Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 13 de noviembre de 2019
Debate a cinco

Non se fala doutra cousa que non sexa do debate a cinco. E eu, coma deus, vendo unha película na televisión. (Por certo, a cadea DMAX é a única que proxecta as películas desde o primeiro ata o derradeiro fotograma.) Cando rematou a película creo que aínda seguía o esperpento político, pero nin se me pasou pola cabeza cambiar de canle. Simplemente apaguei a tele e marchei á cama. Por min xa podían debater toda a noite e parte da madrugada, porque, un servidor, nin caso! Xa poden dicir misa que eu... ateo. Ademais, estaban, seica, os cinco partidos máis importantes de España; pero de todos debería ser sabido que sempre vou do lado dos débiles, dos perdedores, dos oprimidos. O que significa que eses cinco, a min, non me representan. Nin me convenceron nin me convencen nin me convencerán.
Pingas de Orballo O debate. Imaxino que se botarían en cara certos asuntos, que prometerían outros que co tempo quedarán en borralla e que se insultarían incluso un chisco porque, ó inimigo, xa se sabe, nin auga! Mentres tanto, un servidor, gozando coma un anano coas cenorias de Clive Owen, coa infinidade de tiros nun pobre guión cinematográfico pero con acción espectacular, cunha sobreactuación de Paul Giamatti; pero, iso si, babexando, baballando de gusto ante a fermosura e a sexualidade que desprende a sempre espectacular Monica Bellucci. Esta si que se merece un debate: político, social, platónico... e, por suposto, físico.

O tempo ten o seu aquel

Segue a chover. Sempre está chovendo. Dá igual. Non, non dá igual. Se chove, teño que ler no coche. No coche resúltame máis incómodo, e téntame o sono. Se non chove, leo fóra, andando, paseando. Paso mellor o tempo. O tempo ten o seu aquel. Pasa nun suspiro. Rende que nin o demo. O mesmo minuto de tempo pode ser o anverso ou o reverso. Que complicado é todo, carallo! Coma o tempo; tanto o climatolóxico coma o outro. Nunca chove a gusto de todos. Porque todos tamén temos as nosas cousas. Somos raros. Somos felices. Levamos o demo dentro. Flotamos en nubes de algodón. Soñamos na punta dun dedo. Sentamos nun bambán nostálxico. E bailamos no recanto dun soño. Os que sabemos bailar. Hai xente que non sabe bailar. Hai xente que só dá saltos. Que se meta atleta, por deus! A vida tamén é complicada. Vas. Vés. Corres. Quedas quieto. Ou vas lento. Non sabes que facer! Pensas. Asubías. Miras. Berras. Calas. E non pasa nada. Ou si. A auga non sempre corre; ás veces queda estancada, en remanso. Coma o tempo. Coma a vida. Menos mal que é poucas veces... o tempo pasa, a vida cambia. Segue a chover. Mañá escura. Mañá húmida. Non obstante, a claridade penetra ou furga pola fiestra da cafetaría. Para ver. Para pensar. Para escribir. Escribo que pasa un coche, que asoma unha muller pola praza, que entra un home na farmacia, que reflicten no cristal da ventá unha imaxes da televisión e que o tempo, o espazo deste relato rematou.

Círculo de Lectores

A verdade é que sentín nostalxia o outro día cando lin a nova de que pechara o Círculo de Lectores. Mellor dito, pechou a súa estrutura comercial. Pero para esa señardade que sinto é o mesmo que se pechara Círculo de Lectores por completo. Porque, para min, ese club de lectores foi como a táboa salvadora na miña época madrileña. Descubrira Círculo de Lectores por medio do meu irmán Pepe; tan axiña como os lía el, ía eu por detrás e caían nun santiamén. Tiven a gran sorte de que, xusto ó día seguinte de chegar a vivir a Madrid, asomou pola porta do piso do outro irmán un comercial de Círculo de Lectores. Non o pensei nin dous minutos; fíxenme socio ó instante. Sei que Círculo non ofertaba as máis importantes novidades, pero compensaba iso cunha oferta económica máis baixa que as das librarías. E eu acababa de empezar a miña vida de funcionario, polo que a economía andaba xustiña. Ademais, que lerias, o Pingas de Orballocaso era ler. Que máis dá que sexa o libro acabado de sacar do forno que o que se escribiu hai dous anos, por exemplo. O importante é ler. E eu lía, vaia se lía. Tiña que pedir varios para que me chegasen ata a próxima visita. Aínda así, de cando en vez ou bastante a miúdo, eu mercaba por aquí e por alá. Tiven que deixar Círculo de Lectores cando casei, porque nesta nova etapa si que influía aínda máis a economía; cada céntimo de peseta (antes) ou de euro (agora), co paso do tempo, era, é unha pequena riqueza. Pero Círculo de Lectores sempre estará nun recantiño da miña memoria.

Nunca fun escrupuloso

É verdade que os pés os teño algo mollados, e a cazadora moito máis. Pero valeu a pena. No maleteiro do coche está a resgardo unha cesta de cogomelos, de boletos. Ricos eles. Noviños, que así están máis sans. Espero que non teñan bichos, pois como teñan algún, a miña muller axiña os mira e remira e practicamente non aproveita nada. “Pero muller, todo o que non mata engorda”, dígolle en broma, pero cun fondo algo certo. A ver, algún bichiño, ó fritilo, xa nin é bicho nin é nada. Ou como lle digo a ela: non comen acaso de todo os do programa ese “Aventura en pelotas”. Pois entón! Nunca fun moi escrupuloso. Tamén é verdade que o asunto é non ver ese “ingrediente”. Ollos que non ven, estómago que non se revolve.
Creo que non son escrupuloso porque de rapaz non podía selo. De rapaz comía o pan con algo de balor e o caldo, ás veces, acedo. O do pan case era normal. Lembro que cociamos oito pans para oito días (quen enfornaba todos os días tal como estaba o asunto da leña?; non a habíaa), polo que hai que imaxinar como estaría o oitavo pan: coma un penedo ás veces (de aí que en algunha ocasión cheguei a mollalo en auga para poder meterlle o dente) ou con mofo. E sobre o caldo, se por un casual se derramaba (xeralmente pola calor) non ías tirar unha pota case enteira. Porque o caldo facíase en potas grandes para que durase días. Facelo leva o seu tempo, case ou sen case unha mañá enteira, e naquelas épocas o tempo si era ouro.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES