Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As cores do outono

viernes, 25 de octubre de 2019
Tódolos libros de arte da Biblioteca Pública de Ramón Ferreiro serían incapaces de mostrar o esplendor cromático do liquidámbar, a árbore ornamental que está na entrada.

Tódalas viaxes a paraísos exóticos, que venden moi caros envoltos en plexiglás para que non se manchen coa miseria veciña, son unha pálida imitación do paraíso natural das carballeiras que esvaran polas ladeiras a carón do río. E poucos agasallos hai tan fermosos e gratuítos como tender a vista desde O Picato, baixando cara a Guntín, e ver as cores primeiras das árbores e das casas flotando no mar de néboa no abrente do día.
Os estorniños, de volta á casa que foi súa durante tanto tempo, amoréanse para a longa viaxe. Nos ceos da cidade fan pasos de ballet. E polas noites os tilos semellan paraugas negros que non protexen dos chíos e cagadas.

O outono lugués regala a súa colleita farturenta de cores, ceos, soles e néboas froito dunha natureza onde o feísmo urbanístico aínda non acabou por estragar as paisaxes. E iso que hai algúns donos das terras tan namorados da grisalla do cemento e do laranxa sucio dos ladrillos, que pensan que son tamén donos das paisaxes. Pero a paisaxe é un patrimonio natural que convén preservar e defender políticamente con unllas e dentes, porque é unha riqueza de todos. Nin sequera pertence aos que contemplamos as cores do outono. Outros virán detrás reclamando a esa herdanza.

A espléndida natureza do outono lugués xamais pisou un aula de arquitectura, nin asistiu a unha clase de pintura nunha escola de belas artes, nin decidiu políticas en ningunha concellería nin consellería de urbanismo, e por iso xamais se lle ocurrirá pintar as paisaxes coa brocha gorda do feísmo.

O paseante sente baixo os pés o crepitar do lume apagado das follas. Unha mestura de frío e labazadas de edificios feos como o demo, leva a que camiñe mirando sen mirar a punta dos pés. Mentres se pregunta como podemos ser tan inconscientes para malgastar tanta beleza, tanta riqueza gratuíta. Ás veces descobre pequenos milagres, como a escultura efémera dunha tea de araña tecida con cristais de orballo. Os castiñeiros, tan preguiceiros na primavera, son agora os últimos en espirse, mentres os carballos recuperan a escultura dos toros centenarios.

Unha chuvia de follas amarelas, ocres, marróns, verdes, encarnadas pinta con delicadeza o lenzo do chan. O outono, disfrazado do impresionista Monet, plasma as tonalidades e as vibracións da luz sobre a natureza máis cercana tinguíndoa dunha serena vitalidade. As árbores regalan toda a súa plenitude antes de adurmiñarse entre as cores esvaídas e friorentas do inverno. E os ritmos da natureza acompásanse ao adagio dos meses de descanso.

A luz do outono lugués é dourada. E vaise apagando mentres o reloxo da tarde baixa sobre o pai Miño o telón da néboa.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES