Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Pódese pasar? (3)

martes, 26 de noviembre de 2019
Don Valentín Lamas Carvajal, lembrado máis ben polo seu curioso e premonitorio pseudónimo de Frei Marcos da Portela, que a maiores de Santo, era Subgobernador da outra Portela, da Celeste, non saía do seu abraio:
-¿Como; pero, que dis; non lle saíran, ¡e iso por especial benevolencia de Don Pedro!, cen anos; ou cento e un día, que para o caso...? ¡Cousa coma esa...; un Atila! O seu nome de pías é Aurelio, que ben sabes que significa brillante, pero este, estoutro Aurelio, pasouse, que tan pronto como estudou catro leis, mal sabidas e peor dixeridas, entroulle esa soberbia luciferina. ¡Tanto lle entrou, que se chega a vivir máis tempo, igual supera ao Arcanxo Felón!
-Saíron, si, en efecto; pero este Chanchullas non se esqueceu dos preitos..., ¡nin sequera no Purgatorio!

Frei Marcos, a tal momento develutrido, estouraba de carraxe:
-¡Ai, ho, que cousa; a nai que o pariu! ¡Outra tal...!
-¿A nai? ¿É que non foi xerado polo propio Alcalde, en presenza do Cacique Maior, co visto bo do Gobernador, e obrando de alcaiote o propio Lucifer; contra natura, e todo iso?
-Tal cal, -asentiu don Valentín, -que xa o teño explicado no meu Catecismo do Labrego; mais daquela, para que a godallada fose perfecta, de cheos, fóiselles un peido, que nesa madre o criaron, que así saíu el, delgado pero robusto, coa cara de formigón armado!

O Alguacil non puido conterse e chuspiu disimuladamente por tras dun cúmulo, incapaz de domina-la súa repugnancia:
-¡Uf, que noxo de placenta..., con perdón! ¿Daquela, nese caso, aínda cheirará...; iso, ás flatulencias?

Frei Marcos estivo da mesma idea e asentiu:
-Si, supoño que si; e tamén ao xofre dos infernos. Mais, a todo isto, ¿que opina Don Pedro na súa calidade de Craveiro Maior dos Recintos Sacros?
-Pois..., ¡seica quere convocar un Pleno especial! É para resolver, dunha vez por todas, esta Revisión dos seus Autos, por se houbo algún erro procesual, por máis que xa está farto das instancias dese..., dese Litigante! ¡Aínda máis farto do que quedou de atusmarlles aos peixes, daquela, no Tiberiades! Cando foi do tránsito deste don Aurelio, seu padriño, Lucifer, que debía estar en paro, tentou á súa Pasante para que lle puxese unha máquina, desas de escribir, das que usaban aí abaixo, na Terra, antes de xeneralizarse iso das impresoras, enriba do cadaleito; así que esa condenada meteulla no panteón, envolta nun feixe de crisantemos, facéndolle de tripas, de armazón, á propia coroa, ¡tal que unha lima dentro dun bolo! ¿Entende? ¡Contrabando coma ese nunca outro se nos coou!
-¡Chacho! ¿Oes, como é que lle fixo iso; levábanse mal, ou que?
O Alguacil denegou coa cabeza ao tempo que elaboraba a súa tese:
-¡Que va! Foi por culpa de que quedou mal ensinada, ¡vingativa!, que os secretos sumariais leváraos consigo ese Litis. O caso do caso é que aquela máquina, aquel artefacto das trapalladas, non lle servía de gran cousa á secretaria do Secretario, xa que se ía dedicar, no sucesivo, aos seus labores...

Frei Marcos, que seguía sendo algo inocente, e iso a pesares do seu cargo de Fiscal:
-¡Claro, si; supoño que si: ama de casa! ¡Labores meritorios..., que por certo están caendo en desuso!
-¡Marquiños, frío, frío! Ela dedicouse aos labores propios do sexo, pero do seu..., ¡que iso tamén llo ensinara don Litis, que por ser, tamén era un experto en kamasutra! Fose o que fose, e fose como fose o aquel do transbordo desa máquina de escribir, ese contrabando do finito ao infinito, do temporal á inmortalidade, o caso é que agora...; ¡iso, xa o ve, que para el non hai papel dabondo, nin nos almacéns do propio Iscariote!
Frei Marcos, que fora periodista na Terra, que precisamente por aqueles tempos, na súa xeración, iniciouse o chamado periodismo de investigación, sabíaas todas, maiormente as do caciquismo rural, ¡pero o que é neste caso...! Matizoulle o Alguacil:
-Iso da máquina ten unha agravante: ¡que non era a del, que sempre utilizou as do Concello! Facendo nesa máquina, na oficial, aquelas receitas, as súas, as privadas, disolutas e disolventes, todas elas, dáballe ao seu clientelismo, ao local, a seguranza de que os seus ditames eran..., ¡iso, oficiais, ou séxase, do propio Concello! Así aforraba un tempo libre para...; non o debera dicir, e menos aquí, neste Real Sitio: ¡para irse de...; vaia, xa entendes, esoutra afección tan pracenteira, e tan arraigada, do susodito, que lles daba a todas, e chegaba para todas, fose en seco ou en mollado, que nin que fose un contrario daqueles das paradas!

O Anxo sentíase entre abraiado e divertido, por momentos, con aquelas novidades abracadabrantes:
-¿Así que tiña un bufete na propia Casa do Concello, en Churiz, compatibilizando o incompatible? ¡Vaia, vaia! Sendo así, aqueles xamóns, aquelas propinas dos seus chanchullos..., ¿tamén llos levaban á Secretaría, á vista de tododeus? ¡Moito me parece!

Frei Marcos estaba ao día, bastante ben informado, que por algo era o Fiscal das Falcatruadas Galaicas, un posto de oposición restrinxida, así que lle deu tódolos detalles do caso:
-¡Non, home, que non é así! Ti, en tanto que Alguacil Celeste, estás atrasado, obsoleto que din os españois, que de sempre fómo-los adiantados da picaresca, e ata che conviña facer ese Máster da Reciclaxe Xudicial! Certo é que despois da guerra, da de España, coa fame e coa corrupción daquelas forzas vivas, viñeron aqueles agradecementos graxos, untuosos, xamonís; pero dos graxos pasouse aos crasos; e destes, ás porcentaxes, que xa fai tempo que lles furrula o negro... "Rubio", ou de don Mariano, lle chaman, para disimular. ¡Negras son esas maletas nas que se acomoda e nas que circula! Os billetes do Banco de España sonche de curso forzoso en materia de mordidas, tráfico de influencias, adxudicacións dixitais, etcétera; séxase, nos chanchullos de moda; ¡por desgraza, en todos! ¿Que, que che parece esta corrupción, é ou non é, fénica?
-¿Fénica, de fentos? ¿Esta verba, ese neoloxismo, é do galego actual, do normativizado?
Frei Marcos riuse da inxenuidade daquel Anxo, que por aí se ía coa súa:
-É fénica porque vén de fénix, aquela ave mitolóxica que rexurdía da propia cinsa... Neste caso concreto, procede das cinsas daquela ditadura inefable…

O Alguacil retorcíase coa sorpresa, feito unha espira:
-¡Que cousas, en catro fanegas de terra! ¡Nin desde aquí, nestas alturas, o vemos todo, Frei Marcos!
-¡Pois, o que é neste asunto, inda menos, que ese Tío, este Fulano das Fulanas, adoitaba cerra-las contras!
-¡Ve aí ten! Parvo eu que coidaba que o facía para que non lle vísemos os sorrisos que dedicaba á muller do Alcalde...; que dona “Triunvira” lle puxeron aqueles de Churiz, pero iso foi desde que se espeliron..., ¡polo mundo adiante!
-¡Máis cousas, e xeralmente non sanctas; moitísimas máis! Por certo, que aínda non falamos do importante: ¿Don Pedro puxo data para que vexamos a Apelación deste…, deste Chanchulleiro?
-Por de pronto díxome que o tivese esperando, aí fóra, no adro. ¡Ben sabe, aquilo dos xudeus, a Lei do Talión, ollo por ollo, dente por dente...! E que poña ao seu dispor, Frei Marcos, dous Gardiáns, destes da Xudicial, para que fagámo-las verificacións precisas. Teña presente que este Litigueiro era un experto, un experto en facelas etéreas, ao vapor, sen deixar rastro, así que agora que está de volta, ¡de volta de todo, ou de case todo!, e que xa ve coa luz eterna, ¡vai ser temible! Vostede abra eses ollos, os seus, os actuais, os transfigurados, que eu, mentres, pasareime pola Escola de Periodismo, para un reciclado de urxencia de cara aos tempos futuros, pois estes terráqueos, canto máis se lles aproxima a fin do mundo, máis rebeldes se fan!

Frei Marcos quedouse meditando:
-¡Ata nos fará falla..., a todos, por tempos! Oes, de paso que lle píde-la venia a Don Pedro, pregunta aí na Sala dos Lábaros por se están dispoñibles eses xemelgos tan aristarcos, e tan arriscados, o Fisga Seis e mailo Fisga Nove. Se os atopas, ao que estean dispoñibles, mándalles que se reúnan comigo no Laboratorio Primordial, no da Administración Única, que imos darlle un repasiño á reportaxe deste Fulano, deste Elemento, máis que predemocrático, cavernícola, dos poucos que deben quedar sen depurar. ¡Tan inxel e tan purísimo é ese tío, na súa propia impureza, que nos vai facer suar!
-Frei Marcos, fareino, de seguida, pero non se faga ilusións nisto de arrinca-la nichela, que don Litis igual deixou fillos naturais, incorporados ou enchufados, na presente democracia da súa Gallaecia.
-¡Confiemos que non! ¡Laus tibi, Criste, irmán Alguacil! E deica logo. Que che aproveite esa reciclaxe que vas facer..., para mellor cubri-los obxectivos do teu cargo, que tal e como andan as pescudas, ser Periodista hoxe en día é unha carreira emocionante, das de porvir, ¡incluso no Ceo!
…
Un momento despois, que na Eternidade, como as cousas se fan primorosamente ben, e por tanto levan o seu tempo, visitaron ao Fiscal, a Frei Marcos, aqueles Fisgas, aqueles xemelgos, asignados ao caso, tan cativos eles, comparativamente cos Tronos, e xa non digamos coas Dominacións, que no Ceo chámanlles, afectuosamente, "Microchips". Viñan alasando, polo peso pero tamén polas présas:
-¿Que traedes aí, nesas angarellas, para que teña que axudarvos unha parella de Querubíns? -Inquiriu Frei Marcos resistíndose a crer o que vía.
-¡É o expediente terreal do seu amigo; estes son os vídeos sincrónicos da súa ánima, dos seus actos e das súas teimas!
Pero o Fiscal seguía incrédulo:
-¿Estades certos? ¿E non serán os do Aceite de Redondela, aquel asuntiño de marras?
-¿Por que o di, Frei Marcos; ou é que dubida da nosa aptitude, ademáis da nosa actitude?
-¡Polo volume e polo peso, semellante rolo..., para un só Elemento! ¡Rapaces, isto é desbordante, inusitado!
Contestoulle o Fisga Seis, mais era igual quen o fixese dada a afinidade que tiñan ámbolos dous:
-Querido amigo, as evidencias sonlle estas, que aquí non hai erro posible; e se non o cre, vexa este rótulo: PROCESO DE DON LITIS, SECRETARIO QUE FOI DO CONCELLO DE CHURIZ, FALECIDO POR CAUSA DIRECTA DUNHA CHEA DE PERCEBES EN MAL ESTADO, QUE LLOS REGALARA UN PICAPREITOS DA CORUÑA QUE RESULTOU SER AMIGO DA PARTE CONTRARIA. SENTENCIA RECAÍDA: CEN ANOS E UN DÍA DE PURGATORIO, CON ILLAMENTO TOTAL, SEN RECIBIR DÁDIVAS NIN VISITAS FEMININAS, ASÍ COMO INHABILITACIÓN PARA EXERCER CARGOS PÚBLICOS PER SAECULA SAECULORUM. AMÉN.
-Ti, o que falaches, ¿es Fisga Seis, non si?
-¡Servidor! Aquí ao meu irmán chámanlle, tamén en clave, Fisga Nove; pero coido que vostede xa nos coñece, doutras...
-Si, pero custoume distinguirvos: os dous sodes tan puros, tan puros e tan brancos, ¡inocencia absoluta!
Quen lle contestou foi o Nove:
-¡Élle fácil! Eu, Fisga Nove, sempre miro para arriba; e aquí meu irmán fita para abaixo; desta maneira a imaxe sae conxuntada, en oito micras, bastante completa e máis ben compacta, con moitísima definición.

Frei Marcos invitounos a sentarse cabo del, naquel curruncho da Fiscalía, nuns escanos cirróticos, deses de cirros compactos, que no Ceo todo é sólido, pero transparente, ¡máis có diamante!
-Rapaces, esa técnica ímola precisar na Apelación deste Fulano, que xa sabedes que pide...; non pide, esixe, Casación, por Infracción de Lei! Tratándose dun Elemento, teremos que mirarlle os feitos, as feitas e mailas desfeitas, do dereito e do revés, por arriba e por abaixo..., ¡escroto incluído!
-¡Pois para iso estamos, Xefe Marcos; ao seu dispor, así que empezámo-la nosa tarefa cando guste, agora mesmo que sexa!
-¡Grazas, amigos! Pero antes fareivos unha advertencia: Se temos que preguntarlle algo, algunha puntualización, ao Litis, poño por caso para esclarece-las súas contradicións dialécticas, tede por seguro que alegará ignora-lo galego; por conseguinte, non lle fagades caso: vosoutros seguide nesa lingua, que ben expresiva é, que tamén lle falaban desa maneira aqueles paisanos da pucha, e ben que se entendía con eles, ¡máis que á viceversa! Agora as pégas, os encordios, poñémolos nós, ¡que el xa pasou de mangante a mangado! ¿Conformes? Entón poñámonos a visar as películas deste Peliculeiro; pero ollo aos renuncios, e tamén ao tráfico das influencias…, por se mete recomendación, que no Ceo sempre nos pasamos de inocentes!

O señor Marcos, Tío Marcos, Marcos da Portela, Frei Marcos, que tódolos nomes e tódolos tratamentos tiña, tiña e merecía, acomodouse na súa cadeira de Auditor do Tribunal de Depuración do Caciquismo Galaico, gañada a pulso naqueles tempos do seu estudio das miserias labregas. De par súa acomodáronse o Fisga Seis e mailo Fisga Nove, dispostos, todos eles, a facer xustiza, ¡da boa, da xenuína, da celestial!

As pasaxes da vida impúdica daquel Litis, das que alí se tomou nota, foron as seguintes, deixando para a Defensa aqueles cadros nos que se vía ao Secretario referíndolle pecados miúdos ao Arcipreste de Churiz. Nas súas confesións, nas parciais, naquelas que os da Fiscalía lle cederon á Defensa, non todo era virtude pois o Secretario, en vida, só confesara os veniais, e para iso mesturados con algún que outro que era do próximo. Fixérao así, a estilo fariseo, para que o Arcipreste non formase mal concepto, para que o admitise de grado na súa intimidade, e maiormente para comparti-las timbas de dominó do Café Central. A propósito daquel Café pouco haberá que dicir que sexa puro, pois, á parte de acubilla-las forzas vivas de Churiz, naquel mentideiro acostumaban parar eses cazadores de altura, tan afeccionados á pita do monte dos Ancares, amén dos pescantíns da cana libre, xentes dun creto valorativo moi escaso, e ás veces, inapreciable.
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES