Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Exposicións nunha vila. Esculturas que veñen de fóra

lunes, 14 de octubre de 2019
Exposicins nunha vila. Esculturas que veen de fra A sala de exposicións do Liceo de Noia foi ocupada pola obra de Fernando Suárez coa exposición “Esculturas sen clasificar” que nos dá pé para facer un comentario.

O primeiro que nos chama a atención é a cor, esas tonalidades do metal que xogan entre o verde, o negro ou o marrón avermellado e que responden a eses materiais fillos do lume en forma de aceiro, ferro ou bronce. Materiais pesados e fortes que nas obras reducidas semellan querer voar.

Unhas pezas de tamaño medio, que se moven entre o formatos asumibles. Pequenos volumes cando se trata de pezas que poderiamos chamar individuais nas que a figura humana se sitúa en diferentes posicións de equilibro – desequilibrio (sobre zancudos, saíndo da piscina, situándose ao borde de algo, apoiándose nunha pértega, saltando unha valla ou gravitando no aire); tal vez nese grupo tamén se poderían situar aquelas outras nas que se representa a Ícaro coas súas ás imposibles, homes que camiñan introducíndose noutro medio (resinas transparentes) ou que se constrúen grazas ao espello que reflicte esa outra metade da figura. Destacan tamén as representacións de animais moitas veces realizadas con ferro pavonado, a modo de tiras de tela que constrúen a figura.

Outro apartado a ter en conta son as escenas grupais: os de Gulliver cos ananos, os manifestantes fronte á policía, os do cambio climático que son salvados por helicópteros ou as escenas simultáneas nas que podemos observar o distinta que pode ser a vida detrás de cada unha das paredes. Como punto final deberiamos referirnos a aqueles paisaxes construídos que van desde as pontes, casas e aldeas orgánicas; as outras aldeas submarinas, flotantes ou aéreas, as verticais e transversais, ata chegar ás visións de oriente cos mercados flotantes.

Eu diría que o escultor bebe nas fontes da literatura, tal como se simboliza nese cabalo de Troia (que vence as nosas resistencias ante a súa obra) ou no Ícaro que algunha vez xa é denominado Pioneiro. Experimenta coa figura masculina colocándoa en moi distintas posicións pero sempre xogando co desequilibrio que o pode facer caer e no que se mantén con dificultade; así se moven os humanos... Ás veces, non é a forza da gravidade a que tira das ás de home voador senón as outras realidades, esas que se ven ao pasar do aire ao vidro ou á resina situando a efixie a medio camiño entre unha e outra existencia, introducíndoa nun medio acuático ou extraterrestre.

Un apartado especial é o do xogo dos espellos nos que o reflexo completa a figura, porque os humanos rematámonos co artificio da palabra ou da imaxe. Esa imaxe que o asalta nas visións que gardamos de lugares afastados ou nas dos soños surrealistas nos que as casas teñen raíces e as pontes son de tránsito circular. Referencias culturais e medos ancestrais camiñan á par das iconas máis actuais como esa manifestación do Non, o Bla, bla, bla do orador, o choque frontal dun accidente ou as consecuencias do cambio climático.

Era tan doado esculpir por esculpir; tan doado a arte pola arte… pero o artista vai máis alá, tócanos na tempa como se estendera a variña máxica para que pensemos. O pensamento como unha ave vai dun a outro e compartímolo, igual que a emoción e a palabra.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES