Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os do brazo en alto

sábado, 02 de noviembre de 2019
Vai, para rematar esta xeira de retrovisor, unha reflexión que non son consciente de ter lido en ningures, malia que estou ben seguro de que ten habido xente que nela xa reparou.

Con motivo da retrospectiva á que fomos sometidos estas últimas semanas por mor do segundo enterro do "tirano con voz de pito" (repito a adxectivación porque lle fixo moita gracia a un vello amigo e seguidor destas columnas), foron abondosas as imaxes do No-do que apareceron nas televisións, cun Franco paticurto camiñando ó paso do pitiño choco, en calquera lugar da España "una, grande y libre", tan ben asistindo a un partido da "Copa do Generalísimo" no Bernabeu coma inaugurando unha colmea de casas baratas ou premendo o botón da turbina de calquera encoro, facendo boa aquela máxima de "queda inaugurado este pantano", e arroupado sempre por unha moitedume vestida con traxes de domingo, coma se acabaran de saíren da misa.

Ten que ser vostede -benquerido lector- ben novo para non ter apegadas con engrudo esas imaxes na súa memoria. Eran xentes de aquí e de acolá, labregos e comerciantes, funcionarios e feirantes, obreiros do metal, profesionais ou artesáns de calquera arte, que por deixárense levar ou por convencemento persoal acudían á chamada das autoridades en masa para desmostrarlle ó "pequeno picantón" que non estaba só nesa inxente obra que lle encomendara o "Señor" de transformar este país, o seu país, na salvación de occidente.

Xentes que ó unísono erguían o brazo en alto cando comezaba a sonar por algures o "cara al sol" ou o "viva España! Alzad los brazos, hijos del pueblo español..."

Xentes que, como acabo de escribir, na súa inmensa maioría erguíano por "voluntaria obrigación", mentres outros facíano por "voluntaria devoción", incluso denantes de que o ordenara o altavoz.

Pois ben, a miúdo pensamos que cando chegou o color á televisión a sociedade fixo un reseteo cromático-social e aqueles que erguían o brazo apuntando aínda máis alto có propio Franco pasaron a seren fantasmas que nunca estiveron entre nós.

Pero eses, "os do brazo en alto voluntario" xa tiñan fillos daquela ou tivéronos despois. E os seus fillos tiveron outros fillos a algúns dos cales teño visto estes días batendo palmas pola rede "pola segunda morte do dictador".

Non sei, pero se cadra moitos deles deberían mirar denantes se conservan fotos ou medallas de honor na casa que os obrigue a convocar primeiro un acto familiar de contriccion.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES