Real como a vida mesma
Santalla, Iago - miércoles, 09 de octubre de 2019
O pasado día 6 de outubro foi o Día Internacional da Parálise Cerebral. Aspace sacou un vídeo reivindicando o trato naturalizador coas persoas con este tipo de lesión (que non enfermidade). A idea é darlle a volta á tortilla e tratar ás persoas supostamente normais como especiais. Desta maneira poden experimentar en carne propia o que sentimos e empatizar con nós dende o fondo. Son experimentos que buscan impactar na conciencia como revulsivo e considéroos imprescindibles no camiño da loita pola inclusión.
Só o que naturaliza é capaz de convivir plenamente coa persoa, compartindo todos os ámbitos da vida e chegando a un eixo fundamental da mesma que é o humor negro. Neste eixo desenvólvese a confianza plena e constrúese unha historia propia cruzada de amizades e emocións.
Teño a sorte de recordar moitas anécdotas. Ao ver o vídeo veume á cabeza un compañeiro do instituto que unha vez me colleu a axenda e díxome: vouche poñer unha dedicatoria. A mesma rezaba: para un animal especial. Fíxome rir e gárdoa como un día ledo da adolescencia. Rirnos de nós mesmos é a mellor maneira de medrar.
Dito todo isto, tamén cómpre afirmar que moitas veces un dos maiores obstáculos que atopamos é a suposta compaixón, unha compaixón que moitas veces deriva nunha caridade mal entendida na que se nos infravalora totalmente. Hai que saber que a vida é un continuo feedback, nese feedback recibimos moito pero tamén é moito o que temos para dar e, quizais, traia consigo un impacto positivo na sociedade. Isto non significa algo magnifico pero tampouco é algo minúsculo; simplemente é o grao de area que como cidadáns temos a obriga e o dereito de aportar e que a sociedade ten que recibir.
Xa van moitas xeracións loitando pola inclusión social en todas as frontes posibles. Grazas a elas estamos a anos luz de hai 50 anos. A pesar disto, queda moito por facer e coido que un bo alicerce é empezar a concienciar á sociedade de que somos reais e que temos dereito a participar en todos os ámbitos. Ademais, estamos dispostos a coller a vara polas dúas puntas, é dicir, asumindo as nosas responsabilidades de xeito individual. Neste sentido, unha condición física non fai nin malas nin boas persoas senón que cada quen terá que facer o camiño que queira proxectando na sociedade o seu xeito de ser.
En definitiva, estamos dispostos a ser, a convivir e a desenvolvernos nunha existencia real como a vida mesma.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora