Á beira do Camiño: ¡Entroidadas!
Mato, Xesús - domingo, 03 de febrero de 2008
Entroido igual a entrada. Na cultura cristiá é o tempo anterior á Pascua e segue a tradición de ser tempo festivo e liberador e con sabor a primavera, con licenza para a crítica e para axudar á nosa decaída auto/estima. A xente do rural (do que vimos a maioría) sabe de que vai. E por iso o celebra. Con comida familiar e con cheiro a liberdade e a liberación. Das poucas datas que a nosa xente sinxela do pobo se podía manifestar. Sen lindes e límites para a crítica e para a denuncia (¡sen ofender!) daquilo que non estaba ben e acontecía na súa entorna.
Cando os galegos dicimos (¡es ou pareces un entroido!) estamos a falar de algo raro, fóra de lugar, anormal. ¡Do esperpento, do espantallo!. Cando dicimos entroidada estamos a falar tamén das barbaridades, incoherencias e/ou contradicións. Sobre todo, das públicas que tentan disimular ou esconder, de xeito descarado, ou das enleadas nunha carauta ou disfrace.
Abondan no País. Hai dúas de sona e de gran calado. E tamén de escándalo: A entroidada dos políticos coas súas incongruencias, falsidades, insultos, silencios, mentiras e mesmo burradas nesta longa e aburrida campaña electoral e a recente (a dos bispos da CEE) coa desafortunada e incoherente nota tentando de orientar o voto cara un partido cando a súa especial misión (a de Xesús) debería ser dunha clara actitude de chamada á acollida, ao diálogo, á misericordia, á reconciliación, á paz, ao perdón e... ¡ao amor, a esencia da fe cristiá! O poder, segue a pór carautas e a se mostrar coma un esperpento e/ou espantallo. Uns e outros non se queixen de que os leven ás rúas. ¡Téñeno ben merecido! Esquecen que a voz do pobo é a voz de Deus

Mato, Xesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora