Rei distinto
Cabada Castro, Manuel - domingo, 24 de noviembre de 2019
Con esta celebración estamos á finalizar o ano litúrxico, antes de que comece o novo no próximo domingo, co inicio do Advento.
E remata o ano litúrxico cunha festa englobante, universalizadora: Xesús, Rei do universo. É dicir: rei de toda a creación, desde a máis humilde partícula da materia ata os cumios máis altos da humanidade e do espírito.
A realeza cómprelle a Xesús por ser el a verdadeira e fiel imaxe do Deus invisible (como nos di Paulo na súa carta ós Colosenses). En Xesús amósase toda a plenitude do poder e da grandeza do Pai, do seu Pai, que é tamén Pai noso grazas ó gratuíto don de concedérsenos ser fillos do mesmo Pai de Xesús. Todo dinos Paulo- foi creado por El e para El. É dicir, por Xesús e para Xesús.
Por iso, en momentos cruciais da súa vida (preto, por exemplo, da súa morte violenta), Xesús afirmará a súa realeza ante Pilato que lle pregunta expresamente sobre ela. Eu son Rei respóndelle Xesús-. Para isto nacín e para isto vin ó mundo, para ser testemuña da verdade. E incluso o título de rei figurará no letreiro sobre a cruz na que foi crucificado: Xesús Nazareno, rei dos xudeus. Un título que os xudeus rexeitaban, pois para eles era iso xustamente aquilo do que o acusaban, mais que se converteu coa morte e resurrección de Xesús en título universal: Xesús rei, non só dos xudeus, senón de toda a humanidade, de todo o universo.
Naturalmente, a realeza de Xesús Cristo é moi distinta das realezas humanas. Por iso a Xesús non lle gustaba que, aínda séndoo en realidade, o considerasen rei ou o tratasen como tal. Fuxía, como sabemos, de calquera pretensión popular de o proclamaren rei. A súa mensaxe era, polo contrario, a dunha fraternidade universal, alicerzada non no poder (tal como fan os reis da terra), senón no servizo. Lembrarédesvos daquelas palabras súas: Sabedes que os que figuran como xefes das nacións as asoballan e lles impoñen a súa autoridade. Non ha ser así entre vós. Ó contrario, entre vós o que queira facerse grande ha ser servidor voso, e o que queira ser primeiro ha ser servo de todos; porque tampouco o Fillo do Home veu para que o sirvan, senón para servir e para dar a súa vida en rescate por todos.
Por iso ante o aparente absoluto fracaso da súa misión nas horas previas á súa crucifixión ignominiosa, Xesús clarifica unha vez máis o sentido do seu reino así: O meu reino non é deste mundo. Se o meu reino fose deste mundo, os meus oficiais terían loitado para que non fose entregado ós xudeus. Pero o meu reino non é de aquí.
Neste senso, o prefacio da eucaristía de hoxe descríbenos o reino de Xesús con estas palabras: reino de verdade e de vida, reino de santidade e de graza, reino de xustiza, de amor e de paz. Xesús foi así rei vital, rei santo, rei amoroso e pacífico desde o berce do Nadal ata a cruz do venres santo. Os reis magos preguntaban xa en Xerusalén polo rei dos xudeus que acababa de nacer. E este título acompañarao ata a súa morte. Un rei, polo tanto, distinto, que nace entre pobres e que morre entre dous axustizados. E, porén, é verdadeiro rei, tal como ben o saben representar certas imaxes románicas de Cristo crucificado coa coroa de rei sobre a súa cabeza.
Os reis actuais non dispoñen xa, polo menos nas nosas democracias occidentais, do seu antigo poder. De aquí vén aquilo de que o rei reina, mais non goberna. Con todo, de Xesús podemos dicir con verdade non só que é rei e que reina, senón que tamén goberna, aínda que de xeito moi distinto, claro está, que os gobernantes deste mundo. Xesús, pola forza do seu Espírito -o Espírito Santo que nos mandou en Pentecoste- é, si, distinto dos demais reis, pero non distante, porque por medio del habita no máis íntimo de nós mesmos, axudándonos, fortalecéndonos, consolándonos, amándonos. E isto si que é verdadeiro, fondo e íntimo goberno, un goberno baseado non no poder ameazador, senón na suavidade dese seu amor que se nos manifesta no máis íntimo das nosa conciencias.
Por iso -a diferenza dos reis dos que se di que reinan mais non gobernan e que están por dicilo así recluídos nos seus pazos reais- o Xesús Cristo, Rei do universo, goberna realmente a nosa existencia toda, participa intimamente da nosa vida, facéndonos tamén polo tanto a cada un de nós partícipes da súa propia vida. Hai entre nós e el unha verdadeira comuñón. Unha comuñón que é vida, experiencia, consolo e fraternidade con el e con tódalas persoas coas que nos atopemos na vida.
Con este Rei próximo, amigo e irmán, podemos polo tanto tamén falar. Así o fixo o chamado bo ladrón tal como se nos di no relato de Lucas do evanxeo de hoxe- cando ámbolos dous sufrían en carne viva a tortura da cruz antes de morreren: Lémbrate de min cando chegues ó teu reino.
O Xesús Rei, amigo e irmán, non só lle promete ó seu compañeiro de dores unha lembranza, senón que alén desa humilde petición de lembranza- lle promete, lle dá e ademais hoxe mesmo- o paraíso de seu Reino, o Reino dos Ceos: Hoxe estarás comigo no Paraíso.
Fermosa escena esta onde o Xesús sufrinte non deixa de exercer e practicar cos demais a misericordia ata o derradeiro momento da súa vida sen pensar nos seus propios problemas, nas súas propia dores na cruz. Bela, conmovedora e reveladora escena. Pois nela manifesta Xesús a súa verdadeira face rexia. El é verdadeiro Rei porque exerce a bondade a a misericordia con todos e rexeita, ata o mesmo intre da súa inxusta morte, calquera forma de violencia.
Un Rei así no podemos menos de querelo e de desexalo. Estamos todos chamados, coa forza do Espírito de Xesús, a construírmos con el este reino.

Cabada Castro, Manuel