Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Alfonso Carrasco, Bispo Chairego

Paz, Moncho - lunes, 11 de febrero de 2008
Ao marxe das ideas, coido que debemos celebrar hoxe o nomeamento de Alfonso Carrasco como bispo de Lugo. É unha boa nova para Vilalba, a terra que o veu nacer e medrar. Ao marxe das polémicas, hei de recoñecer que me aledou cando se fixo pública o pasado 30 de novembro; porque Alfonso é, ante todo, unha boa persoa, amigo dos seus amigos, próximo e dialogante, con fondas inquedanzas culturais e intelectuais, como amosa a súa formación académica e humanista.

Cando se deu a coñecer o seu nomeamento, a primeira imaxe que tiven foi de hai cáseque trinta anos: a lembranza de velo en compañía dos seus pais e irmáns baixando pola costa da Praza do Castelo, dende a Pradia até a Porta de Cima; nós, o grupo de amigos que sempre xogabamos o partido de fútbol fronte ao desaparecido Bar Moderno, estabamos afeitos a que moitos veciños pasaran polo medio da pachanga e mesmo aproveitaran para darlle uns toques ao balón. Carlos Gómez Osa, Arturo Gómez Mato, Marcelino Criado, Monasterio, Gelucho e... Alfonso Carrasco, entre outros. Cada vez que subían ou baixaban.

De Alfonso Carrasco gardo na memoria a súa afección polo baloncesto e os seus longos paseos pola vila, amosando sempre un rostro afable, de xesto sereo e ollada transparente. Boa xente. Como tamén o era o seu pai Luis e o é a súa nai, Visita, grande amiga de Carmiña da Ponte, onde todos mercabamos a prensa. Precisamente un grupo de aqueles nenos decidimos un día facer un xornal na vila, e para iso precisabamos financiación, de aí que nos adicáramos a buscar posibles anunciantes. Un dos primeiros foi Luis Carrasco, que co seu peculiar sentido do humor nos dixo: “pero quiero que me respetéis los eslóganes: Tejidos Casabedra, vende barato porque le da la gana; Tejidos Casabedra, la casa que más barato vende de Europa”. E logo abonounos a cantidade acordada.

Hai quen pretende vencellar a chegada de Alfonso Carrasco á influencia do seu tío, o cardeal Antonio María Rouco Varela. Outros apostan polas comparacións e o sitúan fronte ao espello de Frei Xosé Gómez. E hai quen ve a un home novo, instruído e capaz, que regresa á súa terra para desempeñar un cargo que non deixará indiferente a ninguén pola súa proxección social. Nunca chove –nin choverá- ao gusto de todos.

Mais, ao marxe das ideas e ao marxe das polémicas, paga a pena celebrar as boas novas alleas e por iso hoxe dámoslle a benvida a Lugo a Alfonso Carrasco, chairego de Vilalba, que agora terá a oportunidade de estar preto dos seus. Parabéns, saúde e sorte.
Paz, Moncho
Paz, Moncho


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES