Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Europa debe ser Europa

lunes, 21 de octubre de 2019
Trinta anos despois da caída do Muro de Berlín, Europa encara unha inocultable crise de identidade. O Brexit, as tensións migratorias ou a fragmentación de intereses no seu seo retratan a complexa conxuntura do vello continente. Máis que nunca, hoxe é apreciable Europa debe ser Europaque aquel valado que simbolizou a fronteira da Guerra Fría non soamente caeu para un lado senón para os dous lados, como dixera Eduardo Lourenço, esmagando non soamente un dos dous modelos vixentes na Europa de entón senón orixinando profundas consecuencias para todos, ben sexa de maneira abrupta ou secuenciada.

Fronte á exultación inicial derivada do progresivo alargamento do proxecto comunitario, cunha Unión Europea que acabou pasando dos 11 socios de 1989 aos 28 actuais, Europa ten hoxe serias dificultades tanto para transcender a perda de velocidade do proceso de integración en áreas esenciais como para se afirmar como tal no concerto global. Sexa como for, o seu futuro como actor autónomo segue a depender da capacidade para profundar e consolidar -non abandonar- o seu singular modelo económico, social, político e cultural.

Mirando cara dentro

A lexitimidade da idea orgánica de Europa argallouse no contexto do mundo bipolar. Pasou a simbolizar entón un espazo de liberdade, de progreso, de democracia, con especiais implicacións na orde social e económica. A competencia co chamado socialismo ir-real da época permitiu arbitrar respostas que confluíron na formación dun modelo de estado de benestar que nas últimas décadas ven padecendo unha erosión significativa que debilita a propia Europa e aquel respecto cidadá que asumira como parámetro característico. A igualdade, a cohesión, o equilibrio, conceptos que fixeran emerxer o continente como unha alternativa capaz de pular unha nova síntese de xustiza e liberdade, foron afrouxando para dar paso a tensións diversas que nos trazan outra cartografía continental.

Cómpre por iso recuperar os ideais da Europa humanista, fuxindo das homologacións que impón un mercado case omnipotente que ameaza con se converter en caixa de resonancia da perda dos nosos maiores logros, capaz de subverter o pensamento e a sensibilidade que reflectiron aquelas convencións aceptadas –e hoxe erosionadas- que fixeron do proxecto comunitario un sinónimo de esperanza. Non deberamos permitir que Europa, co acervo das súas lendarias eras e valores, coa súa historia de longas marchas como dixera G. Steiner, derive nunha caricatura de si mesma.

Esa Europa debe dotarse dunha auténtica constitución, un parlamento con facultades para lexislar por enriba dos gobernos de cada estado, un Presidente elixido por sufraxio dos cidadáns e un goberno responsable ante o Parlamento. En suma, máis Europa por todas partes e en todos os ámbitos.

Mirando cara fóra

Na inflexión dos tempos que vivimos, a afirmación dunha voz xenuinamente europea é un imperativo esencial. Na implicación activa no multilateralismo e na definición desa multipolaridade que deben definir a orde mundial do século XXI, Europa ten unha oportunidade de converxer cunha visión propia e cun ideario tecido con esa creatividade que non deixa marxe para a amnesia, co afán da busca pragmática da utopía. Isto require da implementación dunha visión autónoma a propósito dalgúns actores internacionais.

A relevancia da relación atlántica está fóra de dúbida pero tamén encara un divorcio ascendente de aspiracións e intereses, quizais mañá mais permanente e conflitivo do que se albisca hoxe. Despois do fin da Unión Soviética, os Estados Unidos deberían ter adoptado unha posición menos asertiva. A destrución da URSS foi unha implosión, non se disparou un só tiro, pero o comportamento de Occidente foi o propio dun vencedor rancoroso. Acelerar a adhesión á OTAN dos países do outro lado do muro con toda rapidez, abxurando de compromisos contraídos, foi un erro estratéxico que impediu construír a casa común, a fermosa ilusión gorbachoviana que aínda hoxe pugna por abrirse camiño.

Daquela, o símbolo era a inexistencia de calquera límite á soberanía de cada quen para elixir libremente o seu futuro. Ninguén podía imaxinar que despois de tanto enfrontamento durante a guerra fría, despois de que os Estados Unidos pasaran a considerar aliados preferentes ás derrotadas Alemaña e Xapón durante a guerra, o trato dispensado a Moscova habería de ser o que foi. Aínda hoxe, os intentos sen concesións de sacar a Rusia do mercado enerxético europeo para que Washington poida capitalizalo, evidencian a cobiza e a infertilidade dos desencontros.

Outro tanto podiamos dicir das implicacións da emerxencia do xigante chinés no devalar europeo e de proxectos como a Iniciativa da Franxa e a Ruta. A vulnerabilidade de Europa constrúese entre a submisión ás presións de Washington e os envites procedentes de Oriente. É entón cando Europa debe apostar por reforzar a súa integración e sinalar os marcos dunha relación cos novos poderes globais. Ser europeo é tamén saber negociar unha relación que pode ser igualmente axiomática sen por iso abdicar dos seus ideais.

¿Dispón Europa de soberanía? Non é do interese de Europa reeditar a guerra fría para preservar unha orde global agora dominada polos Estados Unidos. Pola contra, cómprelle sumarse á xestión das novas e inevitables dependencias con actores relevantes en eidos clave como a enerxía (Rusia) ou as novas tecnoloxías (China) para recuperar terreo e preservar a súa influencia na definición das regras básicas da nova orde planetaria, indagando nos sistemas extraterritoriais a Europa e nas conxecturas e enigmas que definen as novas tendencias universais.

Desde Galicia

Na España do século XX, un movemento, o galeguismo, figura por dereito propio entre os máis activos no eido do europeísmo. E érano cando poucos o eran. O galeguismo dos anos vinte e trinta do pasado século e mesmo o reagrupado despois da guerra civil foron profundamente europeístas, cada un cos seus matices. A idea central en relación a Galicia partía de residenciar en Europa tanto as esperanzas de democratización como de reforzo da identidade propia. Na posguerra, moi influenciados polo pensamento federalista de Denis de Rougemont, avogaban por unha Europa federal como solución idónea para Galicia pois permitiríalle desenvolver a súa personalidade diferenciada aproveitando o proceso de reorganización política do mundo sobre a base dos grandes agrupamentos supraestatais que estaban xa en curso e antollábanse irreversibles.

A Xeración Nós, de quen en 2020 celebraremos o seu centenario, ou o Grupo de Bastabales e os seus Parladoiros serviron entón como selectos foros para reflexionar e debater sobre a realidade galega e o universo europeo asumindo ambas as dúas como un panorama sen descontinuidade.

O convencemento era dobre: primeiro, a superación das terribles guerras só sería posible instrumentando a creación dunha casa común para as nacións europeas e, segundo, para superar o concepto de Estado-nación era indispensable recoñecer os dereitos dos territorios con personalidade propia dentro dos estados existentes.

A non decadencia de Europa

Na actual conxuntura xeopolítica, condicionada polo aflorar das tensións comerciais e estratéxicas, a conciencia europea, sen esaxeración mesiánica algunha, debe comprometerse cun diálogo pragmático para preservar o seu legado e desenlear o enredo vital que vaticinan os novos tempos. Dúas guerras mundiais recentes, que foron en realidade guerras civís europeas, marcan os tráxicos efectos do coqueteo coa loucura.

A dinámica primordial da visión europea debe prover dos argumentos efectivos para evitar que a idea de Europa se estrague, sucumbindo ante unha uniformización sistémica que teima en sacrificar un modelo propio de gobernanza.

Hoxe Europa segue a ser un espazo xeopolítico, económico e socio cultural onde Galicia, con independencia das formulacións institucionais do europeísmo e das limitacións derivadas dos convulsos vaivéns da política estatal, pode medrar en visibilidade e consistencia para enxergar o desenvolvemento da propia personalidade en todos os ámbitos.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES