Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Declaración Institucional con motivo dos disturbios ocorridos en Cataluña

jueves, 17 de octubre de 2019
Ademais de proporcionar un longo período de convivencia, desenvolvemento e respecto ás liberdades individuais e colectivas, a democracia nacida coa Constitución ten demostrado a súa fortaleza contra as ameazas que tentan destruíla.

Tanto a resolución das institucións como a unidade do pobo español, lograron a derrota de cada intento de perverter a convivencia.

Nalgún caso, como o terrorismo, as consecuencias foron moi duras. Pero superamos os desafíos na legalidade, coa legalidade e con toda a legalidade.

España ven de superar unha nova proba. A sentenza do Tribunal Supremo contra aqueles que quixeron abolir a Constitución e o Estatuto de Autonomía de Cataluña culmina unha resposta medida do Estado democrático.

Celebrouse un xuízo con plenas garantías.

E, segundo a Xustiza, quedaron evidenciados delitos que están contemplados e castigados en todos os ordenamentos xurídicos do mundo.

A reacción da Generalitat no só intenta deslexitimar a resolución da máis alta instancia xudicial, senón que instiga mobilizacións que desembocan nunha violencia inusitada.

En lugar de defender a liberdade dos cidadáns de Cataluña, foméntase a fractura social desde as institucións, e aléntanse ataques contra o sistema democrático.

Grupos extremistas gozan da aberta e declarada simpatía daqueles que teñen a obriga legal de defender o ordenamento democrático e autonómico.

Non se pode pretender ser presidente autonómico pola maña e activista pola tarde. Porque con esa actitude, ademais do día a día de moitos cataláns, estase a danar gravemente a imaxe de Cataluña e a do resto de España, Galicia por suposto incluída.

A Xunta de Galicia forma parte do Estado democrático e da España das autonomías que está sendo agredido en Cataluña.

Os galegos compartimos dereitos e liberdades cos cidadáns cataláns, e tamén un sentimento de irmandade con eles porque moitos son galegos aos que o destino os levou alí.

Por iso non é admisible gardar silencio nestes momentos de inquedanza. Tampouco tratar de moverse na ambigüedad e, moito menos, a condescendencia cos violentos e aqueles que perturban a convivencia.

Aqueles que fixeron da insubmisión a súa única política deben saber que o Goberno de Galicia e a maioría de Galicia rexeita esas actitudes, e está coa Constitución e o Estado de Dereito, e coa convivencia en paz.

Galicia é unha comunidade estable e centrada que non debe importar o exemplo que estamos a ver por parte dunha minoría en Cataluña.

Temos un modelo propio do que nos sentimos hondamente orgullosos, sen necesidade de fixarnos en ningún modelo alleo.

É frecuente que cando a normalidade se ve alterada pola causa que sexa moitas veces son nenos os que representan con maior crueza as desgrazas.

Ten pasado en crises migratorias. Ten pasado en conflitos armados. Ten pasado en eventos climatolóxicos adversos.

Agardamos que a imaxe dun neno escapando das lapas nos brazos de seu pai nos inspire a todos para dicir que xa está ben, que xa abonda.

O ocorrido na noite do luns non debera terse repetido o martes. O ocorrido na noite do martes non debera terse repetido onte.

O ocorrido onte non debe repetirse hoxe.

A Xunta de Galicia defende unha reacción proporcional ao desafío. Unha democracia consolidada asentase tanto no diálogo como na firmeza.

Diálogo cos que queren avanzar e acordar polo interese xeral da Nación, de toda a Nación.

E firmeza cos que pretenden arrastrar a todo un país a unha situación crítica por interese cativos e minoritarios.

Ningunha medida prevista na legalidade democrática pode ser descartada cando está en xogo a convivencia democrática.

Igualmente non parece compatible pedir que se condene a violencia aos independentistas ao mesmo tempo que se goberna con eles, como se a censura a estas actitudes fose unha condición que se pode alcanzar a posteriori, e non previa a calquera tipo de acordo.

Precisamente a única esperanza dos independentistas é a inconsistencia ou a contradición no conxunto do ámbito político, legal ou xudicial.

Cando a violencia ameaza a convivencia dun pobo pacifico como o catalán, como todo o pobo español, a condescendencia e a inacción non poden manexarse como opción.

A ameaza aféctanos a todos, e todos debemos responder con determinación e sen fisuras. Por suposto, o Goberno da Nación en primeiro lugar.

A democracia española será así máis forte porque se basea nunha patria común que debemos defender entre todos. Galicia faino e farao.
Xunta de Galicia
Xunta de Galicia


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES