Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Obradoiro é unha feira

viernes, 01 de noviembre de 2019
O Obradoiro é unha festa continua.

Camiñas entre múltiples nacionalidades, linguas varias e etnias distintas, esquivando os corpos deitados que buscan ver a catedral desde o gran contrapicado.

Pés descalzos e con modelos diferentes de calzado que van desde a chancla á bota máis pesada.

As idades, tamén se abren nun inmenso abano que inclúen ao neno cargado de mil formas, a nena da man, os adolescentes inmortais que berran vida, a mocidade que busca outros ollos nos que deitarse… ata aqueles que levan apoios para acompañar os pés. Roupas e cores de todo tipo que falan da maneira de pisar a cidade e das orixes e lugares onde comezaron a camiñar para chegar a este destino.

Atravesar a gran praza equivale a ir camiñando en zig zag para evitar interromper os “posados” ou saír nos centenares de fotos que nos levan a fachada (ou a súa alma, como pensaban os antigos pobos).

A meta do camiño.
O adro da parroquia de Galicia.
A capital do noso mundo.

O taller, obradoiro, no que soan os golpes do picado que esperta o granito.
A praza maior de Occidente.

O ar que pechan o poder eclesiástico, civil, universitario e turístico (antes sanitario); catro edificios poñendo os marcos, cerrando o núcleo do núcleo do Fisterra. Ese centro fulcral do fin da terra que se envolve en si mesmo recolléndose na oración da anterga lingua dos reis, labregos e mariñeiros que aran o mar. Por iso, aí nesa praza xente nova che fai entrega dun prospecto no que se anuncian as viaxes a Fisterra.

Cada poder, cada edificación, simbolizando un ámbito, agás o pazo de Raxoi onde está o concello, a representación do Goberno da Xunta e o Consello da Cultura Galega, seguramente marcado por ese poderío que lle fai ser cultura e outra cousa, sen acabar de darse a entender entre a poboación.

En Raxoi, o concello tamén dubida, abanea nas posturas para ser e estar en relación cos demais terreos. Compostela Aberta, na etapa anterior, conseguira dar un paso para separar o campo civil do relixioso; custou moito, houbo críticas feroces pero semellaba asumido, só había que continualo, marcando lindes. Todos e todas entenderamos que fora algo que se puidera facer daquela e non antes, que tiveramos a sorte dunha corporación de determinado signo que o posibilitara… pero a inercia levou ao partido gobernante a dar un paso atrás facendo inútil o esforzo e desgaste que a xente das mareas democráticas levara a cabo. Pena!

Como é un pesar que o Obradoiro convertido en feira non sexa quen de enriquecer a cidade, que todo ese turismo peregrino non sexa quen de cubrir nin os gastos económicos, sociais e patrimoniais que fan sobre unha urbe que non pode asumir esa carga de xente. Pena que o que se conservou desde hai tantos séculos se deteriore nestes anos e a cidadanía sexa a única responsable de mantela. A quen lle interesa contar visitantes sen importar nada máis? Semella que non saímos aínda da canción franquista con todo o que significa “el turista un millón novecientos noventa y nueve mil novecientos noventa y nueve”.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES