Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Verbo das dimensións da persoa humana

viernes, 01 de noviembre de 2019
Eludo entrar nunha rigorosa analítica expositiva das dimensións da persoa humana, porque nin corresponde a este lugar nin a miña formación está sobrada de suficiente información para abordar tan delicada materia. Consecuentemente, tampouco lles vou ofrecer unha definición das mesmas: Só unha idea delas que serva para esta colaboración do meu propio amaño.

Por tanto, entendo aquí por tales dimensións as distintas perspectivas desde as que se pode considerar a persoa humana, sobre todo a hora de valorar as súas diversas actividades e comportamentos, sempre tendo en conta a complexidade que encerra unha integración sintética e sinérxica das mesmas, xa que isto esixe unha visión cognitiva plena do home e da muller.

Así ocorre que falemos da nosa capacidade para vivir en sociedade, ENTRE e CON OUTROS, medindo o afán cooperativo nas tarefas encamiñadas ao BEN COMÚN, e no logro das oportunas e contextualizadas transformacións do entorno social e, especialmente, no ámbito cultural no que se encontra inmersa a persoa. E todo isto está xustificando a atribución a mesma, da DIMENSIÓN SOCIO-POLÍTICA.

Convivimos nun contexto acugulado de normas que consideramos necesarias para regular a nosa convivencia; pero tamén temos unha certa convicción íntima de que esas normas están inspiradas por uns principios e valores que as fundamentan, e orientan as nosas accións e comportamentos. Son principios e valores éticos que nos levan a outra perspectiva dimensional do home: Á DIMENSIÓN ÉTICA.

Pero o home non está asistido dos finos e precisos instintos que posúen os animais. Como di Zubiri, o home/a muller vive nun mundo de REALIDADES, non de meros estímulos, e, por tanto, temos que utilizar a INTELIXENCIA, aplicando a razón á solución dos problemas que se nos presentan na vida. Temos, pois, que poñer en exercicio as potencialidades de aprender, cognitivas, empregando na ciencia un pensamento lóxico –matemático. É dicir, necesitamos a DIMENSIJÓN COGNITIVA, mediante a que tratamos de racionalizar a realidade, non só representándoa (matiz hermenéutico da ciencia, por exemplo), senón incluso construíndoa, creándoa.

O home/a muller, ten a posibilidade de abrirse aos valores universais, transcendendo a súa propia existencia, e coñécese esta perspectiva como DIMENSIÓN ESPIRITUAL. Quero lembrar que nun artigo neste medio, dediqueille algún espazo á que Zubiri chama DIMENSIÓN TEOLOGAL (non teolóxica). Esixe as preguntas de sempre polo sentido da vida da persoa humana, e aquí evidénciase esa dimensión teologal, e tamén a existencia da correspondente DIMENSIÓN AFECTIVA, na que predomina a afectividade, de cuxa importancia creo que non é necesario dicir máis aquí.

As persoas humanas comunicámonos mediante unha linguaxe que nos permite inter–actuar cos nosos semellantes, para acadar consensos e practicar diálogos. Trátase da DIMENSIÓN COMUNICATIVA, que hoxe en día adquire insospeitadas proporcións, con base nos progresos da “neurociencia” e a aplicación da tecnoloxía correspondente.

Ademais, o home/a muller contan con sensibilidades que lle permiten apreciar a beleza e expresala desde o seu mundo interior. Por suposto, estou facendo referencia a DIMENSIÓN ESTÉTICA, que, coas demais dimensións aquí explicadas, ten un soporte físico: o corpo humano. Precisamente por isto, adoita incluírse aquí a DIMENSIÓN CORPORAL, obxecto de estudo en varias ciencias.

Non pretendo ofrecerlles uns apuntes programáticos. Seguro que vostedes, amigos lectores, non os necesitan, ou, cando menos, así presentados neste medio. Sinxelamente, ocúpame esta temática hoxe, estimulado polos moi desafortunados sucesos recentes en Cataluña, que me fixeron reflexionar un pouco sobre aquelas dimensións da persoa humana que foron aldraxadas por activa e por pasiva, ata o extremo de non ser capaz de contextualizalos no século XXI: Só un recorrido pola historia creo que alimenta a sensación de que se está producindo unha verdadeira involución naquelas dimensións que de modo directo ou tanxencial afectan os procesos socio–políticos, como pode ser a ética e incluso a teologal.

Cales queira que sexan as razóns que nesta contenda puideron ser esgrimidas, caeron en terreo pedregoso, xustamente acondicionado por aquelas persoas que deberían manter a bo recado a súa integridade persoal, precisamente como fundamento dun valor tan importante como é o VALOR da DIGNIDADE HUMANA. E isto invita a formular a seguinte pregunta, porque hai outros axentes que parecen recrearse en axudar a catalizar as dinámicas desintegradoras, e que non vacilan en refugar, incluso argumentando con descaro sofístico e recursos mendaces, o valor da dignidade, algo así como se fora unha flatus vocis.

Está, pois, a dignidade da persoa humana en perigo de esvaecemento?. Eu diría que máis ben está inmersa nun ambiente no que se cultivan ensaiadas hipocrisías, posto que hai indignidades que non se consideran tales, aínda que estean lonxe de cumprir os canons universalmente esixibles. Pero si que hai algo preocupante nesta sociedade que nos tocou en sorte, porque o mesmo J. Mosteirín, nas pxs. 77-79 do seu libro “El triunfo de la compasión” afirma que atribuír dignidade a persoa humana ven a ser un prexuízo antropolóxico, pois, segundo parece, é mester rebaixar a condición da mesma para lexitimar a liberación animal (Peter Singer) ou estender a igualdade máis aló da humanidade, e para conceder dereitos aos animais, e incluso ás plantas. É dicir, conceder dereitos a imaxinarios suxeitos que non os poden defender.

Sen embargo, Jesús Conill, no seu libro, INTIMIDAD CORPORAL E PERSONA HUMANA, Tecnos, pax. 214, noutra liña, escrebe o seguinte, traducido ao galego: “segue sentíndose a necesidade de revitalizar o valor humanista e ilustrado da dignidade humana, cuxa defensa provén da Ilustración alemán desde o século XVIII. Pero hai outro problema na actualidade xerado polo des-, e post-, humanizador da neuro–tecnoloxía, ao que me referín noutros artigos.

Aínda que me parece excesiva concesión a algúns energúmenos nacionalistas, cabería pensar que están sendo vítimas da loita do sentimento nacionalista co correspondente á dignidade humana, pensando que as violencias e o atávico e insoportable vociferar con insultos que fortalece aquel en menoscaba deste último, sobre todo considerando que a maior dignidade deles está vinculada non ao que son QUA persoas, senón QUA nacionalistas. Por isto non reparan en destruír as creacións que o cidadán nos ofrece para comodidade, recreo e goce da beleza nos seus pobos, ignorando que fan caer un furioso desprezo sobre o produto das distintas dimensións que integran a persoa humana. E, por conseguinte, sobre eles mesmos, xa que os seus medios para acadar obxectivos redúcense a esas tétricas manifestacións como se de hordas se tratara. Élle, pois, moi apropiado á súa conciencia cínica o que escribe o filósofo alemán Peter Sloterdijk, no seu recente libro “Crítica de la Razón Cínica”, Ediciones Siruela, S.A, 2.019, Madrid. Traducido ao galego, di: “O cinismo é a falsa conciencia ilustrada. É a conciencia infeliz sobre a que a Ilustración traballou tanto con éxito como en vano”.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES