A Rubén Corredoira Grande
Santalla, Iago - miércoles, 16 de octubre de 2019
A semana pasada fúcheste anegando Coruña e Lugo de silencio; sobre todo esa Coruña loitadora e republicana na que ti encaixaches como un fillo máis, esa Coruña que rexeita as inxustizas e cóspeas na rúa para non calar. Ti sabías moito de non calar, de dar a cara unha e mil veces aínda que mil veces saíras derrotado. Porque, en verdade, quen teima xamais é derrotado. Nesta época de vampiros amarrados a altos cargos fannos falla teimudos coma ti, que poñan negro sobre branco á realidade e deixen descubertos todos os xeitos de infamia que se estenden como unha epidemia.
A túa bandeira foi a humanidade, foron todas as persoas que te rodeaban e que vías sufrir dun xeito ou doutro. Eras inmenso en empatías e, por iso, estabas alí onde facía falla dende desafiuzamentos ata ese clamor que pide a fin das noxentas casas de apostas. En ti non había contradicións porque tampouco había paradura, toda causa contaba contigo e ti sabías sempre onde estar, con quen e cando.
Foi unha vida de loita que queda como exemplo de que unha persoa pode facer un mundo mellor se loita por que o seu lugar sexa digno de habitar. Un militante da dignidade coma ti non se vai sen máis, deixa semente e semente de vencer como dicía o Reboiras . Estou seguro, meu amigo, de que o teu nome correrá pola historia como un exemplo de que todo é posible e que, un día, cando por fin o mundo cambie e vire os ollos cara a febleza, alguén volverá a vista cara ao teu recordo e lembrarate dicindo: aquí estamos, Rubén.
Ata sempre, amigo, en cada loita estarás con nós porque a memoria é xusta e ti es un exemplo imprescindible que os que virán teñen que coñecer.
A terra só acolle o teu corpo porque o teu espírito segue en pé, intacto en cada loita.
Unha aperta.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora