Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A arte de vivir

viernes, 04 de octubre de 2019
A arte de vivir, como tódalas artes, é de lenta e custosa aprendizaxe. Non se fala aquí do primeiro chanzo da definición: ter vida ou existencia, senón de levar a vida dun xeito determinado. E para iso hai que sumar ideas, experiencias, valores, derrotas e conquistas. Demasiada xente pensa que vivir é acumular. Coches, casas, xoias, cartos, pantallas, zapatos. Obxectos que se poden tocar. Cousas para posuír, amorear. Encirrados nesa carreira, a crise semella unha traxedia: despoxados de cartos somos máis pobres, sen cartos non temos vida, non somos nada.

Se queremos que os cartos compren felicidade é mellor non amontoar cousas senón anacos de vida. Por exemplo cear fóra cos amigos, coa parella. Mercar media ducia de rosas das que ulen para que o arrecendo chegue á persoa amada, xusto cando non é San Valentín, nin Papá Noël, nin o Día do Pai ou da Nai. Fermoso anaco de vida é visitar Praga, ir ao teatro ou mercar unha botella fastosa de mencía de Valdeorras.

Estes retallos de vida, estas experiencias que imos atesourando nos faiados da memoria ou nese órgano tan profundo que é a pel, producen máis felicidade. Con eles compramos máis contacto social. Estamos máis vivos.

E sen embargo, enganados polos medios, polos donos dos cartos, polos magos da publicidade, compramos e acumulamos. Atesouramos o brillo inútil do ouro. As fillas, os rapaces están a aprender na escola da casa, nas aulas da sociedade a conxugación enteira do verbo ter, mentres esquecen os tempos do verbo ser. Os adultos, os pais e as nais son os espellos onde se miran. Hai quen prefire ser o máis rico do cemiterio. E ben que fan!, dirán os marmolistas e os vendedores de cadaleitos. Ben feito!, aseguran os que venden chalés na costa, vendendo ao mesmo tempo dores de cabeza e hipotecas para trinta anos, que noutro pratiño da balanza acaban pesando máis que ser propietario da primeira liña de praia.

Gastar en vivir. Comprar vida nunha exquisita comida compartida sabendo que outros pensarán que fora mellor mercar un reloxo. Aprisionados polas présas, encadeados polo tempo. Uns acabarán cheos de vida vivida, de experiencias, de contactos e recordos. E outros rematarán co faiado acugulado de zapatos. A fin de contas, os camiños son interminables, pero só temos dous pés.

A experiencia é infinitamente máis grande que a posesión. Un pode comprar unha finca de mil hectáreas. Outro é dono de tódalas paisaxes, de tódolos paseos collidos da man, de tódalas viaxes.

Non se trata de descansar en Ítaca, senón de percorrer con Ulises tódolos camiños que levan alí. Adornados con perlas e perfumes, arribando a bahías descoñecidas, buscando a quentura irmá de homes e de mulleres, recorda no seu poema Konstantinos Kaváfis. Ítaca regálanos todo se somos capaces de emprender a fermosa viaxe da vida lixeiros de equipaxe.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES