Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Galeguizar xantares e ceas de empresas

martes, 12 de noviembre de 2019
Estamos ás portas coma quen di das celebracións do nadal. Os hostaleiros preparan xa as súas ofertas para os xantares e ceas de empresa ofrecendo variados menús. E os encargados de os organizar elixirán os mellores prezos; ou se cadra non. En todo caso, o criterio para faceren a escolla é o embute do condumio.

Aproveitaranse estas ocasións, como adoita ser costume, para falar das reivindicacións salariais e das que afecten ás relacións laborais, amais doutras distendidas brincadeiras. Con toda probabilidade a voz cantante levaráa o dirixente do colectivo, que en moitos casos é un representante sindical.

Por todo isto, consideramos oportuno facer algunhas reflexións sobre este particular, aproveitando a celebracións que se aveciñan.

Temos observado que nos máis destes xuntoiros gastronómicos, mesmo os máis afoutos dirixentes sindicais non son quen de exerceren o pedagóxico maxisterio da racionalidade. Na escolla dos produtos que se van consumir non priman os do país fronte aos foráneos. Nin se presta atención a se están etiquetados en lingua galega, pola importancia que teñen para normalizala máis aló do ámbito literario, que é reducido.

Nestas prácticas de doméstica causa, os organizadores deberían reparar máis na transcendencia que ten unha actitude desleixada doutra responsable e coherente. Máis aínda se temos en conta que moitos traballadores proceden do rural onde malviven os seus veciños e familiares de explotacións agrícola sen viabilidade por non teren abondos consumidores que demanden os seus produtos. Velaí unha falta de solidariedade grave con eles e co proxecto de pais que aínda está por facer. Na súa inconsciencia non se decatan que están a arrebolar pedras contra o tellado común.

De nada valen os recorrentes discursos sobre a críse económica que se adoitan escoitar nalgunhas convocatorias, se logo desaproveitamos as oportunidades que se nos presentan para poñermos en práctica esa pedagoxía social galeguizadora da que estamos a falar.

Tales son as celebracións do 1º de maio, cando se enarboran bandeiras e faixas con lemas reivindicativos, ou enxordecedores discursos para denunciar o abandono do agro, se logo os traballadores en canto consumidores non demandan os nosos produtos, que son de gran calidade, por certo.

E que dicir dos acendidos discursos de exaltación patriótica pronunciados nas celebracións do Día da Patria Galega denunciando os causantes dos males de Galicia, se os afervoados asistentes a tales concentracións non optan polo consumo de produtos da Terra, escollendo entre eles preferentemente os que estean etiquetados en galego.

Tampouco se entende moi ben a rotineira actitude dos dinamizadores culturais e docentes que promoven nos centros de ensino a celebración do Día das Letras Galegas, demandando que se merque libros en galego, como se esta fose a única táboa de salvación da nosa lingua, sen teren en conta que a transversalidade dos comportamentos é a solución do problema.

Con este tipo de actitudes queda demostrada a frouxeza do galeguismo na vida cotiá dos galegos.

As centrais sindicais, que hai varios anos asinaron publicamente a “Declaración do consumo responsable” nun acto promovido pola Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros (póla do Foro E. Peinador) teñen agora a oportunidade de dirixirse aos seus afiliados apelando a coherencia e solidariedade cos traballadores do sector agroalimentario e das súas industrias de transformación.

A nosa economía para ser sustentable precisa do apoio dos consumidores, sobre todo daqueles que teñen como discurso a defensa de Galicia. Poden galeguizar a economía se queren. Demandámoslles o exercicio dun galeguismo coherente.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador).
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES