Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 01 de noviembre de 2019
Esperando certa prensa

Certa música sae polos altofalantes da Cervexaría de Maceda e o sol reflicte sobre os cristais da galería de enfronte. Vai sol. Onte choveu. Antonte houbo néboa espesa. Ó mellor mañá igual se lle dá por nevar. Ou por xear. Sempre digo que vivimos nun país privilexiado. Climatoloxicamente falando, claro. Porque polo demais... o tamén xa dito: somos o cu do mundo. Non, non teño ganas de esbardallar, de baduar, de latricar. Simplemente estou facendo tempo. “Fóronme pola prensa”, díxome Óscar, o da Cervexaría. De certa prensa. Porque a prensa diaria, a habitual, a de sempre xa a ten. E xa a lin, claro. Pingas de OrballoOnde vai que a lin! Á primeira hora da mañá! Noutra cafetaría. Agora mesmo son as doce menos dez. Por ler ata xa lin unha boa morea de páxinas do libro “As mulleres da fin do mundo”, de Daniel Asorey. Quédanme 30 páxinas. É dicir, que o rematarei nun chiscar de ollo, nun alustro, ou sexa, hoxe xa pola mañá. Tan axiña como finalice este Pingas e logo de ler esa prensa que foron buscar, poreime ó libro. Xa quero devolverllo á biblioteca da Valenzá pola tarde. Ó entregalo, faltaría máis, haberá que pillar outro. En principio ten que ser en galego (adoito ler dous casteláns e un galego, dous casteláns e un galego). A non ser que haxa algún castelán que... non poida deixar escapar. Chegou certa prensa. Así é que lle poño punto final a este relato e póñome xa con ela. Antes de que ma pillen. Punto final.

Empeza a noite, remata o día

Empeza a noite e, para min, é como dicir que remata o día. Porque a noite adoito aproveitala escribindo e, despois, vendo algunha película, se é que a hai (se non a hai, sigo escribindo). E rematado o día... non lin nada! Isto non é bo sinal. Estar un día sen ler nada (por ler enténdese libros, pois xornais lin dous) é coma sentir un baleiro no estómago que me pode deixar para o arrastre. Acostumado a ler como mínimo seis horas diarias, o día de hoxe é coma un aborto da natureza. E si, remata o día porque logo de escribir o que estou escribindo, recollerei coma un lóstrego para ver a película “Un home chamado Ove”, que proxectarán na segunda canle. Non puiden ler porque os sábados, e a pesar de estar xubilado e de deixar a viña, seguen a ser os peores días da semana. Sempre hai algo que facer na aldea. Hoxe tocou cortar tres castiñeiros que secaran e preparalos, logo, na casa. Á media tarde tiven que parar na Valenzá para ler un xornal (o outro mercárao e lino ós cachos na aldea) e, iso si, tomar uns cafeciños. Os sábados sempre teño mono de café. Porque non o podo tomar ata a media tarde ou a noitiña. Cando cheguei á casa dubidei entre poñerme a ler ou escribir o Recuncho Hebdomadario do luns. Sabendo xa o da película, optei por escribir, pois despois da cea igual non me daba tempo de escribir o Recuncho antes de ver aquela. Ceei e estou co que estou. Non puiden ler. Case é un sacrilexio! Pero tranquilos todos, mañá é outro día. Tamén merezo algún descanso.

Por unha noite pecha

Como houbo cambio de hora, ás nove menos cinco da noite xa a escuridade é total. Silencio na noite. O silencio sempre é dono e señor cando non hai ruído. Porque a música de John Coltrane non é ruído. Tampouco fai ruído un asubío platónico pola Valenzá arriba, por exemplo. Ou polo parque Ansuíña de Baños de Molgas. O silencio é o mellor verso que se pode escribir cando os soños se deitan na almofada da calma, do sosego. A noite é esa escuridade que, aínda que non vexas nada, sentes todo. A noite é o ruxerruxe do silencio. Porque o silencio, se atendes, tamén fai ruído. O mesmo que, ás veces, no ruído atopas o silencio. Entre ruídos e silencios, Pingas de Orballounhas teclas van pousando sentimentos nunha páxina en branco, marcadas polo ritmo de Radiohead. Non todo vai ser jazz nesta noite pecha. Concéntrome no ruído para buscar o silencio e deixalo caer nun mar calmo con sabor a morriña. Bendito o día en que un berro seco non fai ruído! Bendito o día no que un berro seco cae en silencio sobre un corazón aberto! Noite pecha. Silencio na noite. A música de Max Steiner leva pingas de ruído que baten en silencio sobre os meus oídos. Ninguén pode disimular o ruído dun latexo sobre o significado de todo un poema. Porque hai poemas que marcan o camiño para chegar ó intermedio dunha historia que se está contando... en silencio. Hai historias que veñen e van por unha noite pecha. Por unha noite pecha calquera.

O toxo que medra

Medra o toxo sobre o “i” da incerteza e unha laverca sobrevoa por enriba dunha matogueira. Quero chover pero non chove. Quero berrar desde o alto dun outeiro, dunha lomba pero o pozo no que estou metido non me deixa espallar o ruído que levo dentro. Levo toda a mañá en silencio. Preciso dunha escaleira para subir ó ceo ou dun sedeño para agatuñar ata o firmamento. Claro que se unha ou o outro rompen, penarei no inferno. Medra o toxo por detrás do niño da rula que hai nunha silveira. Esta arrabuña na pel das miñas sensacións. O sangue pinga sobre o chan seco. Quero correr polo outeiro abaixo porque xa sinto o esgazo da gorxa. Quero descansar sobre un mangado de herba seca. Ou sobre un feixe de ferraia. Pero as nubes negra ameazan un tempo enxoito e un silencio compartido por catro latexos. Sempre haberá momentos nos que unha simple ollada traspase todo un universo, nos que un coidado sorriso descubra todo un camiño libre de atrancos e recto, moi recto. Medra o toxo que está na cabeceira, na testeira da cama e un simple soño vaga polas horas de insomnio, de desvelo. Agora que cada quen colla un fouciño e estude a posibilidade dunha roza chea de inseguridades ou dunha queima que estrague toda unha ilusión. Eu optarei por mimar o toxo que medra, por abrir as nubes negras que ameazan a escuridade da alma para que a claridade dunhas ideas queden plasmadas no papel da verdade escrita, da verdade sincera, da verdade eterna.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES