Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As televisións nos hospitais

martes, 01 de octubre de 2019
Eu, coma os centos de milleiros de galegos que semanalmente seguen o programa "Lugar" na televisión galega, fun un máis dos que estiven pendentes da entrevista que o seu presentador, o omnipresente Xosé Ramón Gayoso, lle fixo o pasado venres, ó noso admirado conveciño e tocaio meu de apelido, Xosé Manuel Piñeiro.

A última vez que coincidín con meu "parente" alaricano -ou allaricense, nunca lle preguntei en cal dos dou xentilicios milita- foi na Festa do Boi da súa vila de Allariz. Estabamos tomando o aperitivo nun bar da praza maior, el cuns familiares e eu tamén, practicamente res con res, cando escoitei a súa inconfundible voz.

Por máis que algunha vez nos tiñamos falado pola vía do whastApp e eu era coñecedor da súa lenta pero saudable evolución, foi para os dous unha sorpresa inesperada, polo que nos demos un abrazo fraternal e coa súa gorra calada confirmoume que pronto recuperaría as súas columnas neste mesmo xornal e que tiña esperanza de que bastante máis cedo ca tarde volvería á súa plena vida profesional.

E velaí como o pasado sábado confirmou que comezaba a pechar o paréntese no mesmo lugar no que preto dun ano antes o abrira para pronunciar publicamente esa palabra maldita que ninguén queremos nunca pronunciar.

Dixo moitas cousas Xosé Manuel Piñeiro, no tempo fuxidío que permite un programa de televisión como é o Luar. Moitas de moito calado persoal que nos debería facer reflexionar a todos cando nos anoxamos por nimiedades laborais, por banalidades familiares ou por meras idioteces que con frecuencia fan que as amizades veñan e van coma unha barca das festas.

"Benditas máquinas", reivindicou, sen ter que dicir máis, para que quen quixese entender que entendera, cando esputan contra quen decide -porque lle peta- colaborar coa sociedade, así, sen máis.

"Bendita relatividade ou relativismo, que permite ollar a vida con outro ritmo e a escala de valores cos chanzos mudados de lugar". Isto non o dixo de forma literal, pero foi coma se o dixese, porque agora son moitas as prioridades que noutrora non formaban parte principal e agora constitúen faros cos que se guiar.

E "benditas televisións nos hospitais", tamén dixo en sentido figurado, proclamando algo que debería resultar unha evidencia, pero desgraciadamente non é tal.

Hai algunhas cousas arredor da sanidade hospitalaria que é posible que se poidan aforrar, pero como el ben reclamou, a televisión nas habitacións debería formar parte da receita sanitaria, igual que o forman as pastillas ou as sabas, porque ter a cabeza entretida e o paso do tempo mentalmente sen contalo, axuda a sanar máis cós propios medicamentos que alí dan.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES