Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A nosa Señora do Faro (3)

jueves, 07 de noviembre de 2019
IV. Devoción popular
No santuario do Faro celébranse dúas festividades: a da Asunción de María, o 15 de agosto, chamada popularmente a do “Faro pequeno”; e a festividade da Natividade, o 8 de setembro, que recibe o nome de “a grande”. Esta última é a máis importante e á que máis romeiros acoden.

Na festividade do “Faro pequeno” non sube “a imaxe da filla” dende a igrexa parroquial de Requeixo. Non embargantes, este feito non supón un obstáculo para que de ano en ano a afluencia de devotos se vaia incrementado. Nesta data acoden, dun xeito preferente, aqueles fieis oriundos das comarcas cercanas, que están pasando as súas vacacións no devandito mes. Ó chegaren ó santuario cumpren cos mesmos rituais e ofrendas que o 8 de setembro van realizar os máis de sete mil devotos que veñen ó Faro por venerar á Virxe.

Na data de setembro, a maioría dos romeiros acoden en coches privados e públicos. De tódolos xeitos, aínda hai un bo número que veñen andando dende a vila de Chantada e dende as terras de Camba. As dúas vías maís utilizadas, no intre actual, son: a que sae da igrexa parroquial de Requeixo, pola que ascenden os devotos procedentes da zona chantadina; e a que ven do val de Camba, usada polos romeiros que veñen de Lalín, comarcas do Deza e Trasdeza, de Oseira.

Denantes de acceder á capela, bastantes devotos soben pola senda coñecida como “camiño da Virxe”, de pé, calzados ou descalzos, e de xeonllos. Hai poucos anos, que se colocou nesta senda un “Vía crucis”, quizais para darlle un sentido máis penitencial. Námbolos dous flancos da mesma, hai mendigos que tentan obter unha esmola dos fieis conmovidos polo suas penas. Ademais, neste camiño duns dous metros e medio de ancho non hai ningún toxo, nin crece maeza, só unha herba fina e suave. Segundo a tradición, isto é debido a que por esta vía subiu a Virxe ó Faro, e dende aquel momento liberouna de toda aspereza.

V. Pedimentos, rituais e ofrendas
Consonte é habitual, os devotos acoden ó recinto sagrado para pregarlle á Virxe a concesión dalgunha petición ou como agradecemento por un favor recibido. Os pedimentos máis usuais adoitan ser por doenzas humanas de diferente índole e problemas de carácter familiar e social. Non obstante, tamén hai peticións de carácter precautorio non só de doenzas humanas senón tamén respecto a facenda familiar. Ademais, tamén, acoden mulleres para acadar partos felices. Antano, invocábase á Virxe, segundo Rielo Carballo, como remedio ou protección en tercianas e cuartanas, e para librar de feitizos e medios diabólicos.

Para levar a bo termo estas peticións, os fieis adoitan participar en diversos rituais e ofrendas. Respecto ós rituais, logo de que un apreciable número de romeiros acude andando ou en coche dende o seu lugar de orixe, e sube “a costa da Virxe” ata a capela, é o momento no que oen unha das misas oficiadas dende primeiras horas da mañá ata a primeira hora da tarde, na que varios cregos de freguesías limítrofes concelebran unha misa cantada (1). Na actualidade, as misas máis concurridas oficianse no exterior, sempre que as condicións climáticas sexas propicias. Nese caso colócase a imaxe da Virxe nun cobertizo de pedra, no interior do cal situanse os cregos concelebrantes.
Os romeiros, tamén, adoitan dar unha ou maís voltas ó redor da capela ben de pé, calzados ou descalzos, ben de xeonllos. Este ritual de circunvalación, tamén, se realiza ó redor de calquera dás duas representacións marianas que hai no santuario, ou dámbalas dúas (2).

Abondos devotos tocan coas súas mans e panos as representacións da peana da Virxe e o seu manto. Logo, pásanos por aquelas partes doentes dos seus corpos cunha finalidade profilática e curativa.

Un dos rituais máis significativos deste santuario é a procesión, que reviste tres niveis:

• O primeiro nivel refírese ao traslado da imaxe, chamada “a filla”, “a nova” ou “a oitava”, dende a igrexa parroquial de Requeixo ó santuario, distante uns cinco km. A disposición dos elementos que interveñen no ritual é o seguinte: a cruz parroquial e o pendón, levados por fregueses da parroquia; un farol coa luz acesa e un esquilón. que advirten aos fregueses da comitiva que garden unha compostura axeitada; logo, a imaxe da Virxe, levadas nas andas por catro homes da comunidade coas súas varas de apoio; finalmente, o párroco e fregueses acompañantes. Hai varios anos que a imaxe da Virxe é levada á capela nun tractor da parroquia moi ataviado con motivos florais. Algúns destes fregueses quedan a dormir no Faro nalguns dos cobertizos existentes, ou en tendas de campaña, acompañando a outros mozos da vila chantadina, que se encontran alí coa finalidade de asistiren ó evento do día seguinte.

• Logo da misa cantada, sae a procesión que percorre o adro e as súas inmediacións. A disposición dos seus elementos é como sigue: abrindo a comitiva vai a cruz, o pendón, e dous estandartes da Virxe, levados por fregueses da comunidade parroquial; logo, a imaxe da Virxe levada nas andas por catro devotos da Virxen ; a continuación, os cregos concelebrantes; e, como remate, unha banda de música e romeiros en xeral.. No manto da Virxe van pendurados billetes de 10, 20 e 50 euros, ata chegaren a un total aproximado de 800 euros.

Non embargantes, esta disposición é máis teórica que real, debido a que bastantes ofrecidos proiectan toda a súa emotividade neste ritual, e polo tanto resulta difícil manter unha orde. Isto reflíctese nas continuas “remudas” das andas por parte dos devotos no transcurso da procesión (3).

• O día nove, á mañá, baixase en procesión a imaxe da “filla” ata a igrexa parroquial coa mesma disposición que na subida á capela. Hai anos, saían a recibir á Virxe as imaxes de S. Xoaquín e Santa Ana.

Nas procesións respectivas os acompañantes van cantando” Os Gozos a nosa Señora do Faro”, compostos por Vicente Fabián Nogueira a principios do último tercio do século XVIII.

Por outra banda, os devotos, denantes de chegaren ó recinto sagrado, realizaban e seguen realizando unha serie de rituais ligados con algunhas fontes que hai no camiño de subida. A primeira é a “Fonte dos meniños”, na que hai anos se lavaban os nenos pequenos cando estaban febles ou perdían o apetito. Ademais, as súas nais adoitaban introducilos doentes na fonte, portando unha candea acesa; se non se apagaba, a curación estaba asegurada. Logo, os romeiros encontran a “fonte das ortigas”, indicada para os problemas do ventre. Tamén é coñecida popularmente como “a fonte de Sanabarrigas”. Finalmente, chegamos á “fonte da Virxe”. De pedra granítica, foi restaurada no ano 1718, aínda que segundo outros foi no ano 1778. Hai uns anos coronouse o frontal baixo cunha escultura pétrea da Virxe. Nesta fonte os devotos lavan as súas mans e enchen botellas de auga para sandar a persoas e animais doentes. Ás veces, hai romeiros que lavan as súas doenzas na propia fonte.

Asi mesmo, como compensación polos favores recibidos, ou como ofrenda propiciatoria, os romeiros realizan as seguintes ofrendas:

Algúns devotos acceden ó recinto sagrado vestidos cunha mortalla de cor branco, azul, ou negro, como testemuña de agradecemento á Virxe pola solución dun problema grave.
Achegan candeas da mesma altura que o ofrendante, e “velóns” (candeas pequenas), que colocan acesas en varios lugares: no interior dun alpendre, feito de aluminio, situado a carón da representación mariana emprazada no exterior da capela; na marxe inferior esquerda da capela e ao carón da outra representación mariana; tamen por riba do altar maior da capela colocan “velons” acesos no seu lado dereito.

Aportan esmola en metálico nas boetas que hai na capela, e no transcurso das misas.
Entregan estipendios en misas (4).

Traen corpos humanos de cera, e partes dos mesmos: pernas, brazos, peitos, cabezas, pés…que adoitan colocar nos mesmos lugares que as candeas.

Antano, traían abondosa ofrenda en especie, a base de centeo, liño, lá, cordeiros, polos e outras dádivas, que foi diminuindo ó longo dos anos ata ficar, no intre actual, nunha pequena pervivencia (5). De tódolos xeitos, hai a crenza de que a mestura do grao ofrecido á Virxe con semente común é moi beneficiosa para obter boas colleitas.
Esta ofrenda en especie empregouse no século XVIII, segundo Fabián Nogueira, para rematar as obras da capela e para os sufraxios das benditas ánimas.

Ó rematar os oficios relixiosos hai fieis que se acercan ó “Rego das Pipas”, onde están situados os postos de polvo, as rosquilleiras e outros postos ambulantes, que tanto venden diferentes lambetadas como xoguetes para disfrute dos asistentes. Na actualidade, os medios de locomoción e os novos xeitos de divertimento están rematando cós típicos xantares campestres e, tamén, cos bailes propios das romarías de hai anos.


NOTAS:
1. A misa cantada é concelebrada as 12, 30 da tarde. Denantes diferentes cregos de Lugo capital e de parroquias limítrofes ofician misas as 8,30; 9,30; 10,30 e 11,30. Logo da misa solemne das 12, 30 celebranse outras tres as 4,30; 5,30 e 6,30 da tarde. O día nove oficianse dúas misas: a unha e as cinco da tarde. Ao rematar esta última misa lévase a cabo a “baixada da Virxe” en procesión ata igrexa parroquial de Requeixo.
2. A representación mariana denominada “A Filla”está situada ao carón do cobertizo de pedra, onde se celebran as misas. A outra representación, de nome “a Nai ou a vella” está colocada no interior do santuario –na súa marxe esquerda. Sobre ámbas as dúas representacións os devotos realizan rituais de circunvalación e de paso por baixo das andas.
3. A remuda das andas lévase a cabo cando os porteadores das mesmas cedenllas a outros e asi sucesivamente. É un ritual característico dalgúns santuarios das Terras de Lemos, como o da Virxe das Augas Santas (Pantón); o da Virxe de Cadeiras (Pinol) (Sober). Tamén nalgúns outros de Chantada como o da Virxe da Saúde (Líncora)…
4. Sabemos que no ano 2000 os devotos ofreceron unhas 300 misas. No ano 2011, é moi probable que se chegue ás 250. O prezo de cada misa é de 10 Euros.
5. No ano 2011 unha devota de Oseira (Ourense) trouxo un saqueto de trigo de 17 kilos.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania