Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Remando cara á eternidade

miércoles, 20 de noviembre de 2019
Xosé Henrique Rivadulla Corcón é un nome ben coñecido no eido cultural galego. Poeta, narrador, autor teatral e guionista, hai anos que desenvolve tamén un importante labor como presentador e director de documentais para a TVG. En calquera das súas múltiples facetas, este coruñés sitúa decote o mundo do mar e as súas xentes como epicentro creativo dende o que ollar a vida.

Tamén o fai así no seu último poemario, Tankas da vida salgada, un libro que foi xermolando ao longo de anos e no que, segundo propia confesión, deixaron o seu pouso as lecturas do mestre Matsuo Basho e os ecos que da escrita oriental poden rastrexarse en obras tan significadas como Os eidos de Uxío Novoneyra, Orballo ispido de Manuel Casado Nieto ou Mar do Fin da Terra de Cesáreo Sánchez Iglesias, alén doutros textos na mesma liña de Jorge Luis Borges ou Octavio Paz.

Como o seu nome indica, a obra de Rivadulla Corcón explora a acomodación á lírica galega da fórmula poética xaponesa coñecida co nome de tanka, que se remonta ao século VII e está na base desoutra xenuína expresión que é o haiku. O tanka clásico consta de cinco versos cun número invariable de onjis en cada un deles seguindo esta secuencia: 5-7-5-7-7. Os onjis son golpes de voz, razón pola cal moitas veces na cultura occidental se teñen adaptado os tankas facendo coincidir os onjis co número de sílabas, aínda que isto fonicamente non sexa moi preciso. Xustamente por tal razón, Rivadulla Corcón optou no seu poemario por outro tipo de acomodación: ensaiar composicións que teñen todas dezaoito palabras dispostas nos versos na forma 3-4-3-4-4, paralelizando unha estrutura fixa ao xeito dos tankas de orixe.

O libro conta con cento dous tankas que son espello todos eles do cosmos mareiro. Igual que acontece nos poemas nipóns, tamén aquí os tres primeiros versos acostuman presentarnos unha visión, a contemplación dunha realidade que ten que ver coa natureza e os seus seres, e os dous últimos versos son unha cauda reflexiva derivada desa contemplación que leva a un pensamento transcendente.

Canto aos motivos en concreto que atravesan estes poemas van dende a observación cordial das diferentes aves mariñas (gaivotas, mascatos, paíños, araos, corvos mariños) e os máis variados peixes, cetáceos e moluscos (congros, muxos, arroaces, robalizas, sargos, luras, xurelos, marraxos, sanmartiños, nacras, pintos, maragotas) ata a omnipresenza do vento (que toca as persoas co seu misterio, envolvéndoo todo), pasando polo propio mar tanto na plenitude solar coma na inmensidade nocturna (símbolo e metáfora da vida mesma, da infinitude e do enigma da existencia) e as heroínas e heroes que a carón del viven (redeiras, percebeiros, peixeiras).

Toda esta pléiade de seres e elementos está elevada a categoría nun proceso de esencialización poética universalizante que, emporiso, non refuga a concreción ocasional para referenciar lugares caros ao poeta; poño por caso: Monte Corpiño, Muxía, Cabo Touriñán, a Furna da Buserana, Monte Facho ou o designativo xenérico Costa da Morte. Entre todos eles, unha única cita, felizmente acaída, a un artista do mar: o pintor Urbano Lugrís, do que se canta “Lugrís é o/ pintor constante das profundidades/ dun mar soñado./ Ninguén poderá impedirnos os/ soños que o mar evoca”.

Fonda e reveladora a proposta destes Tankas da vida salgada de X. H. Rivadulla Corcón publicados pola Editorial Trifolium na súa colección Musa Pedestris. Fariamos ben en aceptar o seu convite a para aprender a namorar as gaivotas estantías, voar coas aves e soñar no seu pairar alado, sentirnos senlleiros como o corvo mariño “fermoso, perdido e triste”, aprender a protexernos dos ventos interiores e deixar que a vida se estenda en nós coma un océano infindo, asumir o tránsito á morte e saber ser “delicada gota salgada” no amor, comprender que no horizonte o mar remata porque tamén a existencia ten límite, pero conseguir vivir para, como no derradeiro poema do libro, poder dicir co autor que “aprendín a vogar/ e ciar para manexar/ a miña gamela./ Chegado o momento poderei/ eu remar á eternidade”.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES