Todos os camiños levan a Vilalba
Xiz, Xulio - viernes, 15 de febrero de 2008
Hai escritores imprescindibles para a vida dunha terra, e para que os seus habitantes se identifiquen con ela.
Aquilino, cando contou como o gran río vai de fonte en fonte, de monte en monte, de caivanca en caivanca, escribiu a epopea da corrente que nacendo na serra de Meira chega ó océano dos atlantes para unir a Galiza e mai-lo Miño.
Chao Ledo, falando dos agros inmensos que veñen e van, levanta acta dos nosos mares de pan, como Carmiña Prieto lle conta a Vilalba como o seu soberbio castelo seculáreo coróache a túa escelsa e nobre testa.
Pero é Manuel María quen fai nacer unha patria coa publicación do Terra Chá.
Hoxe, ninguén nega que a Terra Chá é moito máis ca unha comarca natural. É unha unidade, definida pola natureza e pola historia, deturpada pola política, que xorde á vida cando Manuel escribe a nosa Biblia.
Antes do Manuel, Tierra Llana era unha zona marcada polo Instituto Nacional de Colonización para traer os labregos de Navia de Suarna aillados pola construcción dun embalse, onde -diante dunha visita de Franco- plantaron de noite vizosos repolos que deran idea dos magníficos resultados da política agraria do Réxime.
Tierra Llana comprendía terras de Cospeito e Castro de Rei, que hoxe semellan a Chá máis definida. Pero Manuel marcou límites, explicou razóns, contou como son as xentes, os animáis, as cousas
Nas últimas edicións ata me menciona a min, devoto declarado da comarca que me viu nacer que non fago máis que proclamar as verdades nas que creo.
Se Manuel non tivese publicado o Terra Chá, hoxe non seríamos máis ca unha comarca do centro-norte da provincia. Despois do libro do Manuel somos habitantes dunha república literaria, con todos os requisitos para ser nación de lei: Territorio, habitantes, historia, idioma (non esquezamos que o chairego ten vida independente), e unha conciencia social que medra paso a paso, persoa a persoa.
Manuel ven ser o gran profeta da Terra Chá. Nós, só testemuñas, seguimos os vieiros dunha terra na que todos os camiños levan a Vilalba.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora