Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Autenticidade enmascarada

viernes, 15 de noviembre de 2019
A autenticidade referida a conduta dunha persoa ven a ser definida por Wikipedia como o valor correspondente a dicir a verdade e aceptar responsabilidades derivadas do seu comportamento, manifestándose con sinceridade e coherencia, tanto respecto a si mesma como ás demais. E como queira que a persoa fiel a este modo de actuar na vida en relación aos seus semellantes debe facelo tal e como ela mesma é e como pensa, isto implica non so un auto–coñecemento de si mesma, senón tamén una auto–xestión para actuar.

Non obstante, nin é tan fácil como parece ese COÑECERSE A SI MESMO, nin tampouco desencaixar a nosa vida dos conceptos, das linguaxes e de certas normas morais que nos enmascaran; non é tan fácil, e repitámolo en forma xeral, desfacerse dos atafegos do mundo, para ser libre, para poder auto–xestionarnos.

Para entender a vida AUTENTICAMENTE PERSOAL, creo que é indiscutible , resaltando o valor expresivo do corpo (lembren a insistencia en non descoidar a linguaxe mímica, xestual: “méntese coa boca, pero co xesto que se fai ao falar se está dicindo a verdade”, escrebe Nietzsche), afirmar que nel revélase a “condición íntima” do home, que, captada intuitivamente, facilita a convivencia. Pero creemos que é preciso establecer aquí unha distinción necesaria, que levamos aos parágrafos seguintes.

Son numerosos os comentarios sobre o aforismo grego, escrito no pronaos do templo de Apolo, en Delfos. É un aforismo moi coñecido, e do que se adoita facer uso frecuentemente. Supoño que xa se fan cargo de que me estou referindo a este: COÑÉCETE A TI MESMO, en grego “gnóthi seautón”, en latín “nosce te ipsum” (desculpen erros: cito sen consultar). Atribúese a Sócrates, pero tamén a Heráclito, a Tales de Mileto, a Pitágoras, etc. Este aforismo suxírenos unha pregunta relacionada co contido deste artigo.

Acaso trátase dunha especie de sentencia, ou consello imperado, co significado de que o autor do aforismo está aconsellándonos autenticidade no noso comportamento?. Talvez estea nesta liña, pero hai unha dificultade: Como accedemos ao auto–coñecemento mediante o recurso da intimidade, estamos levando as intuicións dela, pre–lóxicas e pre–conceptuais, a unha inautenticidade persoal, xa que corremos o risco de comprometer o que verdadeiramente somos, enmascarando a propia autenticidade, pois obxectivar as achegas intuitivas directas da nosa intimidade equivale a encaixalas nas esixencias dos “atafegos do mundo”, mediante a elección de todo o adecuado aos mesmos.

Claro…, o que deixamos dito no parágrafo inmediatamente anterior compromete a linguaxe, que non nos permite comunicar todo. Xustamente por iso, a veces, é necesaria a utilización da poesía para comunicar aquilo que ven das profundidades da nosa intimidade, e tal vez sexa un excelente instrumento de axuda a linguaxe mímica. Ben entendido que non nos estamos referindo a esa intimidade conceptuada como os nosos secretos máis reservados, que poden revelar os medios, e cos que tamén é certo que SABER É PODER: Se coñecéramos esta intimidade dunha persoa, teríamos máis poder sobre ela; pero…,ollo!!, que os xestos tamén delatan e serven para desenmascarar.

Adoita definirse a intimidade como o coñecemento profundo dun mesmo; pero, polas razóns apuntadas máis arriba, pensamos que sería conveniente insistir en que ese coñecemento debe ser INTUITIVO, NON DISCURSIVO, se queremos desenmascarar a nosa autenticidade, que está en nosoutros mesmos, na nosa intimidade, porque o ademais, como pensou Nietzsche, o discursivo é mendaz con moito barullo, algo así como unha “loucura gregaria”; e, precisamente por iso, hoxe é moi difícil manter o ser do que verdadeiramente se é: Imperan os modos cínicos. Pesimismo…?. Sen dúbida; mais teñan en conta que A CONCIENCIA HUMANA ESTÁ REQUERIDA POR TODAS PARTES PARA ENGANARSE E CONFORMARSE COA MERA APARENCIA: Nunca está o home respondendo a súa realidade persoal, senón enmascarado na roupaxe dunha persoa distinta á que el é, ou puidera ser, como desenrolo do seu propio ser; pero lean…

“O cinismo moderno preséntase como aquel estado da conciencia que sigue ás ideoloxías NAÏF…”. Pax.39, de “Crítica de la Razón Cínica”, de Peter Sloterdijk, Ed. Siruela, S.A., 2.019, Madrid.

“Desde o máis baixo, é dicir, desde a intelixencia urbana e “desclasada”, e desde o máis alto, é dicir, desde as cumes da conciencia política, chegan sinais ao pensamento formal, sinais que dan testemuño dunha radical “ironización” da ética e das conveniencias sociais; algo así como se as leis xenerais só existiran para os parvos, mentres que nos labios dos que saben se esboza ese sorriso fatalmente intelixente”, páx. 38, ibidem.

Así, pois, a crítica as ideoloxías debería consistir en recursos teóricos capaces de desenmascarar as inautenticidades máis relevantes, e deixarse de tanta argumentación ad hominem como recurso tabernario, só deténdose, por sospeitosas, naquelas actitudes que se proclaman a si mesmas como as máis sans, normais e naturais.

Vivimos nunha época na que predomina a superficialidade, todo o que ofrece distinción e comodidade, por iso estamos dispostos a sacrificar valores básicos por figurar como epígonos desta xerga de opinións e ideas, sen pararnos a reflexionar que o más profundo dunha persoa é o seu carácter, os seus sentimentos e temperamento íntimo, que consiste nunha estrutura de simpatías e antipatías nativas, de estimacións e repulsións, porque moito máis aló das ideas operan ocultas as nosas valoracións persoais, como recolle de Ortega o Dr. Conill.

En vez de esforzarse en repetir o que se supón que desexan oír os destinatarios das mensaxes, sería moito máis pertinente levar o exercicio do esforzo a desenmascarar as autenticidades persoais enfrascadas nos disfraces desta época, impregnada co zume do cinismo que florece nas falsas conciencias, como se evidencia nos debates políticos, nos que os cidadáns podemos percibir que as reservas de cuestións fundamentais fanos irrelevantes, e pérdese o tempo no cultivo coidadoso dunha imaxe deteriorada polas lembranzas dos nuboeiros dun pasado farto de incoherencias.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES