Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 18 de octubre de 2019
Saír o conto furado

Pingas de OrballoOs días festivos moita xente non adoita traballar. O día da Nosa Señora do Pilar foi festivo. Porque seica foi o Día da Hispanidade. É dicir, algo así coma unha homenaxe a aqueles españois que, na conquista de América, fixeron as do demo e a mona, unha esganifa. Non obstante, eu tiraba máis polo camiño de asueto nun día festivo. A Malaquías Menseiro Hebra saíulle o conto furado. Porque ese día festivo, el e máis a súa dona Dalia Xusta Latenda marcharon para a aldea a traballar abondo. Dedicaron a mañá a transportar nun tractor postes de formigón, de considerable tamaño (máis alá dos dous metros), desde a leira na que os tiñan ata a casa, a uns cincocentos metros (centímetro arriba, centímetro abaixo). Tan só podían cargar 22 porque o remolque do tractor está medio agonizando e as rodas podían, con moito peso, estourar e dicir ata aquí chegamos. Malaquías e Dalia realizaron tres viaxes. Podían aínda facer unha cuarta pero a canseira xa se notaba nas súas faces e, faltaría máis, no seu lombo. Así é que, a iso das doce e algo, optaron por non ir buscar máis. Malaquías preparouse para a ducha, mais a súa dona (onde falte unha muller...) comentou de ir pola tarde buscar unha pouca leña. Nun día festivo! Pero, quen nos guía nesta vida? Non quedou outra que deixarse guiar por Dalia Xusta. A Malaquías Menseiro Hebra non lle quedou outra que pillar a motoserra e bailar coa Nosa Señora do Pilar entre catro piñeiros ata as catro da tarde.

Que quede constancia

Xa estou preparado para que unha pinga de auga estoure sobre a conciencia dunha idea. Dunha idea miña. Non me importan moito as ideas dos demais. As ideas dos demais adoitan ser moi contrarias ós meus pensamentos. E eu son unha persoa que penso moito e que sempre penso ó dereito. Aínda que ás veces colla por dous camiños diferentes. Por exemplo, podo pensar nun tema musical de Víctor Manuel e estar escoitando a banda sonora de “Rambo”, ou podo camiñar pola beirarrúa esquerda dunha rúa calquera e non perder de vista a beirarrúa dereita. Pero xeralmente son un home que sempre penso ben para poder completar ou desenvolver algunhas boas ideas que sementarei sobre un papel en branco. É que quero que quede constancia de que son aquel que me fixo nos actos bondadosos dos pobres de espírito que non saben que camiño coller. Intento axudalos poñéndolle atrancos ó espírito maligno. Souben sempre que hai moito espírito maligno solto. Por iso desexo que rebente a pinga de auga e que molle ou incluso que afogue a eses que non teñen conciencia. Eu, tan só eu, son quen de pintar flores de toxo sobre a pel dunha raíña e de asubiar un rap sobre o seu sorriso. Que ninguén me tome a mal a miña egolatría, pero son o que sempre está aquí para reconducir os esperpénticos actos daqueles que non teñen nin conciencia, nin ideas, nin pensamentos. Xeralmente, todos estades cegos.

Chove sobre...

Chove sobre a praza Alcatruz de Maceda. Tamén chove sobre algunhas ideas do noso presidente Núñez Feijóo. O outro día lanzou unha frase que, sendo curta, fíxome rir (ou causoume pena) por dúas veces. Máis ou menos coma dicir que meter dous esperpentos en tan só 13 palabras. “Se un político a fai, págaa; non ten máis dereitos que outro cidadán”. E quedou tan pancho. Primeiro esperpento: que se a fai, págaa. De risa. Precisamente os do seu partido fixeron tantas trapalladas que, mira ti, non pagaron por ningunha. Segundo esperpento: non ten máis dereitos que outro cidadán. Esta xa é de gargallada.
Chove sobre o canastriño que adorna a praza Alcatruz de Maceda. Multan a uns Pingas de Orballomulticines de Zafra (Badaxoz) porque lle impiden ós espectadores acceder ás salas con comida e bebida de fóra. Deberían multar ós dous: ós espectadores por levar comida a un lugar ó que vas ver unha película (comer cómese nas casas e nos restaurantes) e tamén ós propios cines por deixar entrar comidas e bebidas de dentro e de fóra.
Chove sobre o Premio Planeta de literatura. Como para crer agora nos premios pola súa calidade. Daríanlle o premio a Javier Cercas e o posto de finalista a Manuel Vilas pola calidade das obras ou por querer roubarllos á competencia, isto é a Penguin Random House? Se antes se desconfiaba dos premios, agora... Agora segue a chover nesta mañá gris e escura.

Malditos cogomelos!

Fun ós cogomelos. Medio chovendo. Collín pouca cousa. Iso si, dos xeonllos para abaixo, todo mollado. Así é que logo cansei. Axiña me aburro. Pásame coma cando, de rapaz, fun unha vez á pesca (entendendo por pesca cunha simple vara de amieiro, torcida, facendo de caña) que, ó picar os peixes, unha marabilla!, pero ó non facelo, que aburrimento! Nos cogomelos axiña pensei tamén no tempo que estaba perdendo de lectura por culpa duns boletos que ó mellor non valen para nada. Xa que a miña dona é algo especial para eles... que se teñen algún bichiño de nada, que se están enchoupados, que se parecen tal, que se semellan cal, etcétera. Mentres andaba a eles tamén pensaba nos pobos oprimidos. Sempre defenderei ós oprimidos, ós asoballados! Andei polas poulas cheas de carballos, e de toxos, e de xestas, e de matogueiras. Agora mesmo, nos baixos do pantalón, noto como ás veces os toxos que quedaron enganchados me rabuñan a pel das pernas. Estoume cansando de ir ós cogomelos! E menos mal que hoxe botei pouco tempo. Porque sufría a causa dun libro que tiña no asento do copiloto do coche. Eu sabía que estaba a esperar por min! Botábao de menos! E iso que estou a ler máis ca nunca; practicamente máis de seis horas diarias. Pero pásoo tan ben! Malditos cogomelos! Marchei correndiño para o coche e alí estaba: o meu soño, o meu consolo, o meu desexo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES