Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Renda Básica Universal

miércoles, 23 de octubre de 2019
Estiven esta semana a investigar sobre a Renda Básica Universal (RBU) con motivo dun acto que houbo na facultade de Ciencias da Educación da Coruña ao que non puiden asistir. No acto participaba, entre outros, Daniel Raventós. Buscando por Youtube puiden ver unha charla del argumentando as necesidades dunha renda básica. Esta busca levoume a escoitar outra de Eduardo Levy Yeyaty que acerta a vincular a necesidade dunha RBU á destrución do emprego por mor do progreso tecnolóxico.

A filosofía é clara: se a máquina produce a menor custo, eliminando a man de obra, debe de ser gravada. Trátase de que o progreso sexa equitativo e non excluínte. Neste sentido, Levy, fainos a pregunta clave: “De que serve o progreso tecnolóxico se o progreso crea abundancia que se concentra nunhas poucas mans ás que lles sobra todo?”

A partir de aquí púxenme a cavilar en que sempre me pareceu un gran erro (ou unha gran falacia?) considerar a existencia da igualdade de oportunidades no punto de partida, xa que, as persoas nacemos marcadas pola familia e polo entorno que nos é propio. O entorno e a familia dotarannos dun abano de posibilidades máis amplo ou máis estreito, definindo o noso propio futuro. Un ingreso mínimo vital pode dotar á persoa dunha capacidade de toma de decisións que lle permita desenvolverse libremente. Isto pode ser un xeito de materializar e facer realidade a igualdade de oportunidades…

Hai discusión entre se esta renda básica debe de ser universal ou compensatoria. Hai argumentos que defenden que, como dereito, debe ser universal. Iso si, segundo Daniel Reventós, as persoas ás que a vida situou en mellor posición deben contribuír por riba da RBU.

Pola súa parte Levy, afirma que a RBU é a evolución lóxica do sistema de pensións, xa que nos permite vivir con dignidade e aproveitar o tempo de maneira creativa. Podemos investir o noso tempo en voluntariados sociais compartindo, como di Levy, a abundancia.

A miña pregunta é: como sociedade, seremos capaces de compartir a abundancia?
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES