Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 08 de noviembre de 2019
Velar un cadáver

Dentro duns anos a xente nova non saberá o que significa “velar un cadáver”. Agora o que fas é ir rezar, dar o pésame é asistir ó tanatorio. Pero antes, velar un cadáver, era estar con el practicamente todo o día e, por suposto, os máis achegados, toda a noite. Certo que o de vixialo deixaba moito que dicir. Sexamos sinceros, algúns dos que o velaban toda a noite era máis polo licor café que polo propio defunto (que en paz descanse). A máis dun vin saír zigzagueándose de mañanciña cedo do domicilio de defunto. Hoxe en día, os tanatorios teñen os seus horarios e aínda que algúns teñan bar, nin é gratuíto nin botas neles toda a noite. Velar un cadáver tamén tiña o seu perigo en anos ha. O 29 de marzo de 1950 apareceu en dous xornais galegos a nova dun accidente mentres se velaba un cadáver. Este era o de María Dolores Rivas González, Pingas de Orballoveciña de Almoite, en Baños de Molgas, que cando medio pobo estaba acompañando a familia e o defunto, derrubouse o piso da habitación. A confusión, por suposto, foi enorme e os feridos bastantes, aínda que, iso si, sen moita consideración, grazas a deus. Hai que lembrar que neses anos, as casas eran como eran e as súas deterioracións non tiñan arranxo así como así, e non porque non se soubese, senón porque non había cartos para gastar en reformas. Tamén se pode dicir o traballiño que levaban algúns para sacar, logo, o cadaleito de tal habitación ou de cal casa. Porque as portas ou escaleiras nunca se fixeran pensando nesas tristes ocasións.

Correndo

Corro. Paro. Non quero rebentar. Sento. Contemplo. Vexo a vida pasar. Ou o tempo. Asubío. Penso. Berro. Quedo en silencio. Ergutío. Escoito a Artie Shaw. Quero escribir, pero non teño con que. Memorizo. Uns versos? Unhas liñas? Patexo ou espernexo. É o mesmo, significa o mesmo. Escoito a Serrat. Berro por entre as carballeiras do Piual. Ergo. Boto a correr. Corro. Corro. E sigo correndo. Sufócome. Abafo. Xemo. Pero como sei que non vou rebentar, sigo correndo. Corro. Pingo gotas de suor que penso que son bágoas de orballo. Pero non choro. Como vou chorar... se son un home. Berro entón. Esgórxome. Asusto ós corvos. Que xa é asustar. No fondo río. Porque non quero seguir berrando. Quero escoitar a Conchita. O cansazo faime tremer as pernas. Non quero rebentar. Sento. Abafo. Latexa o corazón con forza. O pobre está desbocado. Calma. Acougo. Moita calma. Ó lonxe, tocan as campás a dó. Alguén morreu. Silencio na tarde. Engurro o cello. Mal asunto. Toca correr outra vez. Hai que saber. Medo. Temor. Receo. Chego medio rebentado. Pero podo falar. Pregunto. Non coñezo. Calman os latexos. Pero o pulso segue frenético. A ver!, levo moito tempo correndo. Case son un profesional. Un profesional dun día tan só. Escoito a Tori Amos. Non sei que faga: se me bote a correr de novo ou se descanse xa dunha vez. Nunca correra tanto. Algunha vez tiña que ser a primeira. E postos xa... pois a seguir correndo. Corro. Non paro. Sigo correndo. Non sento. Corro. E berro. Corro. E berro. Berro. E sigo correndo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES