Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Gústame escoitalos ladrar

miércoles, 02 de octubre de 2019
Levamos moito tempo aguantando indignidades de quen viviu toda a súa vida con plena liberdade de expresión mentres lla negaba aos seus semellantes, oprimíndoos e tratando de mergullalos nun silencio no que ata a propia vida lles debían. Naturalmente estou a falar do franquismo que tiven a sorte de non vivir porque nacín nunha democracia construída nas mesmas liberdades xa propugnadas e proclamadas na Constitución da II República.

Non entanto, considero que, a diferenza dos animais,o ser humano ten a capacidade de aprender da Historia para cambiar o presente e o futuro. Eu acostumo a agradecer a todas aquelas persoas que deron a súa vida pola liberdade e que aínda hoxe se lles nega o dereito a un descanso digno.

A memoria histórica intentou simplemente dar dignidade a quen nunca a tivo e construír un país sen fosas comúns, símbolo da vulneración absoluta dos dereitos humanos.Non fai falla máis que botar unha ollada ao mundo para ver que unha ditadura constrúese establecendo unha clase dominante que se capacita interesadamente para manexar aos de abaixo finxindo dar un benestar que nunca existe. Daquela rematar coa ditadura require rematar tamén coa clase que a sostén e se nutre dela.

Feito isto (que á vista está que non se fixo) toca construír democracia, dignificar e resarcir ás vítimas e establecer o ostracismo para determinada xente. Aquí custou décadas dar voz ás vítimas, mudar os rueiros e mesmo pronunciar a verba república.

Xa é hora de deixar de financiar a determinadas familias xeración tras xeración. Temos un gran país ao que lle falta hixiene moral. Estamos a tempo de cambiar, de erguer ante o mundo unha bandeira de dignidade pero temos que restituír honras e poñer no seu sitio aqueles sátrapas que quixeron erguerse sobre nós roubándolle ao pobo o seu principal tesouro: a liberdade.

Acabar co mausoleo que o ditador construíu a costa dun campo de concentración debería ser unha obriga histórica e democrática indiscutible.

Mentres ladren cabalgaremos e quizais como dixo Alberti e canta Paco Ibáñez, teñamos que galopar ata enterralos na mar.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES