Os ilustrados das TV
Cardalda, Theo - lunes, 11 de febrero de 2008
Vaiche boa a cousa, mala chispa os coma. Non sei se vos dades conta que dun tempo acó, non se pode ollar a Televisión sen alporizarnos. Algúns parroquianos os ves pola rúa con cara de beatos e as uñas de gato.
Dáme que pensar que as productoras para que estéamos cabreados día si e outro tamén, acometeron unha estratexia onde non hai un só programa que non remate a ouvear, berrar e ornear, inclusive xa comezan os programas berrando como lobos, logo no intermedio do programa ven a publicidade cun son infernal que rematas cunha subida de adrenalina e cun cabreo épico que che dan gañas de coller un mazo de ferreiro e escachar o aparato da TV. Estas productoras está a sementar sen semente, para que os oíntes e televidentes rematemos segando sen fouciño.
Intentas desconectar os miolos un anaco e pos calquera programa de corazón (subcultura) dos que temos agora. Pero moi lonxe da túa intención, o teu cabreo vai a máis cando aparece alguén que coñeceu a non sei quen; que saíu con non sei cantos; que estivo na cama con tal persoa; que si a vaca da miña veciña da mellor leite que a miña; tal é a nai como a filla; uns en boa cama e outros en mala. Neste programa de lixo xuntouse a fame coas gañas de comer.
Falan gritando como nas lonxas do peixe (con moito respeto polas peixeiras). Qué máis quixeran algunhas señoritas que saen neses brodios de TV cunha cultura máis semellante a pés de bancos, chegarlle á altura dos tacóns as nosas peixeiras galegas.
A subida de cabreo ten lugar cando o presentador berra máis que os personaxes invitados e pasas a converterte nun cabalo furioso e rematas ouveando todo descomposto: ¡ Vaia anaco de cabro
....
A túa dona mira para ti e pregunta se estás doente, que tes unha cara descomposta e sáenche os ollos e os dentes para fora. Para non armala colle-lo coche e vas dar unha carreiriña, sintoniza-la radio e escoitas máis berros, esta vez a Jiménez los Santos que ladra e fai posible aquel refrán galego: na terra dos lobos hai que ouvear coma todos.
Apagas a radio, saes do coche e vas dar unha volta; tes a negra sorte de atopar a uns coñecidos que comezan a berrar polo ruín dun presentador nun faladoiro de fútbol na TV, enchen o ar de blasfemias dirixidas a estes comentaristas, comezo a fuxir dese ar tan contaminado de cabreados, voto a andar é pírome axiña para non rematar tolo.
Ao pouco tempo os chips da miña cacholiña lémbranme o libro de cabeceira que estou lendo (Vivir para contarla de García Márquez), e sinto unha tranquilidade, un acougo que o corpo comeza a relaxarse ao momento, métome na cama comezo a ler, estou ata preto das tres da mañá saboreando o intelixente tema de Gabriel; foi como un sedante e durmín como un bendito.
¿Como é posible que estes responsables das TV, guionistas ilustrados, productores e toda esa tropa poidan insultar á intelixencia dos parroquianos con tanta impunidade?. De ruín madeira, nunca deu boa astela.
Á única maneira de facerlles a puñeta: apáguemo-lo televisor nas horas de máis audiencia e collámo-los libros e os discos, é a mellor terapia contra os principios da tolemia.
Agora que acaban de aparecer os índices de lectura neste país e, por fin Galicia, imos en cabeza en algo: lemos pouco. Non lle deamos pé a estes comediantes e farsantes das TV a seguir sendo os primeiros no negativo. Libro pechado non fai letrado.

Cardalda, Theo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora