Como será o demo
Santalla, Iago - miércoles, 27 de noviembre de 2019
Vendo a realidade que nos tocou vivir e a súa continua tendencia a polarizarse, un ten que cavilar moi ben de que lado quere estar e non me refiro a caer na polaridade senón a facer un exercicio de equilibrio que nos leve a manter os propios valores. Os valores son a parte máis estable do noso ser e lévannos a actuar cunha determinada ética persoal. Estes valores reclaman un posicionamento social que, ás veces, se torna obriga moral. Nesta situación hai que descubrirse tirando polo propio ser e iso pode levantar ronchas e facer inimizades.
O problema é que as éticas marcan unha coherencia persoal que se move dentro duns límites situando fora dos mesmos aos demos. Non se trata de caer no relativismo, senón de constatar a pé de rúa que nos cruzamos con éticas que teñen liñas vermellas moi distintas, forxadas todas elas en determinadas experiencias vitais. Todos imos estar a favor dos dereitos humanos, das normas cívicas, da convivencia (polo menos ímolo aparentar nunha realidade como a que vivimos) pero este marco xeneralista dáse de fociños coa realidade cando esta nos pon en determinadas situacións límite. Por iso, me pregunto : como será o demo?
Todos sabemos que roubar está mal pero tamén sabemos que a vida nos pon en situacións que o fai inevitable. Isto lévanos a pensar en determinadas decisións políticas e económicas que derivan nesas situacións límites. Daquela, que é o demo?
Se cadra o problema é que a idea do demo se está tecendo como realidade, unha realidade perversa que nos pon nos bordos da nosa propia ética ata o punto de ter que elixir entre o ela ea supervivencia. Daquela, o demo está no corazón dun sistema cínico empeñado en que transitemos os camiños da hipocrisía.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora