Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A taifa dos partidos políticos

viernes, 04 de octubre de 2019
Non quixera traspasar os lindeiros das miñas limitacións en materia política; pero tampouco, por un exercicio de prudencia nun ámbito onde este anda escaso, deixar de formular unha pregunta que me intriga. É a seguinte: Acaso nunha sociedade onde as opcións dos electores son cada vez máis numerosas, a hora de elixir os seus representantes, existe un correspondente aumento na valoración da súa democracia?.

Formulemos a pregunta noutros termos. Para que unha destas opcións poda cualificarse de razoable conveniencia, basta que cumpra as esixencias legais vixentes, ou debe dar respostas eficaces e contextuais?. Penso que ven ao caso reflexionar sobre todo isto, porque neste noso país os partidos políticos proliferan á mercé de imprecisas e estrañas ofertas ideolóxicas.

Con certa frecuencia e non pouca teima, algúns políticos manteñen a tese de que cantos máis partidos hai nun país, máis autenticamente democrático é este. Pero…que solucións diferentes poden ofrecer aos problemas fundamentaias?. Nacen as opcións políticas dos acomodos persoais ou dun estado de necesidade dos pobos para dar satisfacción as súas verdadeiras necesidades?.

Por suposto, eu parto de que a creación deses minúsculos partidos responde máis aos acomodos persoais ou de grupos reducidos discrepantes que a procura de solucións aos problemas cidadáns. E comprendo que esta miña opinión teña poucos que a compartan, aínda que seguramente toda a argumentación a favor da taifa careza dun elemento que hoxe en día parece que se presenta como relevante evidencia de que a democracia sae prexudicada. Refírome a quebra da EMPATÍA, e explícome.

Recentes investigadores sosteñen que empatía, esa capacidade de identificarse cos sentimentos dos seus semellantes, é a razón última que nos leva a COOPERAR en vez de COMPETIR, precisamente os que temos opinións negativas sobre outras persoas, estendéndoa nas estruturas e procesos sociais e políticos, e prestando así unha indiscutible axuda a que os egoísmos queden neutralizados polos comportamentos cooperativos. A empatía fortalécese no ámbito de cooperación e modula os comportamentos cara a utilidade.

Un importante investigador é IAÍN COUZIN, do Instituto Max Planck, en Constanza, Alemaña, fixo probas con animais, e afirma que cando actúan en grupo crean unha rede invisible que procura as interaccións entre eles, e pregúntase se esa “arquitectura invisible contribúe a como eses grupos poden responder aos cambios no entorno”, e como se producen cambios na sensibilidade dos individuos e nas conexións entre eles.

Os investigadores non dubidan de que estes resultados conduzan e podan estenderse as relacións entre a estrutura das redes sociais humanas e procesar as pertinentes informacións eficazmente, de maneira que non rompan e reduzan as “empatias”. E penso que podemos engadir, consecutivamente, que, nun sistema democrático, dividir os partidos políticos en partidiños que só difiren nos criterios de acomodo daqueles membros que se consideran máis importantes, equivale a debilitar a democracia e embarullar a funcionalidade dos partidos con fundamento esencial, como medios que facilitan a solución dos problemas que afectan a distintos sectores das sociedades.

Como estes pequenos partidos ofrecen solucións que están lonxe das súas posibilidades, porque reduciron empatías, aceptan, a veces, alianzas estrañas para acadar algún posto nos parlamentos, e despregan as súas actividades políticas, máis que nun marco de critica cooperativa, nunha certa modestia familiar, malogrando os seus integrantes talentos e vocacións. E, segundo parece, din (cren!?) que así se fortalecen as democracias.

Considero que non é difícil comprender que os sistemas democráticos deben responder ás necesidades esenciais de todos os cidadáns; pero incluso nunha democracia directa resulta imposible satisfacer as esixencias individuais desvinculadas dos servizos xerais, meramente atribuídas á xestión doméstica da persoa: Hai que facilitar cañas, para que os que podan pesquen, como adoita dicirse. E, non obstante, algunhas ofertas dos minúsculos partidos parecen conculcar este adagio, viciando o sistema democrático, con máis empeño de que serva de xustificación da taifa dos partidos, que de que sexa o adecuado instrumento do fortalecemento democrático.

E, para terminar, creo que convén resaltar o perigo que entraña debilitar as empatías dentro dun partido por aqueles líderes que non queren perder os privilexios dos primeiros postos, e para iso non vacilan en desdeñar o rol e valor persoal doutros compañeiros que, xeralmente, soen ser intelixentes e non están dispostos a soportar tales afrontas. Provocan así o orto dun pequeno partido, que incorpora os principios ideolóxicos do orixinal, sofisticándoos para que sirvan de identificación daquel e de diferenciación deste. Non é de estrañar, pois, con tanta egolatría no ámbito político, que se estenda a taifa dos partidos; pero non esquecemos que pode comportar a medieval dos reinos.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES