Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Homenaxes a Pepe Velo

lunes, 28 de octubre de 2019
O profesor Américo Rodríguez é o autor dunha colaboración publicada no Boletim Cultural de Melgaço titulado “Refugiados e guerrilheiros antifranquistas em Castro Laboreiro (1936-1943)”, na que debulla migalleiramente as vicisitudes de moitos galegos que fuxiron do terror do fascismo no ano 1936. O Ribeiro, Alagoa, Portos, Eiras ou na Seara, branda do Bico, foron algunhas das aldeas e lugares de Castro Laboreiro escollidos para residiren temporalmente mentres non procuraban unha saida cara o exilio.

Por Crecente, nunha batela, pasou a Melgaço tamén Pepe Velo, despois de estar choído durante moitos meses nun agocho en Moreiras, Celanova. As vicisitudes que tivo que pasar ata chegar ao Peço, onde atopou o amparo dun amigo no hotel Vila de Ranhada, son recreadas por Antón Piñeiro nun relato de próxima publicación co título “As augas do mañᔠno que conta esas peripecias ata chegar a Lisboa.

Na capital portuguesa foi detido pola PIDE, e safouse de ser entregue ás autoridades franquistas grazas á intervención do novelista venezolano Rómulo Gallegos, amigo seu, que por aquel entón era presidente do pais. Por esa mediación o Consulado venezolano en Lisboa expedíulle un Pasaporte de Emerxencia (núm. 67/48) “de acordo coas instrucións recibidas do Ministerio de Relacións Exteriores de Venezuela”. Así foi como Pepe Velo puido chegar ao porto da Guayra semanas despois, onde vivíu deica xaneiro de 1961.

Na capital venezolana Pepe Velo dedicouse ao ensino e desempeñou cargos relevantes na colectividade galega, ao tempo que desenvoveu unha frenética actividade política que coroou coa creación do DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación”), que o 21 de xaneiro de 1961 protagonizou a gran xesta heróica do secuestro do buque “Santa María” da “Compañía Colonial de Navegación” portugues. El foi o que deseñou a estratexia e dirixíu o secuestro, como recoñece a prensa internacional daqueles días.

Cómpre dicir que Pepe Velo fora militante das Mocidades Galeguistas en Celanova.Pero a súa radicalización política levouno a colaborar con instancias próximas ao Partido Comunista, concretamente na coordinación da guerrilla no sur de Galicia. Por mor deste compromiso foi deito, torturado e confinado no cácere de A Coruña. Aproveitando unha liberdade condicional, foxe e refúxiase, como dixemos, en Moreiras.

Pepe Velo era un coñecido da miña casa familiar. Nas sobremesas falábase del. Meu pai construíulle o mobiliario para a academia que tivo, primeiro no barrio das Travesas e logo na rúa Carral, de Vigo.Pero amais diso, entregáballe periodicamente a súa avinza para a loita clandestina.

Pasados os anos, cando me iniciei na militancia nacionalista, o exemplo de Pepe Velo tíveno sempre presente. Preguntáballes aos vellos galeguistas e comunistas sobre el, e non atopei máis ca visceralidade nas súas respostas. Para eles Pepe Velo era un tolo e un terrorista. En desacordo con tales despropósitos escribínlle ao seu curmán e amigo meu, Carlos Velo, o noso gran cineasta que vivía no exilio mexicano, que me facilitase información sobre el. A resposta foi inmediata (16 de decembro de 1985): “Amigo Pepe:Eí che mando algúns papeis do gran Pepe Velo e o teléfono do seu fillo, Victor Velo, que vive en Sao Paulo.Chámao da miña parte”. Dito e feito.Ao pouco Víctor envioume unha morea de documentos inéditos do seu pai. Con eles publicamos un suplemento de catro páxinas no Faro de Vigo, reconstruíndo o vizoso perfil dun revolucionario galego que foi capaz de poñer en solfa ás ditaduras española e portuguesa durante os días que durou o secuestro do Santa María.

Pepe Velo porfíaba no ideal dunha Iberia unida. A súa vida dedicáraa a soñar maneiras novidosas e decisivas para a consecución dos seus obxectivos, que non puido ver realizados porque morreu no exilio en 1972 aos 54 anos.

Agora chegoulle o tempo dos recoñecementos. Xa hai dous anos colocamos unha placa conmemorativa na fachada do edificio onde vivira en Vigo. O día 6 de decembro, en Melgaço, descubrirase un monolito dedicado a súa memoria. En xaneiro, no parque das trigueirizas de Celanova, colocaremos o seu busto en bronce. Dúas homenaxes promovidas pola Fundación L.Peña Novo e a Asociación de Amigos do Couto Mixto coas colaboraciónsdos concellos de Celanova e Melgaço , e tamén da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador)
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania