Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Asolagados de pantallas

viernes, 18 de octubre de 2019
Unha escola escasa. Unha televisión excesiva que impide que tebeos, contos e libros estimulen con forza a fantasía. Asolagados de pantallas.

Imaxes, música e palabras son o caldo televisivo que enche o bandullo do cerebro sen alimentarnos. Daquela xa non temos que ler as imaxes, nin mastigar as palabras, nin pintar as músicas. A mensaxe é unha masaxe fría que non excita nin provoca ás neuronas. “O medio é a mensaxe” recorda teimoso McLuhan.

Ningunha cámara de televisión pode substituír á cámara do cerebro. Nin pode ver tanto, nin imaxinar tanto, nin esbardallar tanto, nin viaxar tan lonxe como o que nos entra polos ollos desde a chaira infinita dos libros. A televisión éche un medio frío, afastado, predixerido. A lectura é un medio quente, excitante, provocador que alimenta o forno interior onde cocen as paixóns, onde incuba a intelixencia.

A televisión produce fartura mentres que os libros xamais deixan satisfeita a curiosidade onde o cerebro crea as propias imaxes, infinitamente máis fermosas, inquedantes e sofisticadas que as da realidade.

Na televisión hai sempre moito ruído, (por que berran tanto nas pantallas?) pero os libros habitan territorios de silencio. E mentres as mensaxes-masaxe da televisión masturban os nosos sentidos, as palabras, enfiándose en frases, crávanse ben fondas no cerebro, nun incesante proceso de estimulación e creatividade.

Non se trata agora de criticar a televisión e loubar os libros. Ámbolos dous son ámbitos necesarios pero ben distintos. O certo é que as pantallas omnipresentes, excesivas, gritonas e coloreadas estanse a comportar como Saturnos devorando o tempo dos rapaces.

Demasiadas horas fronte ás pantallas, diante do televisor. Demasiada pereza física, nai de tódalas obesidades, onde os adolescentes fan vida de vellos. Pero sobre todo, demasiada pereza intelectual co cacao mental previsible de mesturar co cullerón do mando a distancia o guiso de imaxes e mensaxes tan diferentes e caóticos.

Pantallas ou libros? Mellor: pantallas e libros. Porque ler éche unha portentosa conquista intelectual/individual que nos ensina a estar connosco e co libro na compaña fecunda do silencio, nese encontro de dúas soidades, a do escritor e a do lector. E cando moitos xuntos, no espazo das bibliotecas públicas se xuntan para ler libros o ambiente ennoblece, dignifica, enriquece.

E cada vez que abrimos un libro, un xigante xeneroso, bo e amable esperta para nos facer invencibles. E onde tódalas fórmulas do Ábrete Sésamo permiten acceder a tesouros inconmensurables. E onde, sentados en soidade, podemos conversar Ken Haruf, Darío Xohán Cabana, Tolkien, Emilio Lledó, Saramago ou María Reimóndez. Ou con ese multimillonario neno mago, de cuio nome non quero acordar.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES