O meu tío Manolo
Santalla, Iago - miércoles, 20 de noviembre de 2019
Hai quince días saíu na Voz de Galicia a historia do meu tío Manolo, irmán do meu avó, co que sempre tivemos unha relación estreita que garda un gran orgullo cara a súa persoa. O meu tío Manolo era sacerdote e estaba na catedral de Lugo aló polos anos 60. Non tardou en namorar dunha rapaza que pertencía á familia que rexentaba o bar Sabadelle da Porta de Santiago.
A historia xa está contada e ben contada no blogue de Amparo Grandío e, recentemente, no citado artigo. Polo tanto máis que recuncar nela vou falar da admiración que sempre lle tiven a este home do que aprendín valores e sobre todo a apostar por ser un mesmo mantendo a coherencia vital. Non era fácil naquel momento, romper cunha institución como a eclesiástica, supuña represión e exilio. Así foi para Manolo, que tivo que fuxir a Francia, traballar no que puido e agardar que chegara unha bula papal. Ademais tampouco era fácil quedar aquí sendo familia do cura que se saíu. O certo é que tras del se foron outros
pero, como sempre, os primeiros pagan a peaxe de selo
Eu admiro a actitude cordial do meu tío Manolo. Persoalmente creo que hoxe en día sería un bo educador social pero, naquela época, un home con mentalidade solidaria só tiña a opción do hábito. Colleuna entón por coherencia e pola mesma coherencia que lle deu a forza do amor deixouna. Asumindo todas as consecuencias ata o punto de reformular radicalmente toda a súa vida. Hai que dicir que tivo ao seu lado unha muller agarimosa e chea de forza que lle axudou a superar todos os atrancos: a miña tía Placeres, que sempre tiña algo para dar e quizais foi protagonista xunto co meu tío e o resto da familia dos recordos de verán que ficaron cristalizados da infancia. Eles foron, e seguen sendo, dos que sempre están e iso crea un vínculo emocional que te acompaña de por vida.
Despois de dicir todo isto, dicir que o quero constituiría unha obviedade un tanto absurda. O tío Manolo é un orgullo que levo no peito e, ao igual que el lle dixo en segredo a aquela periodista da praia que andaba buscando a súa historia o cura sonlle eu, eu hoxe sinto a necesidade de dicir que son o orgulloso sobriño neto do meu tío Manolo.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora