Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Oasis literario en Barcelona

jueves, 31 de octubre de 2019
Como cada ano polos mediados de outubro a convocatoria do Premio Planeta concentrou a atención de todo o país literario. O día de Santa Teresa, onomástica da esposa do fundador do grupo, José Manuel Lara Hernández, é a data escollida pola organización para a xuntanza de deliberación e comunicación pública do veredicto do certame, que este ano tivo lugar no magnífico Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC), no Parc de Montjuïc.

Teño dito en máis dunha ocasión que o Premio Planeta é moito máis que un premio. É un evento sociocultural de primeira magnitude, que transversaliza e fai presente por un día o mundo do libro e da lectura en miles de miles de fogares de toda a xeografía peninsular e hispanoamericana. As cifras que o definen son absolutamente mareantes: sesenta oito convocatorias (a primeira vez que se entregou foi en outubro de 1952 e o gañador naquela ocasión fora Juan José Mira coa novela En la noche no hay caminos); máis de 24.000 exemplares recibidos nestes case sesenta anos de certame (564 na presente edición); máis de 43.000.000 millóns de exemplares vendidos das obras gañadoras e finalistas; unha dotación de 601.000 euros para o vencedor e 150.250 para o segundo; e unha nómina histórica de premiados e finalistas que inclúe, amais de dous premios Nobel (Mario Vargas Llosa e Camilo José Cela), a Ana María Matute, Ignacio Aldecoa, Ramón J. Sender, José María Gironella, Jorge Semprún, Juan Marsé, Manuel Vázquez Montalbán, Juan Benet, Francisco Umbral, Terenci Moix, Juan Eslava Galán, Fernando Fernán-Gómez, Gonzalo Torrente Ballester, Soledad Puértolas, Antonio Gala, Fernando Sánchez Dragó, Antonio Múñoz Molina, Néstor Luján, Fernando Savater, Ángeles Caso, Fernando G. Delgado, Carmen Rigalt, Carmen Posadas, Maruja Torres, Rosa Regàs, Alfredo Bryce Echenique, Antonio Skármeta, Jaime Bayly, Álvaro Pombo, Juan José Millás, Fernando Savater ou Eduardo Mendoza.

A relación anterior abondaría para xustificar a necesidade e relevancia do Premio Planeta, que este 2019 se desenvolveu no marco de dúas circunstancias ben singulares pero de distinto signo: dunha banda, feliz e positiva polo feito de se celebraren os setenta anos de vida da editorial, que naceu xustamente en 1949 coa edición da novela Mientras la ciudad duerme, de Frank Yerbi, da que Planeta tirou este ano unha edición facsimilar en edición limitada que é unha auténtica regalía; doutra parte, complexa e intensa por ter lugar esta edición no medio dunha cidade que foi o epicentro dun enfrontamento social masivo, que ten as súas raíces no procés independentista catalán e a súa causa próxima nunha ben coñecida e transcendente sentenza xudicial. Este último feito fixo que o Premio Planeta 2019 se vivise nun clima de calma tensa e os que del participamos experimentamos a sensación de estar resgardados nunha sorte de oasis literario ou reino ideal da palabra no que a organización do certame se esforzou en manter a maior normalidade posible, o que non sempre foi posible, pois nada pode acontecer, de xeito absoluto, á marxe do clamor dun pobo enfrontado.

Eppur si muove e este ano levamos a agradable sorpresa de ver como Javier Cercas se facía co galardón coa súa novela Terra alta, unha trama policial na que Melchor Marín, un ex-delincuente convicto, actual mosso d’esquadra en Gandesa e heroe nos atentados yihadistas de Cambrils do 2007, ten que investigar un triplo e enigmático asasinato nunha masía catalá. Da súa parte, Manuel Vilas foi finalista con Alegría, o relato dun home de mediana idade, abouxado polos seus demos interiores (a depresión, o pasar do tempo, a morte dos seres queridos), que terá que sobrevivir á travesía do seu propio deserto emocional ata atopar o equilibro vital na asunción gozosa da alegría do milagre de vida.

As dúas novelas serán presentadas no Instituto Cervantes en Madrid o vindeiro seis de novembro e, a partir dese momento, xirarán cos seus autores por todo o territorio peninsular e insular, o que sen dúbida facilitará o contacto do lectorado cos seus autores e a posibilidade de levar asinados un deses 300.000 e/ou 90.000 exemplares que da novela gañadora e finalista, respectivamente, se han tirar nunha primeira edición.

A palabra, o entendemento a través das palabras, a comprensión da complexa condición humana e dos seus pensamentos, sentimentos e íntimas conviccións a través do espello literario son a mellor ponte para transitar ata os eidos do diálogo. O Premio Planeta, pacífico vivir da verba e da beleza e positividade da linguaxe, pode ser tamén un camiño para andar e aprender a superarnos.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES