Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Chairego de Honra

lunes, 28 de octubre de 2019
Bos días a todas e todos.

En primeiro lugar quero darvos as grazas por ter a ben acompañarme neste día e, por suposto, á Irmandade Manuel María e a Xermolos por agasallarme desta maneira.

Cheguei a vós á procura dos meus propios referentes. Foi no ano 2010 cando participei por primeira vez no cabodano do Manuel. Daquela, coñecía a Mero, con quen levaba uns anos de amizade. Aquel día, coñecín á tribo pero non sabía que acababa de chegar a un corazón colectivo que latexa ao ritmo da memoria e da liberdade. Pouco a pouco, funme familiarizando con vós ata facernos grandes amigos deses que son imprescindibles no camiño vital.

A partir de aquí, empezaron a pasar cousas moi bonitas. Quizais unha que foi fundamental para min foi a apertura dunha fiestra chamada Galicia Dixital que me permitiu expresar todo o que precisaba e preciso; polo tanto, téñolle que agradecer a Xulio Xiz esta gran oportunidade.

A Chaira é a terra de Manuel María, da Irmandade e de Xermolos; pero, tamén, hai que dicir que a labor que Xermolos desenvolveu e desenvolve na Chaira fai dela un paraíso con identidade específica ao que moitos precisamos vir para coller forzas e recuperarnos dos vaivéns da vida. A Chaira é, pois, para min esa matria poética que me permite coller azos cara ao mañá.

Por isto, ao recoller este agasallo, quero lembrar a todas e todos os que me precederon nesta honra en especial ao Fiz Vergara Vilariño, por quen teño predilección.

Quero dicir, tamén, que ao recibir este título fagoo tamén en nome da miña familia porque por ela son o que son. Por ela saín da casa e namoreime da vida e ela vai comigo como un apoio fundamental que me leva ao porvir.

Todos os que aquí falastes e as persoas que me acompañades sodes os meus referentes. En vós e só en vós isto cobra sentido: no teu activismo Alfonso, na voz rexa emocionada de David, na musicalidade fraterna de Mero, na cordialidade perenne de Xulio Xiz, no riso pedagóxico de Xulio Cuba, no impulso constante de Manolo e na man sempre firme, leda e agarimosa do meu irmán Ricardo. Todos os que aquí estades e outros por diversos motivos non poden estar tedes o meu agradecemento pero sobre todo o meu amor incondicional.

Finalmente, para darvos as grazas, quero lembrar algo que o amigo Raúl Río dixo na Santa Isabel ao recibir a navalla do Manuel: agora tócame a min demostrar que non vos equivocastes; pois ben, hoxe comparto a mesma obriga e agardo estar á altura. Saúde e Irmandade.

(Palabras de Iago Santalla na casa da Cultura, en Vilalba, o 26 de outubro de 2019, ao recibir o título de CHAIREGO DE HONRA, otorgado pola Asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María da Terra Chá).
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES