
Acompañar a unha persoa cando recolle unha distinción é motivo de satisfacción e tamén serve de recordatorio escoitar parte do seu currículo. Esta vez tocoulle ao crego, musicólogo e escritor Xesús Mato.
Así o presentaron o pasado domingo, día 3, nun acto no que a Asociación Cultural Cántigas e Frores lle outorgou o Premio da Cultura Galega 2019.
Comecei a descubrir a súa variada actividade cando o substituín na Coordinación de Auxilia. Non foi fácil xa que en cada unha das súas carpetas podía aparecer unha partitura, o esquema dunha homilía, o guión dun programa de radio, a convocatoria dunha reunión... Compartimos os comezos dunha loita, eu diría que unha loita máis auténtica e menos interesada, na que o máis importante eran os pequenos logros de cada persoa con diversidade funcional que iamos descubrindo, daquela grazas aos datos que nos facilitaban os mestres e os curas. Máis tarde sería a través de reunións en

distintos concellos. Así comezou o censo de Auxilia, como nos lembraba o sábado.
Tiven a oportunidade de estar con el noutras distincións como Fillo predilecto de Paradela, a medalla Castelao, etc. Xa é un clásico que nas súas intervencións de resposta faga algunha alusión a Auxilia, quizais a parte máis humana da súa actividade polifacética. Pero tamén a música encheu unha parte importante da súa vida. El sabe que eu tamén tiven o meu contacto con ela no grupo Tangaraño, e non deixa de animarme a continuar. Quero destacar que promoveu os festivais Operación Sol, catalogados naqueles tempos do 74 ao 78 como os mellores no eido da música popular galega. Escenarios como o desaparecido Gran Teatro, o Pavillón Municipal de Deportes, o colexio das Xosefinas e o Auditorio Gustavo Freire, con motivo do XXV Aniversario, acolleron o máis representativo da nosa música. Era un dos medios que tiña Auxilia para recadar fondos para as Colonias de verán e, ao mesmo tempo, sensibilizar á sociedade.
Unha vez máis, Parabéns a Mato e tamén a Cántigas e Frores polos seus setenta anos de actividade!!!