Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un madrigal para Manuel Álvarez Torneiro

miércoles, 16 de octubre de 2019
Esta semana o gume implacable das tesouras de Aisa cortou o fío de Manuel Álvarez Torneiro. Con el marcha á outra beira unha das voces máis singulares e brillantes da poesía galega das últimas décadas, unha voz irrepetible que ten xa no ceo da Poesía a súa estrela fulgurante.

Nacera na cidade herculina por volta de 1932, mais as súas orixes familiares estaban nas terras luguesas, un paradiso da infancia que tiña o seu templo en Pousada de Arriba, preto de Sobrado dos Monxes, un universo agrario e cereal que evocou con intensidade en fermosos versos.

Profesionalmente desempeñou o oficio de xornalista e viviu intensamente os ambientes literarios da triste e escura Posguerra. Foi así como, mediados os cincuenta, constituíu con Miguel González Garcés e outros amigos coruñeses o grupo poético Amanecer e comezou a dar mostras do seu talento en revistas daquela altura. Nestes e en anos posteriores tratou amigablemente outros grandes entón radicados na cidade do norte, como o poeta Antón Avilés de Taramancos ou o pintor Urbano Lugrís, e, andando o tempo, o seu inseparable compañeiro Xosé Fernández Ferreiro.

A esixencia coa propia escrita levouno a demorar moito o momento de aparición do seu primeiro poemario, Memoria dun silencio, que non veu a luz ata 1982, cando xa cumprira os cincuenta anos. Dende aquela ata a publicación de Onde nunca é mañá (2014) deu ao prelo case unha vintena de libros, todos eles substantivos, referenciais, imprescindibles na poesía do noso tempo.

Obras como Fértil corpo de soño (1986), Rigorosamente humano (1995), Luz de facer memoria (1999), Campo segado (2001), Epicentro (2003), A lámpada perpetua (2003), Setembro Stradivarius (2004) ou Parábola do incrédulo (2006) son fitos dun camiñar poético ascendente, vibrante, total, que se veu recoñecido con premios tan prestixiosos como o Esquío, o González Garcés ou o Premio da Crítica Española, aos que puxo o ramo a concesión do Premio Nacional de Poesía pola publicación de Os ángulos da brasa (2012), sendo o primeiro poeta galego en obter tal distinción.

Mestre indiscutible da que o seu compañeiro e amigo Xosé Luís Méndez Ferrín denominou Xeración das Festas Minervais —na que figura ao carón doutros titáns da nosa poesía como Manuel María, Novoneyra, Xohana Torres, Bernardino Graña, o amentado Avilés de Taramancos, García Bodaño, Franco Grande ou o propio Méndez Ferrín—, a obra de Álvarez Torneiro supón un luminoso acrisolado do mellor da tradición hispana do pasado século e a máis xenuína herdanza de noso. Así, xunto a Rosalía, Cunqueiro ou Pimentel van da man Neruda, Octavio Paz e César Vallejo, mais tamén os compañeiros xeracionais amentados e outros mestres peninsulares como Aleixandre, Cernuda ou Dámaso Alonso.

Da confluencia de tan caudais ríos naceu o mar poético propio, unha escrita da memoria, onde a lembranza, como ao autor lle gustaba dicir, é a súa “intendencia”, o que o “alimentaba”. Mais tamén unha escritura na que o amor e seu reverso de desamor o alcanzan todo, un dicir lírico que é, en non poucas ocasións, metapoético, reflexivo e indagatorio sobre o oficio do creador, e sempre, xaora, solidario cos máis desfavorecidos e oprimidos, inzado de silencios, de soños e orfandades, tamén de esperanzas faiscantes entre tebreguentos horizontes.

Dono dunha poética culta sen ser cultista, dunha estética altamente conceptual, fondamente simbólica e dominador absoluto do verso libre e o poema en prosa, a súa é unha creación vigorosa, dunha imaxinería abraiante e musicalidade arrebatadora.

Deixounos Manuel Álvarez Torneiro coa mesma discreción e reserva coa que arroupou os seus días. Nun seu poema titulado “A partida” e recollido en Os ángulos da brasa adiviñaba os oficios implacables de Átropos e cantaba: “Co don de ser partimos,/ como barcos na noite, debullando/ longuísimos silencios./ Nada levamos./ Nada, senón preguntas levaremos,/ pousos de pesadelos,/ estrañamento./ Ninguén dirá por nós un madrigal piadoso”. Sei, benquerido Manuel, que has ler dende o teu ceo dos poetas estas liñas. Son a ofrenda do meu madrigal, humilde palabra do lector admirativo que xa te estraña e se consola coa luz melancólica dos teus versos.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES