en perigo se falta, se a contaminamos, a vida no noso fogar, a Terra.

A auga é o sangue da vida e vive no noso corpo e no corpo dos nosos veciños da vida. As plantas, os animais. Elas, eles e nós temos dereito á auga pura, porque a saúde é un dereito de todos. O que non queremos é auga contaminada polo plástico, polo PVC. O que non queremos é beber auga morta, atrapada en envases de 250, 333, 500, 1000, 1500, 2000, 5000, 8000 centilitros. Envases de todas as formas e cores que acaban colonizando os espazos e envelenando a terra.

A ignorancia, o dispendio egoísta, a nosa estupidez de novos ricos pode facer da auga unha contradición suicida: imprescindible para a vida, pode sementar morte. Din que moitas liortas e guerras entre os pobos veciños van ser polo control da auga, ese agasallo que pertence a todos.

Queremos auga pura e limpa. Auga para beber, auga para refregar as mans e alimentar a vida. Auga para as plantas, para os animais. Auga para nós. Pero auga potable que saia das billas. Cómpre reivindicar que os que gobernan permitan o acceso de todos a auga limpa, barata, potable, que ula e saiba ben. A auga que sae da billa, a que se garda como un tesouriño nos depósitos públicos, a que se capta nos nosos ríos, eses camiños que andan. A auga quere respecto, esixe o dereito de volver a estar limpa despois de usala. Só así estaremos dando a beber auga á auga.

Auga da billa, por favor, señores gobernantes, señor concelleiro das Fontes, Depósitos e Tuberías. A auga de plástico é un luxo suicida, custoso e innecesario. É auga que contamina, auga sucia que está a borrar do noso planeta a fermosa cor azul da vida, emborranchándoa coas cores turbias do plástico.

A peor traxedia que atopa a auga é a da ignorancia humana. A peor seca é a que provoca o gasto innecesario. O investimento de futuro máis suicida é da contaminación da auga. Xa saben, ese líquido limpo, puro, incoloro, cos delicados sabores e arrecendos da natureza. A historia do planeta conta que, nos seus cinco mil millóns de anos de idade, a auga xamais estivo plastificada.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES