Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Estrella Naseiro e Pilar Maseda

lunes, 04 de febrero de 2008
Estes días falei con dúas vilalbesas das que soan a cotío polas súas actividades, e coas que levaba moito tempo querendo falar. Unha, Estrella Naseiro, e a outra Pilar Maseda.

A Estrella Naseiro deume por chamala porque lein un artigo seu titulado ”XXL” onde reivindicaba esas tallas que ás rapaciñas horrorizan e que a fin de contas forman parte da realidade que existe o noso arredor porque os efectos do tempo e da vida van sendo acusados polos nosos corpos. Estrella comentoume que seus pais tiñan xunto á Pravia unha tenda de electrodomésticos, cousa que eu sabía hai moito tempo porque foi nesa tenda a través do cristal, onde vin eu as primeiras transmisións de televisión naquel tempo tan lonxano en que o fenómeno televisivo chegaba a Vilalba. Non había máis que darse unha volta por diante da tenda dos Naseiro para achegarse a aquel mundo que logo non me sería tan alleo pero daquela quedábame tan lonxe como a lúa á que gracias a esa mesma televisión puidemos presenciar a chegada dos astronautas do Apolo. Estrella ten unha longa traxectoria como artesana, agora pintora, actriz teatral e -polo que se ve- tamén acredita ser unha excelente comentarista a través da escrita.

Con Pilar Maseda tamén quería falar hai moito tempo, especialmente desde que caeu na miña man un libro de poemas no que se define como da Calle do Sol, e no que conta como era a vida nos seus primeiros anos, como era a súa familia -eu, hai moitos anos era amigo de seu pai- como era aquela xente, e aquela Vilalba hoxe descoñecida.

Comentoume Pilar que andan a artellar unha asociación de veciños da Praza e do seu contorno, da que ela é Presidenta. Vaise chamar, como corresponde, Asociación de veciños Santa María, porque ahí está o centro da zona antiga de Vilalba e seica vai comprender desde a miña Porta de Cima ata a Praza de San Juán, o Rolo, San Roque, Conde Pallares, Suso Gaioso... practicamente a zona que a mesma Pilar, e Bernardo García Cendán e eu tiñamos como xeografía vital naquel tempo no que Bernardo recorda que para ir á carretera había que poñerse máis presentable que para andar pola casa.

A intención desta asociación de veciños é, como a de todas as do seu xénero, defender os intereses da súa zona de influencia, e representar a esa zona e ás súas xentes diante de todos os poderes públicos. E falan de mellorar o alumeado público, a limpeza viaria... e o tráfico, como necesidade máis urxente e importante, porque a nosa praza central merece outro tratamento e os que a usamos, aínda que teñamos dificultades para aparcar, merecemos ter un espacio fermoso, cuidado, e ó servizo de todos.

Por agora é unha xestora que Pilar Maseda encabeza, pero moi axiña van elixir a súa primeira directiva e presentarse oficialmente. Eu xa recibín un correo electrónico coa nova da constitución da Asociación, cunha foto na que están os membros da Xestora reunidos co Alcalde para plantearlle problemas e necesidades.

Unha asociación así é un mecanismo perfecto para ambas partes. Para o Concello porque canaliza peticións, suxerencias, reclamacións e difunde entre os asociados as novas de interese. Para os asociados e as súas zonas porque teñen a garantía de que van ser escoitados e, dentro do que cabe, atendidos. O movemento veciñal é tan importante coma o sindical ou calquera outro.

Só un comentario final, baseado na experiencia de ver moitas destas asociacións en pobos e mesmo na capital... A Asociación ten que ser escrupulosamente independente, para poder falar con todas as forzas políticas, para non pechar ningunha porta, para que ningún interese prime por riba dos veciñais. Ten pasado en varios lugares que en canto unha forza política copou unha asociación de veciños, deixou de funcionar e desapareceu ou perdeu todas as virtudes que por principio lle correspondían.

Eu quero desexar á nova Asociación que nace longa vida e moitos acertos na defensa dos intereses dos veciños, aínda que os veciños ás veces non saiban recoñecelo. Longa vida e moitos acertos.

E a Estrella Naseiro e Pilar Maseda, que sigan falando e dando que falar, que sigan facendo cousas interesantes cada unha na súa faceta, na seguridade de que escribindo ou dialogando están facendo patria do mellor xeito. Que sigan a ser dúas voces femininas dunha Vilalba sempre necesitada de voces que falen claro, dúas voces nas que se recoñeza a sua terra cada vez que se fagan escoitar.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES