Con nome de muller
lunes, 04 de febrero de 2008
Un Sindicato pide que se bauticen con máis nomes de muller os centros educativos de Galicia.
Tendo en conta que as mulleres son maioría no alumnado, son maioría no profesorado, son maioría na sociedade, o sindicato pide con bastante razón que os nomes dos centros amosen referencias femininas para adaptarse á realidade que nos rodea; á realidade deste mundo galego, cambiante, dinámico, actual.
En Galicia, o oitenta por cento dos centros educativos teñen nome de home, nomes masculinos. E do restante vinte por cento, máis da metade responden a diversas advocacións de santas de devoción local, sexa a Virxe da Luz, a Virxe do Corpiño ou a Virxe da Soedade, por mencionar tres colexios de ensino básico así denominados.
Cambiar o nome dun Colexio é difícil, porque o costume, a tradición, pode moito... Pero algúns hai que poden ser cambiados como o que a pesar de ter denominación feminina- se chama Carmen Polo ou o que para diferenciarse de outros posteriores se chama Colexio público número un, que hai na vila de Foz.
A petición está plenamente xustificada, é razoable, non é difícil de atender, e seguro que as autoridades educativas a fin de contas a Consellería de Educación de Galicia é unha muller sintonizan coa petición.
A feminización de Galicia país feminino ata nas formas das súas montañas- é un proceso imparable. Este ten que ser un paso máis, que a todos ten que complacer.
Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora